in

A Agadic acorda co sector as medidas que desenvolverá o plan integral para a danza de Galicia

Mesa plan integral para a danza |
Imaxe de Xoán Crespo

A Cidade da Cultura acolleu esta semana a última xuntanza da mesa de coordinación do Plan Integral para a Danza de Galicia, na que se consensuou un documento de propostas prioritarias que servirá de base cara á súa redacción e posterior aplicación. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades impulsou a posta en marcha deste proceso colaborativo e transparente a través da Agadic, que comezou cunha convocatoria pública para a participación cidadá a través da que se recibiron achegas de máis dun cento de axentes culturais e profesionais da danza.

Estas contribucións foron o punto de partida para o labor da mesa de coordinación do Plan na que, ademais da Agadic, estiveron representadas as principais asociacións do sector da danza e as artes do movemento en Galicia (Escena Galega, Colectivo Rescat-Arte, Plataforma Artes do Movemento e Plataforma da Danza Galega), así como salas de artes escénicas, festivais e responsables de programación.

Obxectivos consensuados

O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, conduciu esta última reunión, na que se consensuou un documento coas prioridades para o sector, que foron identificadas e votadas polos diferentes colectivos participantes nas sesións de traballo previas. Deste xeito, todos os membros coincidiron en sinalar entre os obxectivos que debe desenvolver o Plan Integral para a Danza o impulso da exhibición desta disciplina nos escenarios galegos e o desenvolvemento de programas de residencias artísticas, nas súas diversas tipoloxías, así como a revisión das bases das convocatorias de subvencións e de coproducións ou a ampliación dos obxectivos do Centro Coreográfico Galego cara a intensificar as colaboracións nacionais e internacionais.


Publicidade

Tamén se inclúen neste documento base outras propostas destinadas a lograr unha maior profesionalización do sector, á visibilización das actividades no rural, ao fomento da heteroxeneidade de linguaxes, ao apoio do talento emerxente ou á creación de actividades de mediación, xunto con outras encamiñadas a lograr unha maior difusión da danza e as artes do movemento nos medios de comunicación ou a reactivación da campaña de declaración do baile tradicional galego como Ben de Interese Cultural.

A partir deste momento, iníciase unha nova fase na que estas propostas se clasificarán en liñas e obxectivos estratéxicos, constituíndose grupos de traballo específicos para abordar cada unha delas, sempre en diálogo co sector e baixo a revisión periódica da evolución do proceso. O obxectivo final é a redacción do plan que marcará o desenvolvemento e execución ao longo dos vindeiros anos destas medidas de mellora por parte do Goberno galego.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'Yellow Lemon' de Xián Martínez Miguel. Fotos: Guillaume Guardia e Máxime Còte.

Danza cítrica

Falece Lino Braxe

A MITCFC inaugura a súa 39ª edición cunha homenaxe especial a Lino Braxe