Un pulso á masculinidade fósil
Nas portas do Mundial de Qatar, as novas sobre a vulneración dos Dereitos Humanos para as mulleres e homosexuais son constantes. A negativa dalgunhas das figuras máis relevantes do fútbol internacional a portar o brazalete coa bandeira LGBTIQ en defensa das liberdades constata a toxicidade que xorden nos círculos invadidos exclusivamente por homes, xeralmente heterosexuais. Pero non só no fútbol e nos colexios maiores masculinos ou nas cofradías aparecen as actitudes que defenden unha forma única de ser home.
A compañía arxentina Piel de Lava vén de compartir co público do Festival de Otoño de Madrid a obra Petróleo, montaxe cunha potente reflexión sobre o xénero coa que levan cinco anos triunfando no seu país; vinte sobre as táboas. As actrices Elisa Carricajo, Valeria Correa, Pilar Gamboa e Laura Paredes trasládanos a un xacemento petrolífero da Patagonia onde as relacións parecen estar amparadas nesas formas de masculinidade tóxica. A chegada dun novo traballador cunha personalidade diferente á canónica desencadea unha sucesión de situacións cómicas nas que aboian as inercias e escuridades dun mundo moi particular. Un mundo na liminalidade, clima extremo, traballo duro e a obriga de convivir nun espazo de moi poucos metros cadrados.
O pozo petrolífero afastado da civilización, no que traballan estes homes, está a esgotarse. Así, o petróleo adquire unha dobre simboloxía: a do ben fósil con data límite e a masculinidade clásica que comeza a desaparecer por estar fora da sociedade actual.
As actrices interpretan a catro homes traballadores cunha composición que camiña brillantemente, e sen caer na caricatura, entre o realismo e o estereotipo. É sorprendente a facilidade coa que conectamos cos personaxes dende que sentamos na butaca pois neles hai verdade. Os límites entre a feminidade e a masculinidade esboroase cunha moi medida caracterización, xogos de voz e unha expresión corporal que configuran personalidades moi contrastadas que xeran comicidade e surrealismo.
Poderíamos pensar que Petróleo de Piel de Lava é unha obra sobre homes e a masculinidade pero, a realidade é ben distinta, pois a peza consegue falar da muller sen encarnar a personaxes femininos. Enfrontámonos a unha mirada sobre a masculinidade canónica e a ruptura dos roles de xénero. Tamén fala da conciencia de clase e de como estes traballadores viven en situacións de precariedade laboral, inseguridade económica e baixo unha saúde mental precaria. Mesmo albíscase os anhelos ao suicidio e a desaparecer dentro da escuridade do pozo petrolífero.
Petróleo de Piel de Lava supón un sopro de aire fresco tan potente que deixou ao público do Festival de Otoño de Madrid aplaudindo durante varios minutos. E non é para menos pois Carricajo, Correa, Gamboa e Paredes transitan con axilidade, e en moi pouco tempo, por moitos estados emocionais cos que poñen en evidencia o machismo e as súas debilidades. Un humor sinxelo, brillante e coas doses necesarias de desfogue e ritmo que ogallá poida desfrutar o público galego en programacións como a da MIT – Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia.