O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, abre a súa 33ª edición hoxe, 26 de setembro, coa inauguración esta tarde da súa xa clásica Rúa dos Contos, que neste 2024 celebra as súas vodas de prata tras 25 anos de traxectoria ás súas costas. Así, o ciclo de narración oral pioneiro en Galicia chega esta fin de semana ao Mercado Municipal e aos bares de Carballo da man das hilarantes propostas de Evaristo Calvo, Miki Dkai, Walter Velázquez, Federico Pérez, Jazmín Abuín e Leti da Taberna.
O Teatro de Rúa fará tamén a súa aparición no #FIOT33 na tarde de mañá, venres, 27 de setembro, na Praza do Concello de Carballo, coas pezas para todos os públicos Cabicivai, de Pablísimo, a golpe de contos cheos de imaxinación, risas e sorpresas; e Lullaby, de Proyecto Kavauri, un espectáculo acrobático, con moito humor, saltos frenéticos e agarres.
Ademais, esta tarde, ás 20.30h, no Pazo da Cultura, terá lugar a inauguración da exposición Zoom FIOT 2023, da man dos/as fotógrafos/as que forman parte da mostra: de José L. Castro, José Manuel Pérez, Fernando Nieto, Kiko Rojo, Cris Becerra, Andrea Sánchez, Luz Vilas e Marcos Rodríguez. Na inauguración participará, tamén, a Aula Municipal de Teatro de Carballo.
Axenda da primeira fin de semana
Xoves 26 de setembro
Rescate emotivo, de Walter Velázquez (18.30h, Residencia de Maiores de Carballo) I RÚA DOS CONTOS
Animación de rúa, con Walter Velázquez (20.00h, rúas de Carballo) I TEATRO DE RÚA
Xa que o sabes, voucho contar (e cantar), de Federico Pérez (21.00h, Mesón do Pulpo) I RÚA DOS CONTOS
+ Inauguración da exposición ZoomFIOT, cos fotógrafos participantes en 2023 (20.30h) I Pazo da Cultura.
Venres 27 de setembro
Cabicivai, de Pablísimo (18.30h, Praza do Concello) I TEATRO DE RÚA
Lullaby, de Proyecto Kavauri (19.30h, Praza do Concello) I TEATRO DE RÚA
Cagadas, de Cándido Pazó (21.00h, Valle Inclán Café) I RÚA DOS CONTOS
A ver que pasa, de Evaristo Calvo (23.00h, Logradouro) I RÚA DOS CONTOS
Sábado 28 de setembro
Riquiña, de Jazmín Abuín (21.00h, Casino 1889) I RÚA DOS CONTOS
Enredada, de Leti da Taberna (23.00h, A Estación) I RÚA DOS CONTOS
Domingo 29 de setembro
Sois maravillosos D.O. Cádiz, de Miki Dkai (20.00h, Mercado Municipal) I RÚA DOS CONTOS
O #FIOT33
Do 26 de setembro ao 31 de outubro, dramaturgas e dramaturgos e directoras e directores como Daniel Veronese, Pablo Remón, José Troncoso, Esther Carrodeguas, Paula Carballeira, Alberto Conejero ou Andrea Jiménez, ademais de intérpretes como Javier Cámara, Malena Alterio, Israel Elejalde, Marta Nieto, Paula Quintas, Cándido Pazó ou Evaristo Calvo, e compañías como Las Niñas de Cádiz, Berrobambán ou Teatro Kamikaze, entre moitas outras, participarán este ano no FIOT.
Baixo o lema Agora é sempre, a 33ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo “achegará ao público textos de grandes clásicos como Shakespeare, Homero, Eurípides ou Chéjov, vistos desde o prisma contemporáneo, revisitando conflitos atemporais para propoñer unha singular viaxe que vai do presente á eternidade, do contemporáneo á tradición, do particular ao universal… do agora ao sempre”.
Este outono, por Carballo desfilarán propostas como En mitad de tanto fuego, de Alberto Conejero; a versión 1 de Vania x Vania, de Teatro Kamikaze, dirixida por Pablo Remón e protagonizada por Javier Cámara, Israel Elejalde e Marta Nieto, entre outros; Los amigos de ellos dos, con Malena Alterio e David Lorente, baixo a batuta de Daniel Veronese; IRIBARNE, de ButacaZero, escrita e interpretada por Esther Carrodeguas; Las bingueras de Eurípides, das sempre interesantes Niñas de Cádiz, con dirección de José Troncoso; Casting Lear, de Andrea Jiménez; ou o desembarco en España dun dos grandes éxitos da carteleira arxentina das últimas tempadas: El brote, da Compañía Criolla.
Estará tamén a compañía galega Berrobambán (con Paula Carballeira, que obtivo o Premio Nacional de Literatura Dramática en 2023), que presentan a estrea absoluta da peza coproducida polo FIOT Mulleres que viven soas #MQVS. Entre as creadoras e creadores galegos, destacan tamén nomes como os de Paula Quintás, tamén cunha estrea absoluta, a de Multiperspectivas#3, ou Cándido Pazó e Evaristo Calvo, que encherán de historias a Rúa dos Contos, entre moitas outras figuras.
Deste xeito, o FIOT regresa durante cinco semanas ás táboas, rúas e espazos non convencionais de Carballo cun programa “aberto a todos os públicos, formatos e sensibilidades”, que concentra 36 espectáculos, procedentes de 3 países (España, Arxentina e Cuba) e 7 comunidades autónomas españolas (Galicia, Valencia, Cataluña, Madrid, Castela e León, Andalucía e Navarra), con 8 estreas absolutas, 1 estrea en España, 6 estreas en Galicia e máis dunha trintena de actividades de mediación. Os bonos e entradas están á venda a través da plataforma Ataquilla.
Un encontro alén da escena
O FIOT é unha das principais citas de artes escénicas de Galicia. Cada outono reúne a máis de 10.000 persoas, durante un mes, ao redor dun programa que concentra preto de 40 espectáculos do circuíto escénico actual no plano galego, nacional e internacional e unha trintena de actividades paralelas. Nese senso, ademais do programa de sala, no FIOT alternaranse outras interesantes seccións de programación, que apostan polos xéneros, os formatos e os públicos máis diversos.
Deste modo, un ano máis, hai narración oral na Rúa dos Contos, teatro experimental e novos creadores no OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado); circo, teatro de rúa ou teatro físico en Teatro de Rúa; obras curtas de pequeno formato en espazos non convencionais no Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, temáticas orientadas ás inquietudes adolescentes no FIOTeen, residencias artísticas, encontros profesionais, colaboracións con outros proxectos escénicos, exposicións e a entrega do premio Xograr de Outono, este ano outorgado a Avelino González.