ESCENAS (CON)TEXTUALIZADAS
Unhas notas de Afonso Becerra
En Escenas do Cambio 2022, 5 creadoras de Galiza xeran 5 propostas moi diferentes para 5 espazos da Cidade da Cultura.
MURMURIOS CUÁNTICOS de Helena Varela, comeza a brincar con algo serio, con estar a piques parir, nun monólogo dirixido a nós. Logo tómbase no chan e sepárase da barriga. Deitada á beira, monologa coa nai que morreu no intre do parto. Poema escénico sobre a vida e a morte, a luz e a escuridade, desde o humor e a tenrura.
SEX de Helen Bertels é outro poema escénico sobre a luz e a escuridade das relacións afectivo-sexuais. Aquí desdóbrase a voz, gravada en galego e directa en alemán, a lingua materna. Os zapatos de tacón altísimo, a nudez estilizada nun movemento que nos interpela desde a intimidade exposta, igual que o fai a palabra. Soidade vs procura do outro.
A LOS CLAROS DEL BOSQUE NO SE VA A PREGUNTAR de Ana Vallés é un conto, tamén sobre a procura. Na escuridade da sala, sentimos máis do que vemos a Ana, que pasea e nos fala da necesidade de pasear, de procurar sen comenencias. As clareiras do bosque están baleiras, pero tamén están cheas. Igual que esas raiolas que amplía a danza de Nuria Sotelo.
SER TOMADA POR GRANITO (CON ÚRSULA K. LE GUIN) de Gena Baamonde tamén é unha performance de poderoso contido ideolóxico, un xogar ensaístico de dúas mulleres, Gena e Andrea Quintana, que nos convocan. Desde o pranto, teoricamente inmotivado e brutal, na ironía sobre o finximento actoral, até as cabezas cuadriculadas de granito. Mentir para aturar e para crear a fortaleza que o social nos parece pedir.
SOBRE O BALEIRO de Ana Abad de Larriva, tralo mostrador de recepción da entrada do Museo do Gaiás é unha denuncia sobre o execeso de ruído, présa, traballo, información… Abad esmigalla coa voz e os sons gravados todo ese monte de pesos innecesarios que nos abafan e co corpo mantén un discurso paralelo, con notas de pantomima e teatro físico. A automanipulación corporal e xestual crúzase, ademais, de maneira lúdica, coa beleza das imaxes de vídeo. Ana por veces lembra ao Charlot de Tempos modernos, nesa automatización case pallasesca, pero moi existencial.