Nova Galega de Danza representará Credo, a súa nova montaxe, o martes 17 de maio ás 20:30h en Ariño-Pantín. A agrupación é a primeira compañía galega de danza en gañar un dos premios máis recoñecidos das artes escénicas nacionais, o Premio Max ao Mellor intérprete masculino de danza, e tras ser recoñecida co Premio da Cultura Galega outorgado pola Xunta de Galicia.
A compañía, dirixida polo coreógrafo e bailarín ferrolán Jaime Pablo Díaz, pon sobre as táboas espectáculo que conta co apoio da Xunta de Galicia a través do programa de coproducións da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) no Centro Coreográfico Galego. Credo presenta unha adaptación poética da obra de Celso Emilio Ferreiro mediante unha referencia á viaxe interior que supón o Camiño de Santiago. A peza combina música e danza, unindo na mesma liña conceptual os cruceiros de pedra que se atopan na paisaxe galega do percorrido xacobeo.
O corpo de danza de Credo, composto por seis bailaríns da compañía (Inés Vieites, Estefanía Gómez, Uxía Rivas, Pablo Sánchez, Ricardo Fernández e Amara Pérez), desenvolverá un traballo físico de alta intensidade pensado para indagar os límites da linguaxe corporal e o seu vínculo co espazo habitado. A música orixinal, a cargo de Sergio Moure, interpretará os sons dunha Galicia intemporal imbricada na multicuturalidade propia do Camiño. A coreografía tradicional corre a cargo de Jaime Pablo Díaz.
Nova Galega de Danza e os Premios Max
Nova Galega de Danza ven de ser recoñecida recentemente co Premio Max ao Mellor intérprete masculino de danza pola actuación de Iván Millar en Leira, unha peza pola que a agrupación tamén fora nominada a Mellor Espectáculo de Danza. Este fito sitúa á compañía como a primeira de Galicia desta disciplina en ser galardonada en ámbito nacional por este certame promovido pola SGAE.
Ademais, Nova Galega de Danza obtivo o Premio da Cultura Galega na categoría de Artes Escénicas. Trátase dunha distinción outorgada pola Xunta de Galicia a aqueles axentes culturais destacados pola súa innovación e preservación da idiosincrasia galega.
A agrupación, creada en 2003, naceu coa vocación de innovar ao tempo que fusiona en vivo a danza e música de raíces galegas. Credo supón o séptimo espectáculo de Nova Galega de Danza tras Leira (2021), Son (2016), Dez (2013), Tradición (2008), Engado (2006) e Alento (2003).
Á dirección de Jaime Pablo Díaz súmanse o coreógrafo Fabián Thomé, o compositor musical Sergio Moure, as bailarinas Inés Vieites, Estefanía Gómez, Uxía Rivas e Amara Pérez, e os bailaríns Pablo Sánchez e Ricardo Fernández.