in ,

Suevia Rojo e a poesía do movemento

'Pensar a contratempo' de Suevia Rojo no festival de danza e movemento ABANEA. Pavillón do mercado de Marín. Foto: Afonso Becerra.
'Pensar a contratempo' de Suevia Rojo no festival de danza e movemento ABANEA. Pavillón do mercado de Marín. Foto: Afonso Becerra.

O importante non é o paso, senón o que hai entre paso e paso, afirmaba Antonio Gades. O importante está entre os pasos.

Hai coreografías que se nota que son coreografías, pódese percibir a escritura. Nelas, as posturas, as posicións, saltos, cargadas (portés)… as súas formas e estrutura, deseñan unha partitura de efectos case inapelables, destinados a asombrarnos e a cativarnos. Por exemplo, ante un triplo salto mortal só cabe o asombro e o aplauso afervoado. É case como o máis difícil aínda, aquel lugar común, aquel tópico que o circo contemporáneo xa foi superando. Pero antes e despois deses pasos espectaculares non hai nada ou case nada, como moito a expectativa antes e o “chimpún” despois, a resolución na que a tensión se libera e afrouxa dando lugar ao aplauso. Pero saímos igual que entramos, aínda que teñamos alucinado e nos teñamos entretido un intre.

Entre os pasos efectistas (que, seguramente, non foron creados desde unha necesidade auténtica e existencial profundas ou que non resultaron da decantación do tempo e da investigación) hai transicións, maneiras de ligar eses pasos, ou actitudes e poses “teatrais” igualmente demostrativas. Case parecen dicirnos: o que tes que ver é isto e isto e isto. E isto é a hostia e tes que alucinar si ou si. Pero só hai iso. Entre os pasos só hai iso: transicións e a captación pola captación.

Fronte a esta tendencia máis exhibicionista, está a danza na que non somos capaces de distinguir os pasos. Quizais os haxa, pero eu non os vexo. Todo parece fluír de maneira fácil e natural. Aínda que, obviamente, non se trata, para nada, de algo natural. É, pola contra, algo artificial e extraordinario que, con todo, parece emanar da terra igual que unha planta, de maneira orgánica, lóxica, necesaria, verdadeira.

Nos seus apoios bienais, o festival de danza e movemento ABANEA (Ismo Cultura e Xunta de Galicia) apostou pola moza galega Suevia Rojo, formada en Portugal, concretamente no Porto, que debutou co seu solo Pensar a contratempo. Púidena ver en Marín (Pontevedra), o sábado 20 de xullo de 2024, no festival ABANEA e deixoume marabillado. O máis importante parecía acontecer entre os pasos. De feito, poderíase dicir que non había pasos, que aquilo era un fluír tan cinético como expresivo e aberto. O caudal de movemento ía adquirindo, en diversos ciclos e a diferentes distancias, calidades inusitadas, ora en micro-segmentacións delicadísimas, ora en “legatos” que facían cimbrar o seu corpo miúdo, converténdoo nalgo enorme que nos alcanzaba. O traballo de Suevia é un descubrimento fascinante pola calidade e a orixinalidade do movemento. Parecía coma se estivese a inventar un novo estilo, con momentos xestuais sinxelos e unha forza helicoidal que se despregaba desde a terra e ascendía polo corpo ata o máis aló. Mirada limpa, de intensidade e beleza ecuánimes, capaz de crear horizontes e de mudar a nosa maneira de estar mentres baila.

Pensar a contratempo non parecía unha peza de danza ao uso (se é que hai algunha que o sexa), parecía un fenómeno da natureza que se estaba desatando ante a nosa mirada, alimentándose e crecendo por esa enerxía que ela, Suevia, igual que unha planta máxica, catalizaba e transformaba nunha danza inaudita, orixinal, libre de calquera moda ou tendencia.


Publicidade

Apenas o xesto dun brazo e da man alongándose cara arriba, ao mesmo tempo que a súa mirada tamén se alongaba e expandía saudando horizontes. Apenas a flexión de todo o corpo, afianzándose no chan, sen que cesase o caudal de movemento, que era como a sabia, a calidade do “entre” os indetectables pasos. Unha onda que é existencial e coreográfica ao mesmo tempo, ou ben unha decantación coreográfica dalgo profundo e verdadeiro que está en Suevia, que a conecta coa terra, co ceo e connosco.

Outro elemento fascinante é a súa maneira de desprazarse polo espazo, de pasar de estar lonxe a estar preto e ao lonxe xerar sensación de proximidade e na proximidade xerar a sensación de distancia e que case non nos deamos conta de que se está desprazando. Non a vemos desprazarse polo espazo e xa está aquí.

Hai, en todo iso, unha beleza sutil e encantadora, unha alegría melancólica, unha sinxeleza cativadora. Quizais porque Suevia Rojo é unha bailarina e creadora nova que pensa co corpo a contratempo de case todo o que adoitamos ver.

Non nos quere asombrar, con todo, asómbranos. Non nos quere facer os seus cativos, con todo, como acabo de apuntar, catívanos. Tan importante é o que debe de haber entre os pasos, como dicía Gades, que ata os pasos desapareceron e só quedou a poesía do movemento, abrindo, polisémica, un mundo.

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2024, de prensa especializada, do Festival de Almada, organizado pola Câmara Municipal de Almada, do que tamén recibira unha Mención Honrosa en 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Entrega da Bolsa de Dramaturxia 2024

Santiago Cortegoso gaña a Bolsa de Dramaturxia do CDG

TRUPE FANDANGA. AI DE MIM. AI DO EU...

Dos Modos Nascem Coisas: Do contemporáneo á raíz