in

A produción do CDG ‘Un hotel de primeira sobre o río’ inicia a súa xira

Vigo acolle a primeira das 9 funcións que a levarán por escenarios de Galicia e Portugal

un hotel de primeira sobre o rio 08
Imaxe de Miramemira | CDG

O Centro Dramático Galego inicia hoxe, día 4 de maio, en Vigo a xira do espectáculo Un hotel de primeira sobre o río, cunha función ás 20.30 horas no Teatro Afundación. A obra de Xohana Torres, dirixida por Gonçalo Guerreiro e María Torres, viaxará durante o mes de maio a outros sete escenarios de Galicia e Portugal, despois da súa estrea o pasado 31 de marzo no Salón Teatro de Santiago de Compostela, escenario do que se despediu a pasada fin de semana.

Un hotel de primeira sobre o río é a segunda produción propia para 2023 do Centro Dramático Galego, na que se abordan temas como a especulación urbanística, a depredación do medio natural ou o desarraigamento. Baixo a dirección escénica de Guerreiro e Torres, que asinan tamén a escenografía e os textos complementarios, respectivamente, as interpretacións corren a cargo de Iván Davila, Raquel Espada, Sofía Espiñeira, Merche Pérez, Nicolás Otero, Pablo Sánchez e Lidia Veiga, mentres que Carolina Díguele deseñou o vestiario e a produción de arte, Manuel Fonte Loureiro, a composición musical, e Nacho Martín, a iluminación. Da asistencia de produción ocúpase José Díaz e da dirección de xira, Laura R. Duarte.

Nove funcións na xira

Tras o seu paso por Vigo, Un hotel de primeira sobre o río representarase no Garrett Theatre de Póvoa de Varzim (Portugal) o 6 de maio ás 21,30 h. Volverá despois a Galicia para visitar Vimianzo (Casa da Cultura, día 7 ás 18,30 h.), Lugo (Auditorio Municipal Gustavo Freire, día 11 ás 20,30 h.), O Barco de Valdeorras (Teatro Lauro Olmo, día 12 ás 21,00 h.), Ourense (Teatro Principal, día 16 ás 20,00 h.), Narón (Pazo de Cultura, días 19 e 20 ás 20,30 h. e 20,00 h., respectivamente) e A Coruña (Teatro Rosalía Castro, día 21 de maio ás 20,30 h.).

Vixencia e carácter visionario

A Xunta de Galicia convidou os fundadores da compañía Elefante Elegante para se poñer á fronte da posta en escena de Un hotel de primeira sobre o río co fin de reivindicar a relevancia e a vixencia da obra dramática de Xohana Torres, figura transcendental da literatura galega contemporánea. De feito, tal e como sinalan, o seu persoal estilo e a actualidade dos temas que aborda permiten “tomar consciencia da importancia do seu labor, coidando e nutrindo a nosa lingua, tornándose en referente en feminino e fonte de inspiración”.


Publicidade

A adaptación explora os camiños trazados pola autora, poñendo en valor un “carácter visionario” que anticipou moitas das grandes crises e temáticas protagonistas neste século XXI, como a especulación urbanística, a sobreexplotacion dos recursos naturais, o feminismo, a emigración, o apego á terra ou o éxodo rural.

En Un hotel de primeira sobre o río, o texto dialoga co teatro de movemento, a danza, a música e as artes visuais para afondar na reflexión, o cuestionamento e o debate arredor das dicotomías rural e urbano, e progreso e tradición. O espectáculo desprega en tres actos a historia de Ruth, quen vive e traballa nun val afectado por un proxecto urbanístico para construír un hotel cunha área recreativa, narrando a presión á que se ve sometida para que renuncie á súa terra e ás súas raíces e evocando de xeito onírico a dualidade entre a realidade e a súa imaxinación. Este mundo emocional concrétase tamén na escenografía, deseñada para poñer a proba o equilibrio e a estabilidade dos intérpretes.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Imaxe do CoruFest 2023 de @casanovasebas

Comeza a 6ª edición do CoruFest

FOTO PRESENTACION 40 MITCFC

A MITCFC desvela a programación da súa 40ª edición