in

O Festival Teatro Gorrilla x Síntese Vigo danza no barrio de Bouzas

Arranca hoxe e desenvolverase ata o sábado na cidade olívica

WTF! Ay, Cariño!
'WTF!', de Ay, Cariño!

Despois dun mes cunha campaña de micromecenado aberta recadando fondos para a celebración dun festival en espazos urbano do barrio vigués de Bouzas, o Teatro Gorrilla conseguiu chegar ao mínimo para poder facer realidade este festival de tres días, contando coa colaboración de Síntese Vigo, formada por Cristina Cameselle e Geni Iglesias.

Xuntando forzas, prepararon un festival de danza e performance con obradoiros, faladoiros, jams e moito goce que arrancou hoxe e que se desenvolverá ata o sábado, 28 de setembro.

Programación

Xoves 26 de setembro

  • Ás 12h na ESAD (Escola Superior de Arte Dramático), da man de Cris Vilariño, fíxose un obradoiro de 3 horas de Body Weather, sistema de traballo creado en 1973 por Min Tanaka, mestre, coreógrafo e bailarín de danza butoh.

    “É unha práctica integral exhaustiva de adestramento e actuación que investiga as interseccións do corpo e a súa contorna. Os corpos non son concibidos como entidades fixas e separadas, senón que están, da mesma maneira que o tempo meteorolóxico, cambiando constantemente a través dun sistema infinito e complexo de procesos que suceden dentro e fóra destes corpos. Estar á escoita con todo o corpo, cos poros da pel abertos, cos sentidos e con sensibilidade, significa prestar atención a nós mesmos, aos outros e á nosa contorna”.

  • Ás 19h na Asociación de Veciños de Bouzas (na parte de abaixo) presentarase o festival, a súa programación en detalle, varias videodanzas e varios proxectos culturais da cidade que patrocinaron o festival, como A Morada e Caixa de Ritmos.

  • Ás 20h na Asociación de Veciños de Bouzas (tamén na parte de abaixo) abrirase un faladoiro en torno ao tema “corpos vulnerables en escena” convidando a axentes en relación ás artes escénicas como a PAM (Profesionais das Artes do Movemento), Fundación Igualarte, as artistas que participan no festival, A Panadaría, Ensalle, Afonso Becerra, alumnado da ESAD, Meiga – I. Será moderado pola organización do festival, que son artistas da escena.

Venres 27 de setembro

  • No CEIP Virxe do Rocio impartirá un obradoiro para 5º e 6º de primaria a compañía Disiden.Cia (Marcia Vazquez e Martin de Los Arcos), que achegarán ao alumnado a unha práctica de movemento con conciencia LGBTIQ+. Trátase dunha actividade para reflexionar sobre as identidades, os estereotipos de xénero e a diversidade de corpos a través do movemento.

    “Pór en valor o colectivo, o apoio grupal, a xeración de grupo, incentivando un espazo próximo onde as crianzas ou adolescentes poidan expresar os seus conflitos con respecto a identidade de xénero. Xogar cos corpos, convertelos en animais, monstruosidades, seres híbridos coa pregunta sempre no ar: Quen somos? Que queremos ser?”

  • Ás 18h na AA.VV de Bouzas desenvolverase un obradoiro de creación de público pola compañía de danza Ay, Cariño!, de 45 minutos aberto a quen queira participar e coñecer a peza que se mostrará o día seguinte dende un lugar de non ser espectador, senón que pondo o corpo.

  • Ás 19h na AA.VV de Bouzas impartirase un obradoiro de creación de público da compañía iXa de 45 minutos no que afondarán nas ideas que deron forma á peza Ollos cara adentro, que se presentará o sábado dentro da programación do festival.

  • Ás 20h na AA.VV de Bouzas farase unha jam de movemento musicalizada por David Santos, baixista da banda Cró! Aberta a calquera corpo, con ou sen coñecemento en danza.

SÁBADO 28 de setembro

  • 12h no Paseo dos Peixes, Bouzas. Ofrecerán un percorrido artístico con Elsa Pereira dunha hora, descubrindo Bouzas con outro ollar, unha experiencia sensorial e única.


    Publicidade

  • Explanada fronte a Praia do Adro, Bouzas

    • Ás 18h Disiden.Cia amosa a súa peza Podería ser calquera, unha danza para calquera. “É unha reivindicación monstrosa, alieníxena, absurda e desenfadada dos corpos. O apoio noutres como forma de vivir na constante dúbida. Permitirse, hoxe, ser calquera. Un espectáculo para tódalas idades na pregunta sen resposta sobre a identidade”.

    • Ás 19h iXa presenta a peza Ollos cara adentro, unha proposta escénica de dous performers que traslada a concepción surrealista do soño a un espazo físico efémero, tomando como punto de partida o universo do onírico. Ollos cara adentro pretende indagar na concepción surrealista do soño; ese lugar onde os límites da lóxica, a razón, a conciencia e incluso as convencións do gusto rompen permitindo abrir unha porta entre o mundo interior e exterior de cada individuo.

    • Ás 20h Ay, Cariño! con WTF, unha fuxida cara diante, o correr pavoroso de dúas criaturas chegadas á Terra dende un planeta lonxano e estraño. Ou simplemente diferente.

      “É unha explosión. É un carnaval. É un disparate.

      É unha expresión de shock convertida nun absurdo de ritmo frenético. Unha mestura de xogo e movemento que dende a cor e o brillo cristaliza unha idea sinistra tras a néboa da festa: por que corren estas dúas criaturas? Que ven que lles fai fuxir sen pausa cara diante? Que lles aterra tanto?

      Quizais non lles gusta o que ven aquí abaixo. Ou quizais esas criaturas chegadas doutra galaxia somos todxs nós reflectidxs nun espello inesperado. Correndo ata quedar sen alento para chegar a non sabemos onde”.

  • Por último, dende as 22h no Palco da Música da Alameda Gorrilla Dj Set ata as 23h pecharase o festival festexando con moito baile.

Ollos cara dentro, iXa
‘Ollos cara adentro’, de iXa

O proxecto

Teatro Gorrilla é un proxecto autoxestionado e alternativo que Sergio Llauguer, Laura Merchán e Eva Comesaña levan a cabo, pretende “transformar e democratizar a cultura na cidade olívica, levando propostas contemporáneas de artes escénicas aos bares, lugares cheos de vida que apoian a arte a través de múltiples concertos, por iso, queren que as artes escénicas tamén teñan presenza nestes espazos non convencionais, e así, visibilizar novas propostas de artistas independentes da Galiza”.

Este proxecto comezou “como resposta á baixa visibilidade das artes escénicas e a escaseza de espazos para a súa práctica e desfrute na cidade de Vigo”.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Presentación da I Mostra de Teatro no Mosteiro

A Mostra de Teatro no Mosteiro inaugura a súa primeira edición

Enredada Leti da Taberna

A Rúa dos Contos inaugura a 33ª edición do FIOT de Carballo