in

AdoroAdoro

Pussy Cake (put your hands over me)

Sex ou non sex

Pussy Cake. Foto: Rubén Vilanova.

Coa estrea de Pussy Cake no Teatro Principal de Santiago de Compostela, a senlleira compañía Matarile comeza unha nova andaina, sendo esta a primeira peza que dirixe Baltasar Patiño en solitario baixo o mesmo nome, logo daqueles Hombres bisagra (2014), que podemos tomar como unha primeira mostra do seu traballo como director de escena, aínda que aquel estivese firmado tamén por Ana Vallés.

Como entón, a proposta mestura performance e danza cun espectáculo audiovisual onde a coreografía da luz, do son e do vídeo é tan importante como a partitura corporal realizada sobre a escena.

A diferenza é que, se Hombres bisagra xiraba en torno á figura e ao corpo do home, Pussy Cake xira en torno á muller e, obviamente, ao seu corpo.

A obxectivación do corpo feminino é unha das teimas machistas máis recorrentes da historia, converténdoo dende mero obxecto funcional e/ou reprodutivo até en elemento decorativo ou material de adoración e fascinación erótica. Isto é algo do que a sociedade de hoxe en día aínda non foi quen de escapar, como reflexa a ideoloxía transfóbica que pretende limitar a definición de muller a un aparato xenital.

Pussy Cake expón a corporalidade feminina sen complexos, de xeito tan diáfano coma o espazo escénico que nos acolle, cun chan forrado de branco e unha pantalla panorámica de fondo, onde se amosarán as proxeccións e vídeos da peza.

De feito, entramos na sala coa proposta xa en marcha, mentres as bailarinas Raquel Esteller e Alejandra Balboa baten con forza nunhas baterías electrónicas que axudan a aumentar o ambiente de expectación que se xerou xa na entrada, atendendo ás indicacións previas de coidado co alto volume da música ou do emprego das luces estroboscópicas.

Un ambiente, cómpre dicir, moi semellante ao da entrada dun concerto, cun público excitado pola expectativa do que imos ver, tanto polo anuncio xa comentado como pola novidade da dirección de Patiño, como, obviamente, polo explícito da peza. Algo que, se cadra, non xoga a favor do espectáculo, tal como toda expectativa previa xoga na contra da realidade.

A aposta é contundente: unha provocación escénica a través do baile e da performance, a través dos corpos de tres intérpretes arroupadas por unha banda sonora potentísima e un xogo de luces espectacular, que xera ambientes máxicos, como o emprego dunha bola de discoteca para encher o teatro de reflexos ou o contraste entre o verde e o vermello durante o grafiteo lumínico de Andrea Dunia.


Publicidade

Pussy Cake de Matarile
Dunia Díaz en ‘Pussy Cake’ de Matarile. Foto: Rubén Vilanova.

De fondo, o universo da fotógrafa estadounidense Francesca Woodman (1958-1981), precursora do selfie e cuxas imaxes pasean pola peza, creando un dobre discurso, grazas ao motivo que ofrecen para a creación de vídeos propios do espectáculo, e onde podemos atopar a presenza das bailarinas Paula Quintas e Nuria Sotelo, unha das coreógrafas da peza.

Non hai unha ligazón obvia entre este fondo e o que aparece no escenario, polo que a presenza de Woodman (do mesmo xeito que a referencia ao coello e a Alicia no país das marabillas) fica máis como un motivo para a creación que como un elemento que apele ao público, que o(s) podemos tomar case como obxecto decorativo.

Isto é así tamén porque, por veces, o traballo coa simultaneidade de planos fai que focalicemos a nosa atención en elementos particulares, perdendo a visión de conxunto. É así cando, por exemplo, a potente coreografía de Esteller e Balboa no patio de butacas fai que quitemos o ollo sobre a performance de Dunia nunha cadeira e cun peito de plástico.

Andrea Dunia é, poderiamos dicir, a “peza eixo” do espectáculo, e sobre quen a nosa mirada máis pasea, literalmente. Asume o risco de expor o seu corpo ao servizo do discurso (que é máis ben un “contra o discurso”, como exemplifica o seu manifesto anti-dramaturxia), protagonizando intres de fascinación e beleza, como a mencionada performance-graffiti, o xogo coa roupa interior ou cunha botella de auga, metáfora do mexo en directo.

Ao seu carón, as bailarinas Raquel Esteller e Alejandra Balboa aparecen nunha sucesión de números de baile que evocan as poses e movementos das cam girls, rapazas que traballan na pornografía dende as súas casas, ofrecendo shows a particulares previo pago. Coreografías que recollen a tradición “matarilesca” do escorzo ou do traballo a través do pescozo e o golpe de melena.

Pussy Cake foxe, segundo as propias palabras dxs creadorxs, do “concepto de concepto”, unha idea pechada sobre a que nacería a peza, e aposta pola suma de materiais, facendo que o espectáculo non “sexa”, senón que “apareza”. Isto favorece a impresión dunha peza aberta, se cadra mesmo suxeita ao cambio, composta pola sucesión de números de baile e escenas performativas que non, necesariamente, teñen que ter conexión entre si, mais que pola presenza continua das mesmas intérpretes.

Non temos, entón, un discurso político que o suxeite ou que nos indique, senón unha mirada (obviamente masculina) que propón un traballo de exploración a través do corpo da muller (neste caso, un corpo moi específico, adherido ao que a heteronormatividade considera como “fermoso”). Algo que pode resultar empoderante e liberador, ou todo o contrario.

Pussy Cake (put your hands over me), Matarile

Dirección e xestión visual: Baltasar Patiño

Asistente de dirección e sparring: Andrea Dunia

Intérpretes: Andrea Dunia, Raquel Esteller, Alejandra Balboa

Coreógrafas: Nuria Sotelo, Rut Balbís

Outras coreógrafas: Andrea Dunia, Raquel Esteller, Alejandra Balboa

Iluminación, Produción de Son, Vídeo, Espazo escénico, Deseño gráfico e Redes: Baltasar Patiño

Vestiario: La compañía

Fotografía: Rubén Vilanova

Espectáculo apoiado nas residencias artísticas e técnicas por AGADIC, Xunta de Galicia, a Fundación SGAE e Universidade da Coruña, así como A Casa Vella e a Sala Ártika de Vigo.

Teatro Principal, Santiago de Compostela. 17 de xaneiro de 2023.

Avatar

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Foto: CurvaBezier

A acción da emoción

Festival Abanea

Camiño Escena Norte abre a inscrición de espectáculos e crea un catálogo de recomendacións