Vergoña de que? Orgullo sempre!!!
Co gallo do 28 de xuño, Día Internacional do Orgullo LGBT, acepto o convite que me fan dende Palcos LGTBIQ+ da Erregueté para escribir este texto, que me supura de dentro, igual que a miña pluma, nunha especie de manifesto. E co que, vaia por diante, non desexo nin pretendo, convidarte a ser aliade, nin a actuar ;D
Levamos varios anos nos que todas, todes e todos, estamos asistindo e en moitos casos asentindo ao ascenso que os grupos de extrema dereita están tendo nas nosas contornas. Estamos vendo como sementan a cultura do medo e como os seus intereses agroman e se botan a andar. Todo isto sen ningún tipo de consecuencia, mais pretendendo recortar dereitos básicos, en educación, en saúde, en cultura… Usando altofalantes, fakenews, redes sociais e todo o que teñen a man, para polarizar e, mesmo en moitos casos, anestesiar á sociedade. Para que eles, os que recortan dereitos, os que defenden a violencia, os que atacan, os que pretenden borrar a nosa historia quitando bandeiras, sigan medrando fortes.
Probablemente lendo isto pensades que son un esaxerado. Gustaríame darvos a razón. Lamentablemente non o podo facer. Quero vivir nun mundo mellor, formar parte dunha sociedade que progresa. Un lugar no que as persoas poidan ter unha identidade propia, lonxe do binarismo; na que poidas escoller o que queres ser, sen que ninguén diga como debes ser. No que as miñas amigas non teñan medo camiñando, para chegar as súas casas logo dunha noite de esmorga; na que as mulleres teñan os mesmos dereitos que os homes.
Unha utopía, na que as discapacidades vivan nun mundo accesible; na que as persoas migrantes non sexan tratadas coma mercadoría e na que as guerras rematen.
Un espazo seguro no que non me peguen unha malleira, ao berro de “maricón de merda”; no que o progreso coma sociedade nos faga estar cheas de orgullo, e no que outras historias sexan protagonistas no teatro e nas táboas.
Hai algún tempo, cando Samuel Luiz foi asasinado, tiven unha conversa nun festival de teatro con dúas persoas da profesión. Dicían que iso do asasinato non era para tanto, que era un feito illado, que se as persoas do colectivo estabamos sendo excesives, “que eso es que tenemos la piel muy fina”. Hai pouco estrearon un espectáculo no que gran parte do tempo “se ríen de los mariquitas”, hai que ter o coiro ben duro para facer eses comentarios e ese espectáculo.
Recentemente, outra compañía, noutro festival, levou ás táboas un espectáculo no que o humor negro lexitimaba o racismo, a xenofobia, o machismo e a homofobia… Vou deixar de falar de realidades, porque igual pensades que estou desmedido e que, en ocasións, vexo odio derriba dos palcos.
Por sorte, como digo na miña peza Menu-do dia (un espectáculo no que falo abertamente da lgtbifobia no país e no estado español), “estivemos aquí, e imos seguir estando”, por iso cómpre tamén, ante este panorama negativo, destacar que existen persoas e compañías que, coa valentía que nos caracteriza ás profesionais das escénicas, imos máis aló. E, nun acto de rebeldía, propoñemos outras perspectivas, que enchen os palcos de cor e novas linguaxes, de inclusión e accesibilidade, e que poñen referentes nos escenarios para afastarnos do cartón
pedra.
Serve de algo todo este esforzo? Non hai moito tempo nun encontro de artistas LGTBIQ+ onde creamos un entorno seguro para falar, como diría o outro “de nuestros temitas”, falamos sobre as invisibilidades escénicas, sobre o que non chega aos palcos.
Os traballos que ofrecen visións doutras realidades, que non son as heteronormativas, de colectivos artísticos LGTBIQ+, quedan practicamente relegadas a programacións relacionadas cos actos do Orgullo. As compañías disidentes deste país arriscamos moito máis para poder levar ao palco calquera mostra do noso traballo.
Coa dificultade engadida que supón ter que pasar por un proceso creativo, ensaiar, producir… Pero iso os programadores que educan ao seu publico non o ven, parecen acreditar no que lles funciona. En ocasións mesmo parece que non queren que o público vexa outras realidades. Finalmente, sempre están a programar máis do mesmo.
Quizais como dixeron o outro dia no Consello da Cultura Galega, nas V Xornadas sobre Cultura e Perspectivas Queer (nas que apenas había profesionais do sector que non foran aliades ou do colectivo), debería ser unha obriga educar aos axentes culturais deste país para que abran as súas miras (emprego o masculino xenérico a propósito).
Sería necesario considerar tamén convidar ás institucións a non dar cartos públicos a proxectos que fomenten o odio. Parece que o neo fascismo tamén quere chegar pouco a pouco aos palcos. “Abride as fiestras”, que diría Rosalía de Castro.
Igual poderiamos reinventarnos un pouco máis todes, ir cos tempos, fomentando máis respecto dentro da profesión e no cotián. Non deixemos de estar unides, esixamos, revolucionemos o sistema, o teatro. A cultura é un dereito.
Non sei se seguides a pensar que son un chisco esaxerado, ou que debería sentir vergoña por escribir todo isto. Vergoña de que?
Non obstante, igual que mudan os espectáculos cada tempada, estreamos roupa ou nos duchamos, tamén precisamos mudar o mundo.