in ,

A MIT de Ribadavia desvela as datas, o lema e a imaxe da súa 38ª edición

mitribadaviapublico |
Público asistente a unha función da MIT nunha edición anterior

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, MIT, vén de dar a coñecer as datas, o lema e a imaxe para a mostra deste ano. A 38ª edición desenvolverase entre o 15 e o 24 de xullo e o lema que guiará a programación da MIT deste ano é “Actuando nas marxes”.

Así, a liña de coherencia xirará arredor dos “territorios nas marxes, eses espazos artísticos, sociais, xeográficos e políticos que nos estimulan, que nos cuestionan, que nos convidan a ver a complexidade da realidade sen caer en discursos simplistas. Aquí queremos asentar a liña conceptual desta MIT 2022. O marxinal, o marxinalizado, a marxinación, a marxinalidade… Os límites e o prohibido, o tabú, o esquecido, aquilo que moitas veces se oculta, o que non podemos definir, o que nos provoca incertidume, o que nos fai rir de xeito incómodo, o que nos convida a revisitarnos na nosa vida de enxuizamento e polarización constante. É un tema estimulante, un concepto aberto, na liña da creación contemporánea e do seu carácter liminal, como quere ser este festival que sempre aposta por descubrir e explorar novas fronteiras e o modo de cuestionalas”. A programación completa que habitará esa semana e media nunha das citas obrigadas do verán para o teatro galego darase a coñecer no mes de xuño.

O deseño para esta edición, de A&B, gabinete creativo de Ribadavia que xa forma parte do equipo habitual de traballadoras da MIT, combina formas xeométricas e coloridas con fotografía dos corpos en escena de edicións anteriores, corpos fotografados por Rosiña Rojo. O cartel inspírase na corrente artística do Grupo Memphis, que xurdiu en Italia nos anos oitenta para revolucionar o concepto de deseño e arquitectura: “o carácter vibrante das formas e o colorido enlaza coa idea festiva e celebrativa que quere expresar o festival, un festival de encontros, provocador desas formas e imaxes excéntricas, é dicir, fóra dos centros e na forza das marxes”.


Publicidade

MIT 2022 web scaled |
Cartel da 38ª edición da MIT

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Xosé Manuel Pazos

O Auditorio Municipal de Cangas levará o nome de Xosé Manuel Pazos Varela

Credo de Nova Galega de Danza

‘Credo’, unha viaxe polo Camiño de Santiago da man de Nova Galega de Danza