Son dunha vila, pequena cidade se queredes, arredor de 20.000 habitantes, como tantas galegas e gústame moito vivir nela porque a escala do día a día é moi humana. Por exemplo, vou andando a todos os recados e tamén vou a pé ao monte a pasear a cadela. Para min vivir sen présa e sen coche é calidade. Agora, hai un par de cousas que non soporto e son das que varían moito segundo a política municipal que xestione o concello.
A primeira é que non existe un teatro e un cinema con programación habitual e isto lémbramo acotío a veciñanza, porque fun eu, xunto con meu compañeiro Álex Sobrino, quen deseñamos e abrimos un espazo teatral do 2014 ao 2020, que resultou un oasis para un público fiel e entregado, que cada finde nos acompañaba nun traballo tan intenso que sabiamos que debía ser temporal nas nosas vidas. Ese motivo, deixar sen teatro a nosa vila, é o que máis nos pesa do peche de Ingrávida.
O outro motivo son as programacións “culturais” que poñen nesas lonas enormes na praza do concello e que repiten nunha desas pantallas de leds, que están moi de moda e que temos tamén no meu concello. Pareime a ver que había, que tanto anuncio tiña, e quedei desencaixada… Temos todo tipo de exhibicións de escolas privadas e municipais de música e baile, unha serie de traballos comunitarios feitos por asociacións, como son o Corpus ou os Maios e outra ración de festas gastronómicas organizadas pola asociación de hostalería, en resumo: nin unha programación feita por unha profesional, nin música, nin cinema, nin poesía, nin teatro…. Neste tipo de concellos deben crer que as artistas vivimos do aire!
Agora ben, este sistema está politicamente ben pensado e véxome na obriga de desenmascaralo.
As asociacións deben participar nestes eventos para que o concello dea unha subvención anual e poidan seguir coas súas actividades que, dependendo do equipo que estea na directiva, poden variar, dende unha participación, programación e servizos mellor ca os do concello, a simplemente bingo, partidos de fútbol e outras celebracións trogloditas que prefiro non analizar. Pero aí tes o pago, se participas tes subvención e así cóbresme a programación cultural e, de paso, os egos humanos que todo o mundo ten nunha actividade artística, sendo como é feita de forma altruísta quedan tan alimentados que, mira, ata votan a este goberno que valorou o seu talento! Sinceramente é deplorábel, unha rede clientelar ben engraxada.
A outra opción das escolas privadas que enchen as programacións municipais é aínda máis perversa, porque senón lle pagan fano por promoción e, a verdade, o concello debería valorar as iniciativas privadas que traballen na cultura, como o fai con outras empresas privadas que hai no meu concello e son auténticos lobbys, como poden ser os puticlubs, que teñen de alta as mulleres explotadas sexualmente coma bailarinas, por non saírme nesta irreverencia da cultura fake.
Pois o que digo é que se o fan de balde por promoción, mal polo concello, agora se lle pagan por facelo, pois non o teño tan claro, porque seguimos sen pagar a profesionais e continuamos alimentando a sociedade dos talent shows na arte, onde o público é un xurado e non un acompañante. E unha vez máis estas escolas, coa súa rede de persoas, votarán a este goberno que deixa á emigración ou á inanición aos profesionais do seu concello para facerlle crer a boa parte da cidadanía que teñen talento innato, cando sabemos que a arte comeza na educación e continúa con traballo, esforzo e dedicación. Agora, expulsar do concello ás profesionais da cultura é unha idea redonda… Marchan, non se queixan e non votan, tres nun.
E despois está o rendíbel que é que o traballo comunal, ese que perdemos por lotes nesta sociedade individualista, sexa o que se pague, metendo no pensamento das persoas participantes que fagan as actividades para que a súa asociación poida cobrar, cando debemos tecer vínculos comunitarios que nos afasten do neoliberalismo nas nosas vilas para coñecer as historias, as tradicións e as persoas coas que envellecemos e así ter unha vida de calidade con conciencia social e esta si que é unha tarefa esencial de calquera goberno municipal.
E moi ben explicado!. temos a democracia cada catro anos “renovada” co que a xente quere. Pero non hai soberanía na incultura, na acultura e menos na propaganda cultural da alienación…moi ben explicado!. Grazas Irreverencia.