in ,

Aquellas que no deben morir

A morte vai como un río

'Aquellas que no deben morir' de Las Huecas. Imaxe de Álex Sobrino @alxsobrino.
'Aquellas que no deben morir' de Las Huecas. Imaxe de Álex Sobrino @alxsobrino.

La pandèmia mundial que sacseja els fonaments de les societats occidentals,

ha generat una inoculació de pànic col·lectiu vers una màxima desatesa:

no érem eternes..”

Col⋅lectiu Las Huecas.

A morte vai como un río. Imparábel. Escorregadiza. Escura por veces. Sempre presente. Correndo ao par da vida dende que nacemos.

Semellan obviedades, pero pensamos pouco na morte. Malia que estea presente en cada telexornal, ou se cadra precisamente pola súa omnipresenza, pensamos pouco na morte.

Dicía o psiquiatra chileno Claudio Naranjo que se fósemos máis conscientes da nosa morte, seriamos máis conscientes da nosa vida. Saber que imos morrer, ser plenamente conscientes de que pode acontecer mañá, hoxe, dentro dun minuto, axudaríanos a darlle á vida a importancia que esta merece e a ser consecuentes con ela, máis responsábeis das nosas decisións.

Aquellas que no deben morir pon enriba das táboas o noso desleixo coa morte. Ao non pensar nela, ao non tela presente, agochada en fantasías de inmortalidade que venden dende cremas até hipotecas infinitas, non podemos ser coidadoses co noso transo final. Nin co noso, nin co dos noses seres querides.

Facemos coa morte como coa vida: dámola por feita. E deixamos así nas mans de xente que si a ten en conta que fagan o que nos compete, tomando decisións por nós que, sorprendides por ela, non somos quen de decidir se queremos un funeral, unha misa, un cadaleito, unha cremación, unha celebración, un silencio.


Publicidade

É aí onde nace o negocio. A través de diferentes cadros, esta peza amosa o negocio que este sistema fai coa morte, empregando o abuso (que nace dende a propia lei, que non te deixa morrer como ti queres, ou enterrarte -ou non- como ti queres) e a desinformación para ter ingresos millonarios. Porque outra cousa non, pero aquí hai traballo asegurado.

Este colectivo de mulleres, artistas, investigadoras, etnógrafas, músicas… radicado en Barcelona, reflexiona sobre a morte, a nosa relación coa mesma, o abuso institucional e o negocio que supón dende unha creación ecléctica, que mestura códigos teatrais seguindo a súa filosofía de base: unha “estètica del distanciament, de l’estranyament del real a partir d’un estar-a-l’escena inestable, exposat a la precarietat del cos i de les seves circumstàncies, exposat al joc obert dels codis teatrals.”

Un extrañamento que comeza coas intérpretes en escena mentres vai entrando o público, cubertas en sabas brancas coma fantasmas e errando durante un tempo expandido, que por veces se nos fai eterno, pero que contrasta, de súpeto, co parlamento que unha delas fai a micrófono, revelando, cun acertado humor negro, eses pensamentos que temos todes sobre a morte ou mellor, sobre o despois da morte, o alén.

O colectivo é coherente cos seus principios e evidencia o artefacto teatral, entre outras cousas, co emprego dunha técnica en escena que realiza cambios de elementos en directo (cousa que tamén fan as actantes) ou acciona aparellos técnicos. Tamén o fan co emprego de diferentes códigos teatrais como o realismo, a danza e o movemento ou o teatro documento.

Así se suceden diferentes cadros onde pasamos pola reflexión destas ánimas que non saben como é a cousa, unha clase práctica de tanatopraxia, un ritual catártico a través da danza, a banalización da cerimonia que rodea a morte, ou a exposición documental do negocio arredor do finamento, coa aparición dunha convidada que relata a súa experiencia directa.

Unha mestura de técnicas que nos levan, un tanto, á confusión como espectadores, pero que, sen dúbida, ofrece material abondo para a súa reflexión posterior.

A min, por exemplo, levoume a matinar na importancia da escolla do que queremos contar no teatro. Como saber o efecto que isto que eu propoño vai causar na persoa espectadora? Como manexar a información e a emoción que pode suscitar? Como saber até que punto interesa o que estou a contar?

Xa que, unha vez posto no escenario, xa non hai volta atrás e o público non vai ser quen de desfacer o camiño, manexando agora unha información que, se cadra, en realidade non quería saber, quen nos axuda a saber e a decidir -como artistes- como e que contar?

Aquellas que no deben morir, Las Huecas

Creación: Col⋅lectiu Las Huecas

Actantes: Esmeralda Colette, Andrea Pellejero, Núria Corominas, Júlia Barbany

Técnica: Sofía A. Martori

Composición do espazo sonoro: Adriá Girona, Sofía A. Martori

Diseño de Iluminación: Ana Rovira

Artefactos: Dani García

Asistente en procesos de duelo: Júlia S. Cid, Som Provisionals

Asistente funerario: Núria Isem

Unha coprodución de Las Huecas con La Infinita de l’Hospitalet, Antic Teatre e o Festival TNT

Auditorio Rubén García, Ribadavia. 17 de xullo de 2023.

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'Mujer en cinta de correr son fondo negro' de Alessandra García. Imaxe de Álex Sobrino @alxsobrino.

Mujer en cinta de correr sobre fondo negro

Nerea Brey reducida

‘As que limpan’, de A Panadaría, gaña o Premio do público da MIT de Ribadavia