in , ,

O Centro Dramático Galego e Culturactiva estrean ‘Nada se sabe’

Este venres, 26 de xullo, dentro da programación da MIT de Ribadavia

Ensaio da obra de teatro Nada se sabe Rocío Cibes
Ensaio da obra 'Nada se sabe'. Foto de Rocío Cibes.

O Centro Dramático Galego e Culturactiva presentan un pioneiro espectáculo arredor da inclusión, que se encadra dentro das actividades do 40º aniversario do CDG. A estrea absoluta será este venres 26 de xullo, ás 23.00 horas, no Auditorio Rubén García do Castelo de Ribadavia, dentro da programación da Mostra Internacional de Teatro, MIT, de Ribadavia, que nesta edición está a celebrar tamén as súas catro décadas de traxectoria e para a que o Concello ribadaviense volve contar co apoio da Xunta.

Nada se sabe afonda na liña de traballo inclusivo da compañía pública, en conexión coa futura Lei de cultura inclusiva e accesible e a filosofía da propia MIT de Ribadavia, da man de Culturactiva, que ten unha traxectoria de case unha década de traballo en inclusión a través da cultura. Nela,  dúas actrices e dous actores con diversidade funcional repasan diversas versións da discapacidade no teatro clásico, deténdose nunha adaptación moderna e sinxela de Filoctetes, unha das traxedias gregas de Sófocles, asinada por Manuel Lourenzo. Ignacio García, quen fora director do Festival de Teatro Clásico de Almagro, e Fran Rei codirixen esta peza na que contan tamén, como creación colectiva, coas achegas de Francisco Sánchez e do elenco integrado por Carme García Rigau, Rubén Bargiela Sierpes, Corina Alfonso Mañá e Elvis García Torres.

NadasesabeMIT
Presentación de ‘Nada se sabe’ na MIT. Fonte: Xunta de Galicia.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, que participou esta semana no acto de presentación na MIT desta pioneira estrea xunto con César Fernández, alcalde de Ribadavia, Fran Rei, un dos directores da peza e membro de Culturactiva; Corina Alfonso Mañá, unha das intérpretes, e o director artístico do festival, Roberto Pascual, manifestou que este traballo a prol da inclusión e a diversidade da escena” é unha liña necesaria na estrutura pública de teatro e un camiño de longo percorrido no que o Centro Dramático Galego continúa a traballar para seguir dando pasos que garantan o acceso ao teatro para as persoas con diversidade funcional, co obxectivo de proporcionarlles cada vez unha maior oferta”.

Nesa liña, sempre que se solicite previamente, Nada se sabe contará con servizos de accesibilidade de diferentes tipos:” a visita táctil previa á función, destinada a que as persoas invidentes fagan un percorrido polos elementos físicos do espectáculo, un servizo de audiodescrición tamén para invidentes e interpretación en lingua de signos durante a función”.

Cuestionarse sobre a xestión da diferenza

Na peza, catro intérpretes cuestionan sobre o escenario a inclusión e a xestión da diferenza que facemos como sociedade. A premisa da que parte Nada se sabe é un texto orixinal de Manuel Lourenzo no que se establece un diálogo coa figura clásica de Filoctetes, un heroe grego abandonado á súa sorte na illa de Lemno a causa dunha ferida infectada nun pé, pero que despois será fundamental para gañar a guerra de Troia. A través desta pasaxe histórica, cuestiónase o que se sabe e o que non se sabe sobre a discapacidade e o que entendemos por integración.


Publicidade

Así, Nada se sabe é unha proposta inclusiva e diferencial no contexto teatral galego, polo tema e o elenco, pola selección musical, pola mestura de linguaxes e por estar formulada como un reto dirixido á audiencia e como unha dúbida metódica que lle dá nome ao espectáculo.

A cargo da dirección están Ignacio García, experto en pedagoxía do teatro, e un dos directores de escena máis relevantes no plano estatal e europeo, cunha ampla experiencia no Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro e no Teatro Español de Madrid; e Fran Rei, actor cómico, autor de guións e director teatral, que nos últimos anos vén desenvolvendo un traballo constante de integración social a través do teatro con colectivos de persoas con discapacidade desde Culturactiva.

Culturactiva, a entidade encargada de coproducir Nada se sabe, leva unha traxectoria de case unha década de traballo en inclusión a través da cultura. Bo exemplo disto son iniciativas como o festival Festigual, o Foro de Artes Inclusivas (FAI), a colaboración co Brión Inclúe, a distribución de  (Algunhas) Cousas de Castelao e unha liña de traballo pensada dende e para a inclusión real de persoas con discapacidade e que reivindica o dereito a facer e acceder á cultura sen barreiras. A aposta de Culturactiva é seguir potenciando iniciativas que utilicen a cultura como ferramenta de transformación social.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

TEATRO DO PESADELO. Desaquelando reducida 2

PLATTA 2024 no Carballiño

Othelo (termina mal), de Buendia Theatre. Imaxe de Rosinha Rojo para a MIT de Ribadavia.

Othelo (termina mal)