in

A acción da emoción

Foto: CurvaBezier
Foto: CurvaBezier

Dicir non é facer. A existencia é un conxunto de accións que dan sentido a un texto completo, un texto que cadaquén vai facendo ao seu modo porque nada hai escrito.

Nas clases de teatro, as miñas mestras, Silda Alfaro e Sonia Rúa, sempre nos ensinan a que se debe contar algo con accións, non só con palabras. E teñen toda a razón. A acción é a que leva consigo a palabra. A posición corporal dunha persoa que está interpretando un texto é moi importante para que a voz brote correctamente, para que a emoción transite os lugares adecuados e para que as palabras da personaxe signifiquen o que teñen que significar. O texto é moi importante pero as accións tamén  contan a historia, son as que lle dan vida ao texto e as que o fan real. E que complicado é atopar o punto de equilibrio accional entre o exceso e a ausencia, aí está o xogo, a busca do que se quere contar. Todo o traballo que hai detrás. Tamén na vida de platea, tamén fóra do escenario.

Na vida, por moi sinceras e bonitas que sexan as palabras, se non van acompañadas de accións, de nada valen. Na vida de nada vale dicir sen facer. Sen ser. Somos o que facemos e como o facemos, non o que dicimos que imos facer. Somos o presente que comunica, que sente. E é que as emocións son tamén físicas e o corpo é o lenzo no que se debuxa o sentir. As emocións e o que por dentro somos precisan unha maquinaria que se exprese para poder saír á luz. Precisan a catarse. Ben seguro que as palabras que dicimos son vitais, mais vital tamén é a maneira na que se din, na que se accionan.

Porque dicir non é facer. E na palabra está calquera, pero nos feitos non. Calquera pode dicir pero non todo o mundo fai o que di. Non todo o mundo cumpre o que promete. Non todo o mundo actúa como di que fará. Como pensa. Como sente.


Publicidade

Somos un todo. Texto, espazo, emoción, acción. Comunicar é un todo. Sentir é un todo. Ser é un todo.

E xogar a ser sobre o escenario tamén é un todo.

Laura Pousada

Laura Pousada

Tradutora, intérprete e profesora. Estudei linguas estranxeiras para comunicarme e ensinar a comunicarse e por esa razón o teatro e a escritura sempre foron dúas constantes na miña vida. A transmisión dende a verdade, dende a catarse e a esencia de ser. Dende o papel e o escenario, que están moi unidos ás aulas. Porque actuar e escribir non son só unha sucesión de palabras bonitas, deben ser dende a emoción. Coma a vida.
Traduzo, interpreto, ensino, actúo e escribo para dar voz ao silencio. Entre outras moitas cousas.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Cortina vermella

La Bañeza convoca o XI Certamen Nacional de Teatro Amateur In Vino Veritas

Pussy Cake de Matarile

Pussy Cake (put your hands over me)