ESTANCIA PAISAJE, do Colectivo Glovo, xunto con Paula Quintas e Fran Martínez, chega estes días a Galicia dentro da modalidade Danza en el camino do Certamen de Coreografía Burgos & NY, despois da súa estrea absoluta o 13 de xullo en Belorado, Burgos, nunha xira que a levará por doce concellos, tres deles galegos. Onte puido verse na Praza da Vila de Sarria, hoxe pode verse ás 21.00 horas praza da Igrexa de Portomarín e mañá ás 20.00 horas na fachada do Mosteiro San Martiño Pinario de Santiago de Compostela.
Sinopse e proceso de creación
“O desprazamento é unha acción universal que nos interconecta, e nese espazo: corpos, tempos, estados. Todo está alí, todo está presente.
Poñer o corpo nunha acción que intenta por todos os medios deixar algo atrás e achegarse pouco a pouco, con conciencia plena, a un lugar que é outro, mellor. Poñer o corpo para re-encontrarse co propio corpo, re-inventalo, re-interpretalo.
Así, o peregrinar coma bailar. Pero a cambio non nos é devolto transformado só o propio corpo, senón que na experiencia do corpo cansado, precario, finito, nos son devoltos todos os outros corpos, a experiencia dun corpo compartido.
Espacializando a memoria, reflexións sobre o corpo, o espazo e o territorio na constitución da memoria conxunta. Catro corpos que se atopan e se re-encontran nun ritual compartido cara a sandación. O peregrinar como nacer. Unha amalgama de historias que conflúen no meeting point.”.
Ficha artística
Creación: Esther Latorre, Paula Quintas, Fran Martínez e Hugo Pereira
Interpretación: Esther Latorre, Paula Quintas, Fran Martínez e Hugo Pereira
Espazo Sonoro: Mounqup
Apoio en xestión: Manu Lago · Galicia Danza Contemporánea
Deseño web: Manu Lago
‘Danza en el Camino’ está dirixido polo coreógrafo Alberto Estébanez e organizado pola Junta de Castilla y León co patrocinio da Xunta de Galicia e Xacobeo 21.22 a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), e co apoio das deputacións de Burgos e León e os concellos de Belorado, San Juan de Ortega, Burgos, Villalcázar de Sirga, Carrión de los Condes, Astorga, Ponferrada, Sarria, Portomarín, Santiago de Compostela e León, ademais de SóLODOS e o Museo Guggenheim Bilbao no marco do seu programa TopARTE.