O XXIII Festival Internacional de Títeres de Redondela. Memoral Juanjo Amoedo celebrarase en Redondela do 12 ao 17 de maio, e desenvolverá máis de 80 actividades a cargo de 31 compañías de variada procedencia.
O festival recupera así as súas datas habituais despois de dous anos nos que, a causa da pandemia, se celebrou en setembro. Nesta edición daranse cita compañías procedentes de países como Italia, Francia, Israel, Eslovenia ou Arxentina e tamén doutras comunidades autónomas, como Madrid, Aragón ou Castela-León, entre outras, ademais dunha forte presenza de compañías galegas como Tanxarina Títeres ou Alakrán Títeres.
A Asociación Xente Titiriteira, organizadora do Festival, está ultimando os últimos detalles que forman o Festival, nun intento de recuperar as rúas e prazas para as e os espectadores e que o público poida gozar do Teatro de Títeres con liberdade, cun programa intenso de sala e rúa coa idea de converter a Redondela nun referente no mundo do Títere.
Nesta XXIII edición quérense recuperar as colaboracións comerciais, xa que unha das características do Festival dende os seus inicios é o apoio do tecido comercial da vila e contorna, que coas súas axudas fan seu o Festival. Nestes dous últimos anos suspendeuse a recollida dos donativos por causa da crise provocada polo coronavirus. Pese a todo, e baixo o titulo “A forza dun pobo”, nestes anos publicaron igualmente o cartel de agradecemento aos seus colaboradores/as.
Esta edición do Festival de Títeres de Redondela 2022 propón recuperar, aínda que de maneira reducida, o Mercadiño Titiriteiro, un espazo que será dedicado a postos relacionados co Mundo do Títere.
A primeira actividade do Festival comeza xa en abril coa Exposición: “40 anos de Tanxarina Títeres”. Redondela rende homenaxe á histórica compañía Tanxarina Títeres, e quere mostrar parte dos 40 anos da súa traxectoria nos escaparates do comercio local.