in

O ciclo Clásicas Desfeitas renova o Hamlet de Cunqueiro facendo mestizaxe de teatro e videoxogos na Cidade da Cultura

Encontro Clásicas Desfeitas. Cidade da Cultura Rocío Cibes 24/01/24
Encontro Clásicas Desfeitas. Cidade da Cultura Rocío Cibes 24/01/24
  • O grupo de innovación docente ComTecArt, da Universidade de Vigo, adapta o escritor de Mondoñedo nunha obra itinerante e interactiva que bebe tamén de Shakespeare e do brasileiro Machado de Assis
  • Trátase dunha produción internacional que terá a súa estrea en febreiro no Gaiás coas compañías brasileira Boccaccione e a galega Marinita y sus Maromas
  • ‘Clásicas desfeitas’ volverá tamén protagonistas ás personaxes secundarias da mitoloxía grega nun díptico contemporáneo creado por Antón Reixa e Antela Cid
  • Impulsado pola Xunta de Galicia a través do Centro Dramático Galego e da Cidade da Cultura, o ciclo actualiza os clásicos a través doutras disciplinas máis aló da literatura

O ciclo Clásicas Desfeitas, promovido pola Xunta de Galicia a través do Centro Dramático Galego e a Cidade da Cultura, presenta en febreiro un novo Hamlet que mestura a linguaxe escénica e a interactividade propia dos videoxogos para crear unha nova obra de teatro itinerante na que o público participa directamente no desenvolvemento da trama.

Logo de catro anos e once producións, Clásicas desfeitas consolídase como unha innovadora aposta de apoio á creación que permite redescubrir obras e autores da literatura galega e universal baixo a ollada da linguaxe escénica contemporánea. Rosalía de Castro, Sor Juana Inés de la Cruz, Gil Vicente, Virgina Woolf, Albert Camus ou Sófocles son algúns dos nomes sobre os que xa traballaron as artistas galegas e internacionais participantes.

En Hamlet, o de Cunqueiro —título do volume IX do ciclo— os profesores da Universidade de Vigo Beatriz Legerén Lago e Antonio Pena adaptan o texto O incerto señor don Hamlet, de Álvaro Cunqueiro a unha nova proposta multidisciplinar e interactiva onde o xogo está moi presente.

Ambos contan coa experiencia desenvolvida dentro do grupo de innovación docente ComTecArt (Comunicación, Tecnoloxía e Arte nas Contornas Virtuais), responsable tamén da primeira residencia artística de creación dixital e videoxogos da Cidade da Cultura. Esta permitiu a un grupo de universitarios de carreiras diversas vivir en primeira persoa o proceso de creación dun prototipo de videoxogo a partir da novela Arnoia, Arnoia de Xosé Luís Méndez Ferrín.

Nesta ocasión o resultado non será un videoxogo, senón unha obra de teatro inmersiva na que as decisións e accións da audiencia crearán cada vez unha resposta distinta ás incógnitas sobre o amor, a morte e a familia, que atormentan a Hamlet, o de Cunqueiro. A mecánica de interacción con obxectos, a exploración de diferentes escenarios e os finais múltiples caracterizan os elementos propios dos videoxogos integrados na peza.

A produción deste novo Hamlet destaca tamén por tender pontes entre a cultura galega e a brasileira a través do traballo conxunto que están a realizar no apartado escénico a Cia. Teatral Boccaccione de São Paulo e o grupo teatral galego Marinita y sus Maromas. Ademais, a obra inclúe elementos do relato A Cartomante de Machado de Assis, un dos autores máis relevantes da literatura do Brasil.


Publicidade

A peza está a perfilarse dentro das Residencias Artísticas do Gaiás (REGA) e presentarase ao público na Cidade da Cultura os días 2 e 3 de febreiro, con tres funcións cada día, ás 18,00 h, 19,30 h e 21,00 horas. A función dás 18,00 h do sábado día 3 estará adaptada no seu percorrido a persoas con mobilidade reducida.

Míticas pero secundarias

O díptico Míticas pero secundarias pechará esta nova edición de Clásicas desfeitas con dúas obras que recuperan figuras descoñecidas da literatura grega clásica como protagonistas. Polícrates, Ismene, Crisótemis e Políxena son a fonte de inspiración para os volumes X e XI do ciclo —A infeliz felicidade e o prezo do aceite, de Antón Reixa e Tres somos ti, de Antela Cid—, que veremos florecer de maneira independente pero complementaria nas Residencias Artísticas do Gaiás.

Temas como o medo ao éxito e a desigualdade sobrevoan ambas propostas escénicas, nas que Antón Reixa e Antela Cid traballan como autores, directores e intérpretes totais, integrando o musical e o audiovisual na escena.

As entradas para Clásicas desfeitas poranse proximamente á venda en Ataquilla (a partir de 9 euros) e no despacho de billetes do Museo Centro Gaiás.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Imaxe de Drew Jemmett

Doce uvas

'Nus' de Cèlia Marcé Oller

Nus