in

Voice Noise

The Powers that Be

Voice Noise. Imaxe de Phile Deprez.
Voice Noise. Imaxe de Phile Deprez.

“O brazo dunha muller virtuosa non debería ser de propiedade pública, nin o seu discurso,
e debería de modestamente coidar de expoñer a súa voz aos estraños,
como debería de coidar que a súa roupa non escorregue.
Isto porque na súa voz, mentres ela berra, pódense ler emocións, o seu carácter e a súa condición física.”

Comentario de Plutarco á historia da muller de Pitágoras. The Gender of Sound, Anne Carson.

Na mesma data que se celebra o Día Internacional da Danza, Jan Martens volve ao Teatro Municipal de Porto, o Rivoli, logo da súa presentación con Any Attempt Will End On Crushed Bodies and Shuttered Bones, alá polo 2021, e de ter ofrecido un obradoiro aberto sobre o seu método de traballo e composición no marco do Festival Dias da Dança que ofrece a cidade porteña. Entre medias, pezas de menor formato como Elisabeth Gets Her Way ou Jezebel.

Volve a Porto coa súa compañía habitual, a GRIP, conformada por bailarines de confianza como Steven Michel, Courtney May Robertson ou Loeka Willems, aos que se engaden outres tres bailarines para propoñernos Voice Noise, unha peza onde potencia escénica e discurso político conxúganse para mobilizar a un público que non deixa de ser reflexo da nosa sociedade.

Voice Noise nace da reflexión de como a voz da muller ten sido desprezada ao longo da historia, dende as referencias da Grecia clásica (onde era considerada como un “ruído irritante”) ao nacemento da psicoloxía moderna (coas teses da histeria, por exemplo).

A partires de aí, Martens propón unha serie de temas onde voces femininas como Cheri Knight, Erin Gee, Kesarbai Kerkar, Ruby Elzy, Tanya Tagaq ou o Coro delle Mondine di Porporana que marcan o paso da reivindicación fronte ao silencio imposto polo sistema heteropatriarcal, abranguendo un arco dos pasados 100 anos da historia da música.

Esta selección de temas musicais implican non só unha reivindicación política, senón que marcan tamén unha potencia sonora, que envolve directamente aos corpos des bailarines, xa que eles foron es que construíron as diferentes coreografías postas en escena, a partires de exercicios e improvisacións nas que os temas (políticos e musicais) resoan nos movementos.

No centro do escenario, unha pequena plataforma onde es artistes desenvolverán unha sucesión de números, conxugando solos, dúos, tríos e coreografías grupais, empregando o coñecido sistema xeométrico marca do coreógrafo belga. Unha plataforma que se tornará escenario dentro do escenario, altar, ring de boxeo grazas a unha amalgama máxica de elementos: corpo, movemento, música e son, fume, iluminación.

Porque Voice Noise vaise desenvolvendo de xeito que os números se enlazan de xeito fluído e natural, empregando a plataforma para salientar o que lles interesa, coa complicidade do resto do equipo que se sitúa fóra da mesma, pero que coa súa mirada admirativa resalta o foco de atención.

Voice Noise é unha viaxe sensorial onde a violencia tamén está presente: o son estridente, os berros, as miradas que devolven a responsabilidade da sociedade. Elementos que impactan no público facendo que nos revolvamos nas nosas butacas -de xeito máis ou menos consciente, dependendo xa de cada quen-.


Publicidade

Se cadra a mellor definición desta peza sexa precisamente a palabra “impacto”, xa que a recepción vai máis aló da análise racional e xérase directamente na víscera e na emoción. Neste senso, cómpre dicir que Martens fai un traballo de equilibrio excepcional, cunha visión de conxunto que mestura os intres de maior intensidade con outros de máis repouso pero sen deixar nunca a implicación de lado. Podemos ver como, efectivamente, todo o elenco está absolutamente presente todo o tempo, sen perder un intre de atención na hora e media que dura o espectáculo. Un compromiso que traspasa o escenario cara a bancada.

