in , ,

A MIT de Ribadavia presenta os carteis e o lema da súa 40ª edición

Fai tamén un avance da programación, que se desenvolverá entre o 19 e o 27 de xullo deste ano

Cartel MIT 2024 Rosiña Rojo r
Presentación do cartel da 40ª MIT de Ribadavia. Foto de Rosiña Rojo.

A Mostra Internacional de Teatro, MIT, de Ribadavia presentou hoxe a serie de tres carteis que conforman o tríptico co cal a MIT quere celebrar a súa 40ª edición, e fixo tamén un avance da súa programación, así como do seu enfoque. Celebrarase do 19 ao 27 de xullo, e o seu lema é “40 MIT, edición espello“.

No tríptico da imaxe, reflíctese a fusión, a idea de linguaxes híbridas da escena a partir de fotografías realizadas por Rosiña Rojo, a fotógrafa oficial do festival nestes últimos anos, con obras pictóricas de diferentes épocas artísticas depositadas en museos europeos. Patricia de Lorenzo, unha posta en escena de Marta Pazos ou unha escena de danza de La Macana conforman a escolma do deseño gráfico que procura reflectir a identidade do festival e as fusións. “Fomos o primeiro festival en realizar coproducións, en fomentar o diálogo das compañías galegas nun contexto internacional, a diversidade de xéneros escénicos, as residencias e programación expandida… Todo iso pretende ser a imaxe, baixo o fondo patrimonial e artístico da vila do Ribeiro, con variada oferta de espectáculos na rúa, ademais do Castelo”, explican dende a MIT.

Unha das primeiras citas que chegará vinculadas con esta edición vai ser o recibimento dos artistas nas Residencias Paraíso da Igrexa da Madalena, a comezos de xullo, onde estarán desenvolvendo o seu proxecto, para mostrar logo o proceso no marco do festival. Se o ano pasado tiveron a Brigitte Vasallo, cuxo proxecto Queixa está xirando agora mesmo de xeito internacional, este ano recibirán o colectivo Desgarradura, co proxecto The miracle worker, unha creación arredor dos conceptos de fogar, familia, recordo e perdón.


Publicidade

Por outro lado, se as Residencias son a primeira cita, a derradeira desta edición será o día 27, coa presentación da coprodución da MIT co Centro Dramático Nacional e ButacaZero: Iribarne; “unha satírica política sobre a transición e a Galicia contemporánea e un dos grandes espectáculos da temporada, con dramaturxia de Esther Carrodeguas, banda sonora do músico Berto e un elenco de primeira”.

No acto de presentación de hoxe, no cal participaron as autoridades do Concello de Ribadavia e unha das responsables do deseño, Ainhoa Viñuela, ademais do director artístico da MIT, Roberto Pascual, púxose de manifesto a idea de “potenciar todos os bos froitos que a MIT brindou ao longo destes anos”; así como tamén “o seu carácter lúdico, festivo, de cruzamentos e aposta pola innovación a partir da súa tradición“.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Manuela Rey is in da house, imaxe da estrea no Teatro Municipal de Sá Miranda, Viana do Castelo.

O FITEI presenta no Salón Teatro a programación completa da súa 47ª edición

Elahood Miramemira red

Elahood inaugura a sétima edición do Corufest