Crítica

Isla

Imaxe de Pilo Gallizo

Na illa da fantasía

Dentro da programación de Vigocultura deste ano, o teatro familiar, a danza, os monicreques ou o circo teñen un espazo propio que co tempo vai gañando máis presenza debido, en parte, á súa calidade e á cada vez maior demanda do público.

Unha destas propostas, que xunta o teatro, concibido para as crianzas e adultxs, e as artes circenses é Isla. Un espectáculo da compañía aragonesa D’Click, fundada en 2010 por Javier Gracia e Hugo Gauthier, aos que logo se uniría Ana Castrillo e que, dende a súa primeira andanza, levan acadado varios premios no teatro da súa comunidade. De feito, con Isla acadaron o Premio ao Mellor Espectáculo de Circo Aragonés en 2017, o Premio Circada de 2019 e o primeiro Premio Santa Isabel de Circo da Deputación de Zaragoza, neste mesmo 2021.

En Isla asistimos ao naufraxio e posterior experiencia de supervivencia, nunha illa deserta, de tres navegantes dun barco de recreo. O que de primeiras semella unha competición por acadar un espazo propio e exclusivo dentro da illa, remata por converterse nunha actitude colaborativa cando xs náufragxs entenden que a supervivencia non ten sentido se non é acompañada.

Para desenvolver esta idea, a compañía apóiase en elementos sinxelos e básicos, manexados con destreza, como son tres caixas de madeira e un mastro chinés, cos que compoñen espazos variados como un barco, unha montaña, unha palmeira ou o mar, sempre a través do emprego do traballo físico e a expresión corporal, destilada ata o máis mínimo detalle.

Isto nótase na ampla lista de persoas que colaboraron para poñer en marcha a peza, contando tanto con especialistas para as acrobacias e manexo das ferramentas circenses, como para o traballo actoral ou a especialización dos obxectos de escenografía, que teñen varias caras e varios empregos. Do mesmo xeito, a iluminación axuda a realzar o factor onírico da peza, así como a música acompaña a trama como unha ferramenta máis da dramaturxia, comentando por exemplo as emocións dxs personaxes.

Xs tres intérpretes presentan as súas destrezas ximnásticas nun altísimo nivel. Especialmente salientables son as excelencias contorsionistas de Ana Castrillo, moi elocuente tamén na expresión oral, así como a compenetración entre Javier e Hugo, creando coreografías tan divertidas coma enxeñosas. O emprego do mastro chinés axúdalles ademais a compoñer en altura, xogando coas caídas dun xeito abraiante, en especial polo feito de deixarse en caída “libre” e freando a poucos dedos do chan. Impresionante.

En conxunto, o espectáculo resulta ameno e divertido, e engancha a pequenxs e maiores por igual, deixándonos con ganas de máis.

Así que anímense a vir ao teatro, ao circo e ao teatro-circo. Cómpre non pensar que porque un espectáculo teña a categorización de “familiar” será algo menos axustado para xs adultxs. A especialización para tódolos públicos resulta en traballos de moitísima calidade, como o caso desta Illa.

Ficha artística

Isla, de Compañía D’Click

Produción e Dirección: Compañía D’Click
Apoio de Dirección artística: Pau Bachero
Apoio coreográfico: Compañía Mar Gómez
Intérpretes: Ana Castrillo, Javier García e Hugo Gauthier
Dirección técnica, Son e Iluminación: Carlos Samaniego
Deseño de Iluminación: Roberto Gregorio Moreno (Txuxi)
Creación do Espazo sonoro: Santiago Latorre e Manuel Estrada
Escenografía: Carlos Herrero
Resolución pictórica dos elementos: Factoría Golondrina
Vestiario: Pep4
Deseño gráfico: Luislo / Detalier Estudio Creativo
Fotografía: Pilo Gallizo
Visión externa actoral: Alfonso Pablo
Colaboracións técnicas: Ingrid Magrinyà (coreografía) e Guillaume Peudon (mastro chinés)
Tráiler: Lucía Estévez
Fotografía: Leticia T. Blanco
Making Off: Pilar Abades
Audidorio do Concello de Vigo. 27 de febreiro de 2022.

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Subscríbete ao boletín á newsletter

Recibe no teu email as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!