Confeso que, dende o primeiro minuto no que comezou a soar a música, esta peza colleume nas súas mans e fixo o que quixer comigo. Foi tal o nivel de “impacto” sensitivo e emocional que estiven ao bordo das bágoas durante practicamente toda a función. E non porque tratase temas doentes ou tristes, non, senón pola inmensa capacidade de mobilización enerxética que a coreografía de Jan Martens imprimiu nesta peza.

Unha coreografía que traballa cunha precisión milimétrica para que música e son, iluminación e efectos especiais, espazo escénico e os corpos des seis bailarines que están sobre a escena conxuguen nese impacto xeral que por veces escapa á comprensión lóxica, mais que permanece no peito e nas vísceras.

Poderiamos mesmo dicir que fronte a ese nivel de compromiso escénico (que fai que apreciemos a peza máis como un acto performativo que como un espectáculo de danza) fica por riba da excelencia coreográfica ou o desenvolvemento físico da mesma, pero penso que son elementos que se mesturan nun todo común a favor do “impacto”.

Un número como o de Pierre-Adrien Touret marcándose unha diagonal con Safe de Debby Friday de fondo podería ser abondo para xustificar toda a peza. Pero entón está a sensualidade de Elisha Mercelina, a mirada de Sue-Yeon Youn, a plasticidade de Loeka Willems, a técnica de Courtney May Robertson ou a implicación de Steven Michel. De todo o corpo de baile hai que salientar non só a perfección no traballo de presenza escénica (sen a que esta peza non tería sentido), senón sobre todo a respiración: un hálito grupal e conxunto, que inclúe cada unha das respiracións individuais e constrúe unha única respiración, de xeito que as entradas, a atención, as transicións aparecen como por arte de maxia.

Como antes dixemos, a conxugación de elementos fai desta peza un acto único. Cómpre salientar, ademais da maxistral selección dos temas musicais, o xeito no que o emprego do fume (único elemento escenográfico fóra da plataforma) e a luz (deseño de Jan Fedinger) transforman o que é un espazo absolutamente espido noutros que aparecen só nosa imaxinación, acompañado aos corpos en movemento a través de bosques e forestas, de templos hindús, de frontóns de esculturas clásicas, altares da sensualidade, clubs de jazz…

A miña impresión, logo de ver esta peza, é a de ter asistido a un acto practicamente relixioso, a un ritual onde os corpos, as voces, os berros, as sombras e a música falan dun intre absolutamente excepcional que Jan Martens e a GRIP nos ofrecen como agasallo.

Voice Noise estivo tamén no Teatro Central de Sevilla os días 3 e 4 de maio, dentro da súa xira internacional e a GRIP estará con Any attempt will end in crushed bodies and shuttered bones nas Naves del Español en Matadero de Madrid entre o 10 e o 12 de maio.

Voice Noise, Jan Martens & GRIP

Coreografía: Jan Martens
Co-creación e Performance: Elisha Mercelina, Steven Michel, Courtney May Robertson, Mamadou Wagué, Loeka Willems, Sue-Yeon Youn, Pierre Adrien Touret, Zora Westbroek
Dirección de ensaios: Zora Westbroek, Naomi Gibson
Deseño de iluminación: Jan Fedinger
Deseño de vestiario: Sophie Durnez
Escenografía: Joris van Oosterwijk
Enxeñeiro de son: Vincent Philippart, Valentijn Weyn, Jo Heijens
Coach vocal: Ine Claes, Maxime Montjoiin
Acompañamento artístico: Marc Vanrunxt, Rudi Meulemans, Femke Gyselinck

Voice Noise é unha produción de GRIP co apoio do Governo Flamenco e o Tax Shelter do Governo Federal Belga via BNPPFFF.

Teatro Municipal de Porto, Teatro Rivoli. 29 de abril de 2024.

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Elahood Miramemira red

Elahood inaugura a sétima edición do Corufest

Portada da revista "Young Physique", Vol. 1, Nº 1, setembro de 1958.

A Casa Colorida