in ,

Zona Franca

A vida é unha festa

Zona Franca, de cia. Suave. Imaxe de Rosinha Rojo para a MIT de Ribadavia.
Zona Franca, de cia. Suave. Imaxe de Rosinha Rojo para a MIT de Ribadavia.

Unha zona franca é un espazo especial e delimitado dentro dun país, que adoita ter unha serie de beneficios como poden ser os fiscais ou de importación. Moitos gobernos establecen zonas francas en rexións afastadas ou remotas coa fin de atraer poboación e promover o desenvolvemento económico do lugar.

A coreógrafa carioca Alice Ripoll recolle esta idea para propoñer a súa “zona franca” particular, un espazo ligado directamente á escena porque é na escena onde podemos falar mellor das posibilidades que se abren de cara ao futuro. Unha “zona franca” escénica, un espazo especial cuxas características favorecen o crecemento, neste caso humano e artístico, e onde como público podemos proxectar fantasías, necesidades e desexos.

Ligada ao presente do seu país, esta Zona Franca fala dun momento no que, logo de vivir uns anos de moita escuridade e incerteza social e política, a mocidade brasileira volve sentir a esperanza e a necesidade de reivindicarse nun baile que berra vida por todos os poros.

É así que a creación coreográfica inspírase nas danzas urbanas nacidas nas zonas máis humildes de Brasil, como o passinho ou a pisadinha. Danzas que como o mesmo país son unha sublimación do concepto de “mestura”: bailes tradicionais, raíces africanas e pop, funk ou breakdance para xerar unha expresión única, ligada directamente á súa terra e ao carácter da súa xente.

Ademais das propias danzas, a creación do espectáculo recolle outras linguaxes escénicas como o teatro, a expresión corporal, o vogueing, a creación de son en directo e mesmo o ioga, disciplina que se insire na coreografía como elemento de ruptura dentro dunha paisaxe xeral de ritmos vibrantes e enerxéticos, do mesmo xeito que na vida aparecen intres de ruído e de silencio.

De feito, poderiamos dicir que Zona Franca é un espectáculo que reflicte a vida tal cal, con toda a súa variedade que, máis que incoherente, compón un conxunto rico e complexo e onde todo elemento é necesario e significativo.


Publicidade

A vida como unha festa onde flutuamos entre intres de baile frenético e de slow motion. Entre estoupido e silencio. Entre movemento e descanso. Unha viaxe na que todo flúe, na que non hai por que evitar o desagradábel, na que todo se pode bailar.

Zona Franca é un espectáculo que recolle a vibración vital do momento sociopolítico que está a vivir o Brasil e a pon en movemento como un convite a mergullarse nese río diverso que é a vida, tal como o elenco nos convida a participar nesta festa dende o mesmo intre de sentarnos nas butacas, recibíndonos como fan cunha especie de quecemento en escena na que mesturan canto e baile de xeito espontáneo.

A diversidade que atopamos na proposta escénica -mestura de danza e teatro- aparece tamén no corpo de baile, do que, ademais de salientar o enorme talento de cada unhe des súes integrantes, cómpre falar da sensación de unidade, de grupo ou mesmo familia que transcende dende o escenario e cara á platea.

Do mesmo xeito, temos que falar do altísimo nivel enerxético de cada unhe des súes bailarines, unha frecuencia de vibración abraiante e que se mantiña aínda logo dos 60 minutos que dura a función, de xeito que parecían quen de volver facer outro bolo logo do primeiro.

Tal desbalde artístico foi xustamente recompensado cunha grande ovación ao final da presentación deste espectáculo na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia por parte do público presente, un público que xa está afeito a asistir a espectáculos de gran calidade e que sabe recoñecer o traballo ben feito.

Zona Franca, Suave

Coreografía: Alice Ripoll
Performers: Gabriel Tiobil, GB Dançarino Brabo, Hiltinho Fantástico, Katiany Correia, Maylla Eassy, Petersonsidy, Romulo Galvão, Tamires Costa, Thamires Candida, André Oliveira
Asistentes de dirección: Alan Ferreira, Thais Peixoto
Deseño de iluminación: Tomás Ribas, Diana Joels
Técnico de luces: Tainã Miranda
Deseño de vestiario: Rafael Elias
Banda sonora: Alice Ripoll, Alan Ferreira
Iluminación e deseño: Caick Carvalho
Fotografía: Renato Mangolin

Zona Franca é unha coprodución de Suave e o Festival de Marseille, o Festival d’Automne Paris, Charleroi Danse, RomaEuropa, Tandem Scène nationale, tanzhaus nrw, Teatro Municipal do Porto, Julidans e Les Mécènes DanseAujourdhui.

40ª MIT de Ribadavia.  Auditorio Rubén García do Castelo de Ribadavia, 20 de xullo de 2024.

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Escaparate Peluquería David Titiriberia

O Titiriberia muda de datas e avanza a súa nova programación

TEATRO DO PESADELO. Desaquelando reducida 2

PLATTA 2024 no Carballiño