O Museo da Fundación Camilo José Cela, en Padrón, acollerá o 26 e 27 de setembro as I Xornadas de Formación de NOGA. Trátase dun proxecto que NOGA, a Asociación de Narración Oral Galega, levaba anos querendo organizar, e que este ano por fin pode poñer en marcha.
A quen están dirixidas
As xornadas enfócanse cara a aquelas persoas que desenvolven a súa actividade profesional ou teñen unha traxectoria vinculada á narración oral, á mediación lectora, á educación, ás bibliotecas, á animación sociocultural, á educación social ou ás artes escénicas, e que desexan profundar na práctica da oralidade desde unha perspectiva artística e profesional.
As xornadas están concibidas como un espazo de formación continua e intercambio entre profesionais. O nivel dos relatorios e obradoiros parte de coñecementos previos e da experiencia das persoas participantes.
O programa
Narradoras e narradores de longa traxectoria, antropólogas, investigadoras, especialistas na voz, na mediación lectora, escritoras e profesionais doutras disciplinas conforman un programa diverso que quere “ofrecer unha primeira aproximación á formación continua na narración oral”.
Ao longo da fin de semana Paula Carballeira, Celso Fernández Sanmartín, Guadalupe Jiménez Esquinas, Pablo Ferradás, Cándido Pazó, Chus Caramés, Pablo Sánchez, Santi Prego e Covadonga Rodíguez compartirán coas persoas participantes reflexións, ferramentas e experiencias arredor da narración oral, a oralidade, o corpo, a voz, a literatura e a creación.
Estas xornadas nacen coa vontade de abrir un espazo de encontro e aprendizaxe que resulte de interese para os distintos perfís que conviven en NOGA. “Somos conscientes de que quedan moitos temas por abordar e que esta é só a primeira edición, pero tamén sabemos que había que comezar”, explican dende NOGA. Trátase dun programa pensado para “aprender, cuestionar, experimentar e, sobre todo, seguir construíndo colectivo arredor da palabra contada”.
A matrícula
O prazo de inscrición para as persoas interesadas está aberto ata o vindeiro 20 de agosto. O prezo xeral de asistencia ás xornadas completas, o 26 e 27 de setembro, é de 240 euros, e a matrícula inclúe o seguinte:
- Participación en todas as actividades das xornadas.
- Aloxamento na noite do 26 de setembro en habitación dobre compartida.
- Pensión completa:
- Sábado 26: cafés, xantar compartido e cea.
- Domingo 27: almorzo, café, xantar e merenda.
As persoas socias de NOGA terán un cincuenta por cento de desconto sobre o prezo da matrícula.
Dende NOGA aclaran que, debido a que as xornadas coinciden cun período de alta ocupación na contorna do Camiño de Santiago, “non foi posible atopar aloxamento en habitación individual a un prezo asumible”, e que, por ese motivo, a modalidade prevista é en habitación dobre compartida. Indican tamén que se pode contactar coa Asociación no caso de ter algunha necesidade especial.
Participación en actividades individuais
Unha vez cubertas as prazas das xornadas completas, abrirase a inscrición para asistir de forma independente a algunhas conferencias e obradoiros, sempre que as persoas relatoras o autoricen e existan prazas dispoñibles. O prezo de cada actividade solta será de 10 euros para público xeral e de 5 euros para estudantes e persoas socias de NOGA.
O espazo
NOGA escolleu esta localización porque a Fundación Fundación Camilo José Cela conta con diferentes espazos, tanto interiores como exteriores, que permitirán “desenvolver as sesións nun contorno cómodo e inspirador, favorecendo tamén eses momentos de encontro, conversa e intercambio que forman parte esencial dunha formación entre profesionais”.
O aloxamento en habitacións dobres compartidas será será no Hotel Scala. A cea do sábado 26 e o almorzo do domingo 27 realizaranse no propio hotel. A entrada será o sábado ao remate da xornada de formación, antes da cea, e a saída o domingo pola mañá.
O xantar do sábado terá un formato especial, xa que será un xantar compartido nos xardíns da Fundación Camilo José Cela. Cada persoa participante achegará algo para compartir e, explican que, unha vez pechadas as inscricións nas xornadas, organizarán as achegas para procurar variedade e equilibrio.
O xantar do domingo celebrarase, se o tempo o permite, na tradicional Feira de Padrón; aínda que, no caso de choiva, trasladarase a un restaurante da vila. Ese día tamén, para pechar as xornadas, compartirán un roteiro literario e arqueolóxico por Padrón e a súa contorna; “un último espazo para seguir conversando, intercambiando experiencias e despedirnos ata a próxima edición”.
Programa completo das xornadas
Sábado 26
MAÑÁ
09.00 h – Recepción e café de encontro.
09.30 – 11.00 h. “Imaxinación, acción, suxestión. O trespés da narración oral. Como crear imaxes coas palabras. Reivindicación da imaxinación. As figuras retóricas na narración oral. O apoio xestual”, con Paula Carballeira.
11.00 – 11.25 h – Pausa café.
11.30 – 13.00 h
Relatorio. “Limpar os zapatos na lingua e ter pelos na porta… Así ou parecido: Breve obradoiro para pensar en recoller e compartir memorias orais”, con Celso Fernández Sanmartín.
13.00 – 14.00 h. “Etnografías feministas: experiencias coa oralidade”, con Guadalupe Jiménez Esquinas.
14.15 h – Xantar no xardín da Fundación (cada participante traerá algo da casa para compartir).
TARDE
16.30 – 18.30 h. “Movendo ás palabras. Vocabulario físico, hiperxestualidade, e moito máis”, con Pablo Sánchez.
19.00 – 20.30 h. “Entrenamento e coidados da voz na narración oral”, con Pablo Ferradás (Logopeda e Vocal Coach).
21.00 h – Cea e aloxamento (Hotel Scala).
NOITE
Rolda de contos e foliada.
Domingo 27
MAÑÁ
08.00 – 09.00 h – Almorzo no hotel
09.30 – 11.00 h. “Se mo vas contar de memoria, preferiría que mo deras por escrito. O espontáneo, o vivencial e o xogo”, con Santi Prego.
11.00 – 11.25 h – Pausa café.
11.30 – 13.00 h. “A posta en boca. Reflexións sobre a viaxe creativa entre a fonte literaria e o espectáculo oral”, con Cándido Pazó.
13.15 – 14.15 h. “Na punta do pé”, con Chus Caramés.
14.30 h – Xantar.
TARDE
17.00 – 18.30 h. Visita patrimonial e literaria por Iria Flavia e Padrón.
19.00 h – Merenda compartida e despedida.
Inscrición e información complementaria
Para inscribirse cómpre cubrir este formulario. Para consultar dúbidas ou cuestións relacionadas con necesidades especial, hai que escribir ao seguinte enderezo de correo electrónico: narracionoralgalega@gmail.com


