in ,

Patricia Vázquez recibe o Premio Maruxa Villanueva pola súa traxectoria como actriz

O premio outorgado polo Concello de Padrón ten xa máis de 20 anos de historia

Patricia Vazquez actriz galega

O xurado do XXII Premio de Interpretación Teatral Maruxa Villanueva, presidido pola concelleira de Cultura de Padrón, Lorena Couso, concedeulle este prestixioso galardón á actriz Patricia Vázquez. Á compostelá recoñéceselle o seu traballo na produción O porco de pé, da compañía Excéntricas Producións, así como a súa longa traxectoria sobre as táboas e ante as cámaras.

O fallo decidiuse por unanimidade. “É de xustiza recoñecer o traballo dunha das actrices cunha traxectoria máis destacada no teatro e no audiovisual galegos”, apuntou Lorena Couso, quen presidiu un xurado formado pola escritora e profesora de arte dramática Inma López Silva; o profesor da Universidade da Coruña Carlos Caetano Biscainho Fernandes; o dramaturgo e director da erregueté Afonso Becerra de Becerreá; o director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia e membro do Consello de Redacción da erregueté, Roberto Pascual; e a animadora social do Concello de Padrón, Mª Cruz Taboada, que actuou como secretaria.

Ademais do seu papel en O porco de pé (adaptación do texto de Vicente Risco dirixida por Quico Cadaval), o xurado valorou o “dominio actoral da comedia a través do manexo do ritmo e dos tempos, así como da oralidade da lingua”. Tamén destacou no fallo a “traxectoria como actriz” de Vázquez e a súa “capacidade diversa de rexistros, sempre cun sólido compromiso coa escena galega”.

O nome de Patricia Vázquez súmase deste xeito a un elenco de premiados entre os que figura o máis destacado do teatro galego deste século, de Roberto Vidal Bolaño na primeira edición de 2001 a Pablo Reboleiro en 2021, pasando por Manuel Lourenzo, Susana Dans, Xosé Manuel Olveira Pico, Vítor Mosqueira ou Patricia de Lorenzo. “É un orgullo para Padrón poder entregar estes galardóns, nos que xuntamos ao máis destacado da escena”, apuntou a concelleira de Cultura, Lorena Couso; “a nosa é unha vila que non se entende sen a literatura, e é moi importante darlle pulo á dramática con iniciativas como a do premio Maruxa Villanueva, que se aproxima ao cuarto de século de vida cunha vixencia espléndida”.


Publicidade

Dende os 90 sobre as táboas

Nacida en Santiago, Patricia Vázquez traballou no teatro desde os anos 90 con compañías como Teatro da Lúa, Ollomol Tranvía, Escola Dramática Galega, Contraproduccións, Redrum e Excéntricas Producións, e co Centro Dramático Galego. Polo gran público é moi coñecida grazas á súa participación en películas, series como Pratos CombinadosMareas VivasPadre Casares ou Era visto! e programas de televisión como Luar ou Land Rober Tunai Show. Ademais, durante algúns anos formou o dúo de stand up comedy Chapa e Pintura xunto con Carlos Blanco.

Patricia Vázquez acudirá a Padrón para representar a obra O porco de pé, coa que se abrirá a programación do Outono cultural de 2023.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

A contenda do río Miño

O CDG reestrea ‘A contenda do río Miño’

Fotografía de polvo en suspensión. Por Mika Baumeister.

Cheirumes