“Por que seguimos camiñando ás cegas ata chegar ao abismo sen que poidamos reaccionar como especie?”. Esa é unha das preguntas que xorden e se expanden en Soñar al borde del precipicio, a última peza do dramaturgo, poeta, editor e creador escénico multidisciplinar Julio Fernández, que a estrea esta fin de semana no Teatro Ensalle, en Vigo, con Anómico Teatro. A sala acollerá tres funcións: unha o venres, 24; outra o sábado, 25; e outra o domingo, 26 de maio; as tres ás 20.00 horas.
O traballo preséntase como “unha proposta escénica que se introduce no mundo dos soños para explicar o paroxismo atenazante que se produce cando xa non é posible asimilar a crúa realidade que se impón a golpe de inhumanidade”. Explica Julio, quen asina o texto e a creación, ademais de darlle corpo e voz en escena, que o onírico semella ser xa “o único refuxio seguro”, e que é por iso que os soños, como espazo libre, libre da lóxica do mundo visible, “se autoafirman como luminoso sinal, como símbolo de resistencia á imposición de aceptar os feitos sen máis, fronte á idea de que a única vía de escape é unha trincheira no medio do absurdo”.
El proporanos un xogo, “colocarnos un anteface para sentir os raios de sol xusto antes de que chegue o luscofusco”; e faranos diferentes convites, como, por exemplo, “a torradas de marmelada de abruños, unhas ameixeiras salvaxes coas que se pode configurar a muralla onírica que é preciso levantar axiña”. Ademais, estimularanos para que nos desprendamos dos nosos pesados soños e compartirá os seus pensamentos en voz alta, nun acto de confesión cotián e sincero.
A peza ten unha gran compoñente performativa e poética, en diálogo cunha clara vontade crítica, dentro da liña creativa propia do autor, moi comprometida coas cuestións sociais e medioambientais. El mesmo fai fincapé niso en escena. “Isto non é teatro”, diranos. E matizará: “Ou, mellor dito: isto non é unha peza do mal chamado teatro, senón simplemente un acto político, único e irrepetible, unha burla do soño americano do esforzo sen límites, unha burla do soño burgués de cortar céspede ao cero deixando o céspede na categoría de alfombra, unha burla da ilusión como espellismo, e, ao mesmo tempo, un soño no que participa o público de maneira democrática, voluntaria e responsable, e, polo tanto, teatro, pero non ese teatro que se programa nos teatros e que continuamente ten necesidade de demostrar que é teatro, senón aquel teatro que responde polo seu nome de xeito natural. Son eu, teatro, di o teatro, cando quen o fai se pregunta ‘que estou a facer?’”.
O Teatro Ensalle, envolto por dentro con papel, pasará a ser un edificio volto do revés, disposto a acoller a poesía no seu interior, e con ela Julio asegura que se lanzará “ao delirio e á divagación do imaxinario, para construír máquinas oníricas que nos deteñan no tempo”.
Julio que os antefaces colectivos “están preparados para os ollos sensibles”, e lanza o convite para quen queira entrar nun universo onírico e, á vez, enchoupado de realidade, que se formula como acontecemento ou, mesmo, un encontro: “Vinde a Soñar, vinde, non volo perdades, esta é unha invitación a un pequeno acontecemento que, sen dúbida, vos fará soñar e non vos deixará espertas e espertos”.
Sinopse
“Non hai moito que me sorprendeu unha pintada nunha parede que dicía: ‘a solución é amar’, aínda que eu lía ‘a solución é durmir’ (a causa da miña miopía). Dende entón non parei de reflexionar sobre a importancia de soñar xusto cando o mundo vai á merda; de feito, esta idea non marcha da miña cabeza. Nos soños, estou dentro dunha guerra, real ou de videoxogo, non sei distinguir unhas das outras. Corro desesperado polos edificios en ruínas xunto a outros soldados, mentres escoito o ruído incesante das explosións. Chego a un descampado, agora estou a tiro dun dron, dun mísil ou sabe Deus de que tipo de tiro. Déitome boca abaixo, afúndome na lama e durmo. Soñar dentro do soño é a única saída. Apuro a soñar canto antes, consigo abrir a porta que leva a outros soños, pero non consigo pasar, estou moi ancho, o meu corpo engordou. Esperto. Pregúntome: que soñarán os nenos de Gaza cando son bombardeados? E de súpeto, unha luz: o problema segue sendo a propiedade. Hai 120 000 anos que aprendemos a ser donos doutros seres. Abondou con aprender a cazar. Dende entón, o camiño non foi outra cousa que unha conquista incesante de Todo. A cuestión é que, agora, o Todo se está a rematar, que o Todo se está a acabar. Non hai máis ca unha vasta chaira de implacable deserto ao noso redor. Milleiros de millóns de persoas sufrindo de soidade e querendo soñar, querendo soñar para escapar do abismo. E ti? Cales son os teus soños?”.
Ficha artística
Texto e creación escénica: Julio Fernández Peláez
Iluminación: Antoine Forgeron
Colaboración audiovisual: Terrorismo de autor, Eva Alfonso e María Costa
Música: Roberto García de Mesa
Produción: Anómico Teatro