in , , ,

Elahood inaugura a sétima edición do Corufest

O festival de artes escénicas pola diversidade afectivo-sexual arranca hoxe na Coruña

Elahood Miramemira red
A compañía de danza Elahood, que abrirá o Corufest. Foto de Miramemira.

Corufest, o festival de artes escénicas pola diversidade afectivo-sexual, inaugura hoxe, xoves 9 de maio, a súa sétima edición cunha completa programación de actividades culturais e artísticas que achegarán ata o próximo 19 de maio á cidade da Coruña a figuras emerxentes e referentes das artes escénicas e do activismo cultural LGTBIQ+ do panorama galego, estatal e internacional. A xornada inaugural terá lugar ás 20.30 horas no Centro Sociocultural Ágora.

Os codirectores del Corufest, Gustavo del Río e Xosé Leis, serán os encargados de inaugurar o festival, cun repaso á programación que durante máis de dez días levará a distintos espazos da cidade preto dunha vintena de propostas que inclúen encontros, teatro, danza e música.

A inauguración contará coa representación de dúas pezas de danza da man da compañía Elahood, formada por Sabela Dominguez e Julia Laport. A compañía aposta por visibilizar as danzas urbanas como un medio de expresión lexítimo na danza profesional sostendo unha visión artística clara e directa, caracterizada por unha linguaxe visual e musical cunha mirada cara fora.

Nesta ocasión, a compañía interpretará a súa peza Intempestiva, a súa nova proposta escénica inspirada na obra e na figura da recoñecida autora Xela Arias, galardoada coas Letras Galegas 2021. A peza conta con recoñecementos como o Primeiro Premio e o Premio da Crítica no Certame Coreográfico de Madrid (2021) e o Premio a Mellor Espectáculo na Plataforma de Diálogos Contemporáneos do Festival DZM de Cáceres (2021).

A inauguración contará ademais coa peza Extender como si pudiera, a primeira proposta en solitario da bailarina e creadora Julia Laport. Tras 5 anos como codirectora da compañía Elahood, Julia comeza o seu primeiro proxecto individual co asesoramento do psicoanalista e filósofo brasileiro Igor Teo. Esta investigación “explora os límites e o illado no corpo, e busca poñer o corpo na beira e poñerse na beira do corpo. Levar o corpo ao límite que o separa do que non é o corpo, explorando así o que hai máis alá do límite”.

A primeira xornada do Corufest 2024 abre tamén as portas da casa museo Casares Quiroga coa exposición Cuir inexistente, do artista visual e activista da disidencia sexual Felipe Rivas. Unha mostra sobre o pasado cuir creada a través da intelixencia artificial coa que Rivas xera imaxes afectivas de homes de distintos países latinoamericanos e clases sociais entre os anos 1900 e 1920. O artista chileno usa a intelixencia artificial para recrear con persoas inexistentes este arquivo composto por máis de vinte imaxes “como unha maneira de reivindicar expresións que no seu momento non eran permitidas”. A exposición poderase visitar ata o próximo 30 de maio.

Propostas para a fin de semana

Tras a inauguración do Corufest, o festival segue o venres 10 de maio cun encontro co escritor e guionista Nando López, que falará sobre a súa obra na biblioteca da Ágora (19.00 horas). Ao día seguinte, o sábado día 11, o autor asinará exemplares no espazo cultural Galgo Azul (12.00 horas) e pola tarde participará na xanela Igualdade, sexualidade e identidade, que terá lugar ás 19.00 horas no Centro Sociocultural Ágora. O encontro contará coa participación da historiadora da arte e actual directora xeral de Dereitos Culturais do Ministerio de Cultura, Jazmín Beirak; o divulgador e activista LGTBIQ+ Daniel Tigrillo; e a deputada da Asamblea de Madrid Jimena González.

O Corufest trasládase ao teatro Rosalía de Castro o domingo 12 de maio con If (La Ligereza) ás 20.30 horas, un espectáculo teatral da Compañía do Señor Smith “que fai reflexionar sobre o presente e o que puido ser; un xogo de ficcións, un espello deformante de como outros eus fosen posibles, de como outras vidas fosen vividas”. As entradas para o espectáculo están dispoñibles a través de Ataquilla.


Publicidade

Unha vintena de espectáculos

O festival conta un ano máis co apoio do programa TRC Danza, que traerá. á compañía Fran Sieira co seu espectáculo Ceibe o xoves 16 de maio ao Teatro Rosalía.

