A Xanela do Maxín presentou o seu último espectáculo no Teatro Coliseo Noela de Noia o día 17 de marzo, un día despois da estrea en Muros. Esta compañía que combina o traballo actoral cos monicreques, introdúcese nesta ocasión no teatro documento para contar a crianzas e familia a historia de Confi. O golfiño Manoliño, aquel arroaz solitario que un día apareceu nas costas de Muros e Noia. Como material de investigación utilizaron artigos extraídos de notas de prensa, imaxes de arquivo e entrevistas con biólogas, mergulladores, mariscadoras e especialistas en vida mariña.
Cando entramos no patio de butacas vemos unha escenografía que representa o fondo mariño: unha retroproxección na que se ve o mar desde o seu interior, iluminado desde arriba pola suave luz do día e no chan atópanse restos de lixo tirados ao mar mais un cano por onde saen os residuos urbanos. Utilizan de bo xeito dous hologramas que reproducen burbullas en diferentes puntos da escenografía, e dan a sensación de movemento, de vida tridimensional dentro do mar.
Nun lateral do escenario hai un terceiro reprodutor de hologramas no que se mostran documentos e saen persoas entrevistadas por unha presentadora ou condutora do evento, interpretado con elegancia e dinamismo por Celtia Figueiras. A presentadora tamén convida ao público a participar, que responde a preguntas relacionadas coa protección do medio ambiente e a vida mariña na que reside Manoliño, vida do animal ben coñecida entre os infantes que viven con interese todo o que sucede en escena.
Á vez que a presentadora avanza nas accións, o público pode ver en paralelo a dous mergulladores (Xosé Breijo “Topo” e Rafael Iglesias), que limpan o fondo mariño e poñen as notas de humor no espectáculo. Outras accións teñen lugar na metonimia do fondo das nosas rías, protagonizadas polo golfiño Manoliño, tamén coñecido como Confi. Nestas escenas vemos ao arroaz aproximarse ás costas, alimentarse, interactuar cos humanos e arriscar a súa vida con xogos perigosos, por exemplo cando é ferido por un arpón e loita por liberarse. Culmina finalmente o espectáculo, nunha utopía onde visualizamos un futuro no que Mañoliño se reintegra nunha manada de arroaces que navegan por un océano limpo e seguro para eles.
Con aires de construír unha vida mellor, A Xanela do Maxín ofrécenos ampla información da vida do golfiño e da súa especie, e sensibiliza o público sobre a necesidade de coidar e defender o espazo natural e a vida salvaxe.