in , ,

O FIOT de Carballo abre a convocatoria para a sexta edición do Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado

Arroutadas |
'Des-abonar', de Arroutadas. Imaxe do FIOT.

O Festival Internacional Outono de Teatro, FIOT, de Carballo, celebrará este outono a súa 31ª edición. No marco da súa programación habitual, o festival abre este mes a convocatoria do Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, unha das liñas de programación máis queridas polo público local, ao ofrecer creacións escénicas experimentais en espazos non teatrais e singulares da localidade.

Micro-Escenas Metro Cadrado, o primeiro certame de microteatro que se realiza en Galicia, nace ao abeiro do FIOT como unha proposta específica de apoio á creación escénica de novos formatos e de compañías ou creadoras e creadores emerxentes. Á vez que se difunde e visibiliza o seu traballo, as artistas son quen de xerar, no marco dun festival, novas experiencias teatrais, de pequeno formato, en contextos non habituais para a representación escénica, que contextualizan e serven de escenografía natural da obra nos que un número moi limitado de asistentes  se situará a curta distancia dos intérpretes. Así, Metro Cadrado ofrece cada ano ao público da comarca unha nova experiencia escénica, diferente ás habituais nos recintos: sen barreiras, sen artificios e desde a proximidade, que posibilita a captación de novos públicos e a implica á veciñanza en proxectos escénicos.

Nesta sexta edición do certame, o certame convida as compañías ou artistas emerxentes a crear ou deseñar un espectáculo (de teatro físico, música, clown, performance, danza, manipulación de obxectos…) de entre 10 e 20 minutos, que se poida poñer en escena, especificamente, nun espazo non teatral entre o 7 e o 29 de outubro de 2022.

Este ano os espazos ofertados serán o despacho do alcalde, un posto do mercado de abastos, unha pista de skate, unha aula empresarial, o balcón do Concello de Carballo para ver desde a rúa, un parque ximnasio para maiores, o espazo debaixo dunha ponte ao lado do río, un espazo cultural, un estudo de fotografía, unha tenda-fábrica de chocolate artesanal, unha tenda de zapatillas deportivas e moda urbana, e o o escaparate  dunha tenda de zapatillas deportivas.

As propostas poderán ser tanto pezas orixinais como pezas xa estreadas, aínda que o xurado do certame (composto por diferentes persoas relacionadas coas artes escénicas) terá en conta a nova creación e, especialmente, a adecuación e a interacción cos espazos ofertados e a autoría propia. Ademais, atendendo ao interese do FIOT nos proxectos e experiencias teatrais singulares que fan un uso innovador de cultura dixital e a tecnoloxía, procurarase seleccionar cando menos unha proposta que se desenvolva ou no que teña un peso moi claro os medios en liña ou virtuais. 


Publicidade

As pezas seleccionadas polo xurado, unha vez representadas, recibirán unha compensación económica de 450€. Ademais, todas as obras exhibidas serán valoradas polo público asistente mediante un sistema de votacións e optarán a premios de 150€ á Mellor Interpretación e ao Mellor Espectáculo. A dotación en premios do certame é dun total de 3000 €. O prazo de presentación de solicitudes, que se pode facer a través do correo electrónico [email protected], rematará o 30 de xuño.

Un certame aberto á diversidade

Nas súas primeiras cinco edicións, o Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado acadou un importante éxito en canto ás propostas recibidas, tanto polo seu número (180) como pola calidade e diversidade das pezas; sendo quen de suscitar o interese de creadores e creadoras de múltiples perfís tanto de de creadores individuais, coma de equipos (integrados por 3-5 persoas), da veciñanza e mesmo dos axentes económicos, comerciais ou cidadáns de Carballo que colaboraron coa cesión de espazos. Neste primeiro lustro de actividade, Metro Cadrado contou con funcións, entre outros puntos do territorio, nun lavadoiro municipal, nunha barbería, nunha perruquería, nunha paquetaría, nas fiestras da Ludoteca Municipal ou mesmo no Salón de Plenos.


No 2021 o FIOT recibiu un total de 36 propostas
para participar no Metro Cadrado, tanto de profesionais destacados da escena galega como de colectivos ou agrupacións de afeccionados. As pezas que participaron, seis estreas absolutas, foron A miña casa é un palco de música, de Sara Guerrero (gañadora do recoñecemento do público á Mellor Interpretación); A/O pesar do tempo, de David Rodas González; Des-abonar, de Arroutadas (Lydia Prada e Mario Rodríguez López); Na sombra, unha árbore, de Ana Abad de Larriva; OldPlay, de Antón Coucheiro (gañadora do premio do público como Mellor Espectáculo); e Os crocodilos son bichos extremadamente vaidosos, de Núñez& Is Socios Limitados (Jimmy Núñez e Ernesto Is).

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Alfonso X o sabio. Real Academia da Historia

As conmemoracións mandan

Nuria Sotelo en Mortais e vulnerables

O programa de intercambios escénicos Cruzamentos acepta solicitudes de artistas e compañías