in

O Colectivo RPM convoca unha nova edición das Residencias Paraíso

Acollerán ata nove proxectos de Galicia e do resto da península ibérica

O deus do pop. Diego Anido
'O deus do pop'. Diego Anido.

Por sétimo ano consecutivo ábrese unha nova convocatoria anual das Residencias Paraíso, o programa de residencias artísticas para a danza e as artes vivas impulsado polo Colectivo RPM, como entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia, e o apoio da Xunta de Galicia a través da Agadic, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Concello da Coruña, Concello de Lugo, Concello de Carballo, Concello de Pontevedra, Concello de Ribadavia, Fundación Cidade da Cultura de Galicia e Concello de Santiago.

Residencias Paraíso pretende fomentar a aparición de novos proxectos de investigación e creación arredor das novas linguaxes contemporáneas, alimentando o campo de acción da comunidade artística do territorio, ao mesmo tempo que pretende “normalizar o concepto de residencia artística, fundamental para o presente e o futuro das políticas culturais en Galicia”.

A edición do programa 2023 diríxese a artistas de Galicia e do resto da península ibérica (incluíndo Portugal), e acollerá ata 9 proxectos en residencia cun importe total de 22.000€. Cada residencia terá unha duración de 2 a 3 semanas nun dos espazos colaboradores, que pola diferente tipoloxía favorecen o traballo das diversas fases dun proxecto artístico, dende a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico ou a creación coreográfica, ata residencias de carácter técnico.

Celebrarase tamén o Encontro anual de Residencias Paraíso na Illa de San Simón os días 22, 23 e 24 de setembro de 2023. O encontro contará coa presenza do grupo de artistas residentes 2023 e doutras persoas convidadas e nel compartiranse as claves de cada experiencia en residencia e reflexionarase de forma conxunta sobre temas transversais á comunidade.


Publicidade

Un ano máis tamén terá lugar Cruceiros Paraíso, un capítulo expandido do programa de Residencias Paraíso que serve para tecer pontes con outros contextos e seguir brindando apoio ao tecido artístico galego ao longo do ano, máis alá da convocatoria anual; nesta ocasión grazas á colaboración co Auditorio de Galicia como institución coprodutora do programa.

A convocatoria Residencias Paraíso 2023 estará aberta ata o 31 de xaneiro de 2023, e a selección final farase pública a finais do mes de febreiro na web do Colectivo RPM.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Alma de tigre

A Agadic convoca as axudas á creación escénica

programacion vigocultura 2023

A programación de Vigocultura ofrece 27 espectáculos de teatro, danza e circo ata finais de abril