O venres día 17, será a quenda de Simulacro, de Margarida Monteny e Carminda Soares, que se representará no Teatro Colón. O realismo social estará presente no Corufest o sábado 18 de maio no teatro Colón coa obra Sexpiertos, unha comedia que conta co premio Max protagonizada polo gañador do Goya a actor revelación Telmo Irureta e Miren Arrieta. As entradas están xa á venda en Ataquilla.

O director xeral de Igualdade Real e Afectiva das Persoas LGTBIQ+, Xulio del Valle, protagonizará un encontro sobre políticas LGTBIQ+ o mércores 15 de maio na casa museo Casares Quiroga. Os encontros continuarán o venres 17 de maio coa escritora Miriam Beizana en Galgo Azul e na tarde dese mesmo día o encontro trasladarase ao hall do teatro Colón para charlar co dramaturgo que obtivo o Premio Nacional de Literatura Alberto Conejero, que conta cunha extensa obra de temática LGTBIQ+.

Premio Samuel Luiz a Carla Antonelli

O festival outorgará por segundo ano o Premio Samuel Luiz ao compromiso social coa visibilidade LGTBIQ+. Un galardón que quere servir de homenaxe ao mozo que é xa un referente internacional na loita contra os crimes de odio, brutalmente asasinado nesta cidade no ano 2021. Esta edición o recoñecemento recaerá sobre a activista Carla Antonelli, primeira muller trans deputada en España e senadora nas Cortes Xerais, que recibirá o premio o 18 de maio en Galgo Azul. O colofón do Corufest chegará o domingo 19 de maio á Fundación Luis Seoane co concerto do grupo coruñés emerxente Leria.

O obradoiro deste ano, pola súa banda, correrá a cargo do profesional das artes escénicas Álvaro Caboalles, que impartirá o curso Performar a disidencia do mércores 14 ao xoves 16 de maio na Fundación Luis Seoane. A mostra terá lugar o día seguinte no mesmo espazo ás 18.30 horas.

 

Programación

 DANZA:

  • ELAHOOD’, ‘Extender como si pudiera’ e ‘Intempestiva’.
     Xoves, 9 de maio, 20.30 horas. Centro Ágora.
  • CEIBE’, da Compañía Fran Sieira.
    Xoves, 16 de maio, 20.30 horas. Teatro Rosalía.
  • ‘SIMULACRO’, de Margarida Monteny e Carminda Soares.
    Venres, 17 de maio, 20.30 horas. Teatro Colón.

TEATRO:

  • IF, (LA LIGEREZA)’, da Compañía do Señor Smith..
    Domingo, 12 de maio, 20.30 horas. Teatro Rosalía.
  • SEXPIERTOS’, de Tanttaka Teatroa.
    Sábado, 18 de maio, 20.30 horas. Teatro Colón.

ENCONTROS:

  • NANDO LÓPEZ.
    Venres, 10 de maio, 19.00 horas. Biblioteca Ágora.
  • POLITICAS LGBTIQ+, con JULIO DEL VALLE DE ISCAR.
    Mércores, 15 de maio, 19.00 horas. Casa museo Casares Quiroga.
  • MIRIAM BEIZANA.
    Venres, 17 de maio, 12.00 horas. Galgo Azul.
  • ALBERTO CONEJERO
    Venres, 17 de maio, 17.00 horas. Hall del Teatro Colón.

XANELA IGUALDADE SEXUALIDADE E IDENTIDADE:

  • JAZMIN BEIRAK, DANIEL TIGRILLO, JIMENA GONZÁLEZ e NANDO LÓPEZ.
    Sábado, 11 de maio, 19.00 horas. Centro Ágora.

DOMINGO DA SEOANE:

  • LERIA
    Domingo, 19 de maio, 13.00 horas. Fundación Luis Seoane.

PREMIO SAMUEL LUIZ ao compromiso coa visibilidade LGTBIQ+:

  • CARLA ANTONELLI..
    Sábado, 18 de maio, 12.00 horas. Galgo Azul.

OBRADOIRO

  • PERFORMAR A DISIDENCIA, con Álvaro Caboalles..
    Martes 14 de maio a xoves 16 de maio, das 19.00 ás 22.00 horas. Fundación Luis Seoane. Mostra o venres 17 de maio, 18.30 horas.

EXPOSICIÓN

  • ‘CUIR INEXISTENTE’ by Felipe Rivas..
    Do xoves 9 de maio ao xoves 30 de maio. Casa museo Casares Quiroga.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Cartel MIT 2024 Rosiña Rojo r

A MIT de Ribadavia presenta os carteis e o lema da súa 40ª edición

Voice Noise. Imaxe de Phile Deprez.

Voice Noise