in

Cheirumes

Fotografía de polvo en suspensión. Por Mika Baumeister.
Fotografía de polvo en suspensión. Por Mika Baumeister.

Acabo de descubrir que a palabra “cheirume” realmente existe, é dicir, que a Academia Galega da Lingua, a considera válida. Levaba todo o día con ela na cabeza porque me parecía fabulosa para o título deste artigo. Defínena así: “Sensación producida no sentido do olfacto polas substancias que teñen aroma.”

O outro día, falando cun compañeiro, antes de comezar un ensaio, concordabamos en que o teatro ten un cheiro moi peculiar. Seguro que ós teatreiros que lean este artigo se lles ven á cabeza inmediatamente.

Dise que, de entre os cinco, o olfacto é o sentido máis forte de todos. A vista ten un lugar moi preponderante, porque a realidade é moi visual. Pero poucas cousas teñen a capacidade de trasladarnos no tempo, levarnos a outros lugares ou producirnos sensacións fortes como o que está localizado no nariz.

Aínda que a física que rodea o tema sensorial é fascinante, neste caso quero que nos paremos a pensar e a relembrar eses cheiros máxicos. Aproveitade o tempo que dura este artigo para facelo.

Pensaba agora na plastilina, esa cousa moldeable que me leva, inevitablemente, a unha aula do colexio e ós 4 ou 5 anos. Está o cheiro das gasolineiras, o dos libros, o dos calcetíns usados, o dunha camiseta suada, o cheiro da terra mollada, dun can mollado, o do mar, o cheiro a fritanga, a gofre… e logo está o do teatro.

Non é doado definir a que cheira o teatro, ou se hai algún cheiro estándar, supoño que son todos diferentes, pero hai unha esencia común.


Publicidade

Ese cheiro que é unha mestura entre humidade, pechado, suor, madeira, algo así como medio queimado, antigo… Creo que poderiamos sumar ítems infinitamente, buscando unha química do cheiro teatral.

Pero, dalgunha forma, ese cheirume forma parte do ADN teatral. É un algo que, cando non está, cando chegas a un teatro e non está, entón non é teatro nin é nada. O desinfectante mata os virus todos, pero tamén mata esa amalgama que dá encanto.

Nos últimos tempos penso moito nos elementos que fan das cousas ser o que son. Do que é esencial para a identidade. As cousas inanimadas e os seres vivos cambiamos co paso do tempo. As persoas imos modelando o noso ser, as nosas formas, ideas, etc. E inda así, hai un fondo inalterable que é o que nos fai identificables.

Aínda que todo é presente e futuro, o cheiro é algo, que penso, enlaza co pasado. Porque cando algo evoca, sempre o está facendo cara atrás.

E nesa memoria emocional están as claves. Porque se o cheiro do teatro te fai sentir mellor, feliz, emocionado, entón quere dicir que algo houbo que foi ben. O teatro non é un pozo infinito de felicidade, xa o sei. Pero mentres ese cheirume leva a algo bo, entón é que todo está ben.

Pablo Carrera Simón

Pablo Carrera Simón

(Vigo, 1991) Master en Artes Escénicas polo Instituto de la Danza Alicia Alonso & URJC. Graduado en Interpretación Textual e Dramaturxia pola ESAD de Galicia. Dende o ano 2019 presenta o podcast Procastination e é un dos fundadores da Asociación Galega de Commedia dell'Arte. As palabras fante conservador ou revolucionario. E nesas andamos.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Patricia Vazquez actriz galega

Patricia Vázquez recibe o Premio Maruxa Villanueva pola súa traxectoria como actriz

Sala Ártika de Vigo

As salas privadas de artes escénicas galegas reciben 200.000 euros para o seu funcionamento