-Que dixo Hellen Keller cando lle deron un relador de queixo?
-Este é o libro máis violento que xamais lin.
-Que recibiu Hellen Keller polo Nadal?
-A polio! Xa tiña todo o demais.
-Por que Hellen Keller empregaba pantalóns axustados?
-Para que lle poidamos ler os beizos.
(chistes sobre Hellen Keller que aínda circulan a día de hoxe)
Chistes coma estes e outros semellantes foron proxectados durante a función de Hellen Keller, a muller marabilla? que a compañía Chévere ofreceu o pasado 9 de marzo no Auditorio do Concello de Vigo. Unha secuencia que foi acollida en rigoroso silencio polo público que encheu a bancada.
Que fai que estas “bromas” sexan acollidas en incómodo silencio e outras dedicadas a negros, estranxeiros, maricóns e (cito literalmente) “subnormais”, vertidas en Entrega en man (Contraproducións) días antes no mesmo auditorio, fosen pola contra acompañadas de risos e aplausos?
Eu creo que é unha cuestión de pel.
Non, non falo desa “pel fina demais” coa que se trata de estigmatizar ás novas xeracións, menosprezando os seus criterios por señoros e ayusers que ven cuestionados os seus principios patriarcais, senón da pel órgano sensíbel humano que cos seus microreceptores é quen de captar as variacións máis sensíbeis do entorno.
É, precisamente, unha cuestión de sensibilidade. Unha sensibilidade que se adquire grazas á educación formal e académica, mais tamén aos exemplos na casa e nesa grande viaxe terapéutica que é a vida.
Porque, se algo aprendemos os seres humanos ao longo do noso camiño, é que neste mundo estamos acompañades de moitos outros seres humanos e que cada quen é diferente.
Poñernos na súa pel, como se define popularmente aos procesos de empatía, é algo que nos axuda a medrar como persoas, podendo atopar prismas novos dende onde mirar o mundo, ou sentir os danos que outra persoa, polas súas condicións persoais, pode estar a sufrir agora mesmo.
É un proceso que es intérpretes fan no teatro cada vez que afrontan unha nova personaxe, para poder entendela e defendela diante do público que a vai ver.
Ultimamente, estamos a asistir á proliferación de pezas do teatro galego que empregan a burla e a denigración sobre colectivos minorizados e marxinados. Obviamente isto responde a un movemento que tamén acontece no resto da sociedade e que no teatro acada un maior lugar de exposición. Non é un asunto de humor, nin moito menos de liberdade de expresión, senón un desprezo directo á diferenza: un insulto disfrazado de broma.
Se cadra, o feito máis grave de todo isto sexa a normalización que vai parella ao emprego do humor como cortina de fume para agochar o racismo, a homofobia ou a xenofobia. Un riso que, no canto de mellorar a nosa sociedade, amplía a marxe que nos separa.
Por iso compre lembrar a importancia da pedagoxía teatral. Toda obra de teatro emite unha mensaxe e, polo tanto, ten un posicionamento ideolóxico e político ante o mundo no que vivimos. Amosamos o noso sentir ante unha audiencia e somos responsábeis do que dicimos e de como o dicimos. Se non temos ese coidado, que importa o demais?
A pregunta é: correspóndelle esta responsabilidade só ás compañías que propoñen unha peza que defende valores moralmente cuestionábeis? Ou debemos abrir o melón correspondente ás institucións públicas que as avalan con subvencións, coproducións ou programacións e que moitas veces non atenden ao material que están a difundir? Dende logo, apoiar publicamente este tipo de mensaxes significa privilexiar unha mirada discriminatoria que non reflicte a diversidade da nosa realidade. Mais tamén é certo que non se poden censurar e que establecer mecanismos de control previos sexa algo igualmente cuestionábel moralmente.
Sexa como for, unha sociedade madura é a que se fai responsábel daquilo que produce, e neste caso non estamos a ver a asunción de responsabilidade nin de madureza por ningunha das partes. Entón, a agresión continúa e normalízase.
Por iso precisamos de pezas de teatro inclusivas, que acollan a representación dunha sociedade plural. Mais, por riba de todo, precisamos pezas de teatro inclusivas pola súa labor pedagóxica, nas que poidamos aprender que o feito de ser diferentes non é motivo de broma, senón un lugar onde poñernos na pel de outre e poder ver o mundo dende a súa perspectiva, tan única e marabillosa como a nosa.
Será o mellor que ámbalas dúas visións do mundo coexistan e que sexa o público quen decida a cal delas apoia co seu aplauso? Ou será que a realidade a construímos entre todes e estamos atopando que non estamos a ter a mesma cota de representación?