Comeza a 6ª edición do CoruFest, festival que reivindica a diversidade e a igualdade afectivo sexual na Coruña. Como novidade outorgará, por primeira vez, o Premio Samuel Luiz ao compromiso social coa visibilidade LGTBIQ+, en homenaxe ao rapaz falecido o 3 de xullo de 2021 nunha agresión homófoba no paseo marítimo da Coruña.
O CoruFest celébrase do 4 ao 14 de maio con figuras “emerxentes e referentes” das artes escénicas e do activismo cultural LGTBIQ+.
O obxectivo que sinalan os seus directores, Gustavo del Río e Xosé Leis, é dar visibilidade “a todo tipo de propostas artísticas innovadoras relacionadas coas disidencias sexuais e de xénero” coa intención de “promover, un ano máis, a reflexión e o debate sobre o respecto á diversidade e á igualdade”.
O festival vai transcorrer en diferentes sedes da cidade da Coruña, como o Teatro Colón, o Teatro Rosalía de Castro, o Centro Ágora ou a Fundación Luís Seoane, que acollerán “propostas estatais e internacionais que combinan actividades divulgativas e escénicas”, segundo sinala a organización.
O Corufest arrinca este xoves 4 de maio coa peza em proceso titulada Menú- do día, do Colectivo #ChamizoBelloVila, formado por Diego Chamizo, Alberte Bello e David Vila, coa colaboración da escenógrafa Noa Iriarte. A peza aborda a temática das violencias que sofren as persoas LGTBIQ+. O venres 5, VACAburra presenta Metodoloxías carroñeras para corpos invertidos, unha conferencia performativa que trata a disidencia sexo-xenérica na escena, desde o humor e a reflexión teórica de Gena Baamonde e Andrea Quintana.
O programa inclúe, no día 11, á compañía emerxente Mevadeus coa súa segunda peza, titulada Outrora Nós. Entre o teatro físico e a danza, ofrecen unha fantasía sobre a identidade, os afectos e relacións amorosas noutras épocas pretéritas, respecto aos momentos actuais. Mara Neira, Bal Castro, Inés Santos e Brais Pombo emprenden unha viaxe entre pasado e presente coa premisa de saber: “quen seriamos nós antes de ser nós?”
O teatro de máscaras e figuras tamén vai estar presente, o día 12, coa peza Amour, premiada co Max ao Mellor Espectáculo Infantil e Familiar de 2017, da compañía vasca Marie de Jongh. A historia de dúas nenas que, xa de vellas e logo de toda unha vida, descobren que o amor que sentían na infancia non era só aquilo que pensaban.
Polo CoruFest tamén vai pasar, o día 13, o escritor e guionista televisivo Bob Pop, co seu monólogo, realizado en colaboración con Andrés Lima, Los días ajenos de Bob Pop.
En colaboración co TRC Danza do Teatro Rosalía de Castro, hai programadas dúas pezas de danza contemporánea. O 6 de maio, a compañía navarra Led Silhouette ofrecerá Los Perros, sobre a deshumanización e o illamento, e como a contemporaneidade arrasa os corpos fráxiles, desmembra os máisvulnerables, desfai os inadaptados que se debaten entre a posibilidade de rebelión ou a docilidade. O 13 de maio, os italianos Ivona presentan Manbuhsona, unha peza que viaxa ás orixes para conectar coas raíces.
Os domingos 7 e 14 de maio, na Fundación Luís Seoane, vai haber poesía e música. O 7 de maio, Aldaolado presenta o seu Sobre Sorpresa. Lucía Aldao e María Lado tratan no seu show poético-musical sobre aquelas persoas que algunha vez se cuestionan se o que se agarda delas é exactamente o que elas agardan da vida. O festival péchase o 14 de maio con O Rabelo e Mondra. O rapeiro O Rabelo presenta o seu novo traballo Suor, onde volve mesturar tradicional con sons urbanos. O cantareiro e bailador Mondra vai ofrecer As Crónicas d’ARDĒN, nunha performance musical abeirada ao queer.
Igual ca en edicións anteriores, o CoruFest tamén vai abrir as súas “Xanelas” ao pensamento directo en actividades como o obradoiro de Auto-ficción, con Carlos Barea, ou un encontro sobre o bullying con Roi Galán e Paco Tomás, no cal a Cía. Ártika vai presentar algúns fragmentos da súa última produción titulada Mosca, que trata directamente ese tema.