Hai cousa de cinco anos descubrín a María Casares. Descubrina tarde e enfadeime por descubrila tarde. Enfadeime tanto que decidín que todo o mundo tiña que coñecela xa, non podía ser que unha actriz coma ela estivera condenada ao esquecemento. Cando rematei a carreira, elixín facer o meu Traballo de Fin de Grao sobre a tradución dende o francés dalgunhas das cartas que a Casares intercambiou con Albert Camus. Esa foi a miña primeira forma de homenaxeala e de destacar a vida e obra desta protagonista da escena francesa.
Este ano celébrase o centenario do seu nacemento. Aquela Vitola que París acolleu sendo ben noviña e que fixo dela a dona dos seus escenarios volve en espírito á súa terra natal. Moitos anos se precisaron para que o público a coñeza realmente. Cando eu vivía en Francia, dicir o nome de María Casares significaba aplauso e recoñecemento, poucas persoas descoñecían a súa figura. Non é o caso deste país onde a maioría da xente non a coñece e, se o fai, só é polo feito de ser a filla do exiliado Casares Quiroga ou a amante de Camus. Esta terra nunca poderá perdoarse enterrar na desmemoria a María da maneira na que a enterrou. Porque o triste do exilio desta actriz non foi só o lonxe que tivo que marchar. O triste foi que na súa propia casa foi negada. Ao final foi certo que a única patria que tivo foi o teatro, o que nunca lle fallou e o que a amou tanto como ela amou as táboas.
Este ano conmemorámola, porén, traela de volta non pode ser só cousa dun aniversario. Este país segue exiliándoa aínda despois de morta por medio dun deixamento democrático imperdoable. En Galicia si que se lle coñece no ámbito escénico, pero, e na rúa? E xa non vou falar a nivel estatal… O noso deber é preservar a súa memoria e traela de volta. Acudan a informarse sobre ela, aos roteiros sobre a súa vida, ás marabillosas producións teatrais postas en marcha para celebrala. Fagamos dela unha homenaxe permanente e pode que así logremos que o seu nome se escriba a carón da historia desta terra. A súa terra. Non volvamos desterrar a quen declamou á Fedra de Racine coma poucas, a quen levou a esencia galega polo mundo. Non deixemos marchar a María Casares nunca máis.
Unha muller que foi moito máis que filla e amante, moito máis que eterna descoñecida. María foi por ela mesma. Actriz, tempestade, océano, historia, pasión, aplauso, intensidade, emoción, escenario, loita, musa, vida.
Única. Monstre sacré.