in ,

ButacaZero fai un ensaio aberto do seu novo proxecto internacional no Salón Teatro

Este domingo, 14, ás 19:00 horas, na sede do Centro Dramático Galego

Fracturas ButacaZero
'Entre· Palavras'. Fonte: ButacaZero.

EntrePalav·bras son dúas pequenas pezas escénicas nas que ButacaZero e Teatro Ensaio cruzan o seus equipos para a xestación dun experimento escénico transnacional. Formalmente componse de dous monólogos, un escrito e dirixido por Pedro Estorninho, que interpretará Pepa Barreiro, e outro escrito por Esther F. Carrodeguas con dirección de Xavier Castiñeira, que interpretará Inês Leite.

A primeira das pezas, chamada ‘Fracturas’ poderá verse nun ensaio aberto, con entrada libre, este domingo 14 de xullo ás 19 horas no Salón Teatro do Centro Dramático Galego, en Santiago de Compostela, dentro do programa Residencias Cruzadas do CDG, que coproduce as pezas. Velaquí a súa sinopse: ‘Unha muller escondida nun búnker, perdéndose e encontrándose consigo, coas súas memorias, coas súas mortes, co seu propio tempo no cárcere. Confróntase coa tarefa máis dura, non perder as palabras, non lles perder o nome. Non quedarse no eterno limbo do vacío’.

EntrePalav·bras é un proxecto de investigación que pretende afondar sobre o impacto que o teatro ten nas mudanzas sociais e civilizacionais, comprendendo o teatro como territorio. Pero sobre todo é “un diálogo entre dúas plataformas de produción teatral unidas pola paixón polo teatro político pero separadas por unha fronteira tan imaxinaria como real, a que separa Galicia de Portugal”.

O proxecto continuará o seu camiño cos ensaios da segunda das pezas entre Arraiolos e Porto no mes de agosto, e despois poderá verse completo en Galicia xa o 28 de setembro no Auditorio Municipal de Rianxo.


Publicidade

As compañías

ButacaZero é a plataforma creativa posta en marcha por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira.  Con propostas como Voaxa e Carmín, #camiños, Despois das ondas, 32m2, Pagagena ou a recente IRIBARNE, a compañía sitúase como un referente do teatro contemporáneo no panorama escénico galego. As súas creacións concrétanse   en   dramaturxias  feitas  á   medida,   nas   que   a   tradición   teatral   se   mestura   coas  linguaxes contemporáneas.

Teatro Ensaio é unha compañía de teatro portuguesa creada en 2008 na cidade do Porto, por profesionais experimentados de diferentes dominios artísticos como o teatro, a literatura, o deseño gráfico, a xestión artística, a música, o cinema e a fotografía. O seu enfoque principal é a creación de obras orixinais, a experimentación artística e a evolución do teatro e a dramaturxia, coa intención de achegarse ao texto sen esquecer as preocupacións plásticas, co obxectivo principal de crear obras de teatro orixinais con temáticas contemporáneas e sociais.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'Além da dor'. Foto: Rui Mateus.

Além da dor

'Full Moon'. Foto: Theo-Schornstein.

Full Moon