in , , ,

Festival Agrocuir da Ulloa 2024

A festa da diversidade

Persoas da organización do Festival Agrocuir durante a performance de Nelu Vermouth e Compañía. Imaxe de Zoe Iriarte.
Persoas da organización do Festival Agrocuir durante a performance de Nelu Vermouth e Compañía. Imaxe de Zoe Iriarte.

O pasado mes de agosto, na fin de semana do 23 e 24, no concello de Monterroso celebrouse a novena edición do Festival Agrocuir, que naceu no 2014 como unha iniciativa dun grupo de amigos da comarca da Ulloa, en Lugo, para reivindicar a diversidade sexual e de xénero no rural galego.

Un festival ou romaría, ou como me gusta a min definilo, unha experiencia onde o respecto, a igualdade e a normalización da convivencia entre persoas non crea ningunha barreira.

Neses dous días xérase un vínculo tal entre os milleiros de persoas asistentes que chegamos a considerar esta como unha cita necesaria ano a ano.

O festival ademais serve de modelo e inspiración para outros tantos que foron xurdindo despois por todo o territorio español. Por este feito, a organización decidiu outorgarlles este ano o seu Premio á Visibilidade aos festivais:

– Vera Cuir (Cáceres)
– Cuires del Valle (Ávila)
– L’Orgull Espluguí (Tarragona)
– Festa da Diversidade de Moaña (Moaña, Pontevedra)
– Ponte Farruca (Laza, Ourense)
– Fada Fornida (Girona)
– Cameros Cuir (La Rioja)
– Serrana Cuir (Valencia)
– Romería Cuir (Asturias)
– El Orgullín del Norte (Asturias)
– La Cuireño (León)
– Porco Pride (Espasante, A Coruña)
– Ruada das Pingas (Pontedeume, Pontevedra)
– Orgullo das Terras de Lemos (Monforte, Lugo)
– Mariola (Valencia)

Esta edición do Agrocuir contou ademais cunha programación de espectáculos e obradoiros de temáticas diversas.

O venres 23 de Agosto, comezou a celebración do Festival Agrocuir da Ulloa coa proxección e coloquio da montaxe provisional do proxecto audiovisual colectivo O Ulla Si!, para despois acoller a actuación de Alana, ManiCuir, Nelu Vermouth (e compañía), VerterGz e Saya na Praza do Froito e até ben entrada a madrugada.

O sábado 24, comezou a xornada co Podcast As Bichas, a presentación de libros Posteo de Avante e os obradoiros:

• Obradoiro de baile por Gabi Reboredo.
• O Laboratorio Ulloa Vivo de imprenta, reciclaxe téxtil e serigrafía por Aloutte Machine, Truca Rec e Klau.
• Canta – contos por Gael de Papel.
• “Movendo os marcos do desexo” por Non monogamias Ourense.
• “Envellecemento e diversidade”, por Lar Lilas.

Seguidos logo pola performance A Morte e o Clima de Matías Daporta, o Bingo Cuir, o Coro Cores, e a entrega do Premio á Visibilidade Agrocuir, e xa máis tarde o espectáculo de cabaret de Marinita y sus maromas.

Unha tarde que seguiu cos Cantos de Taberna, que nos levou desde o Souto do Caracacho por todos os bares da vila, para rematar coa actuación de Aboi 13 e Km0 Dj na Praza do Froito.

Persoalmente, participei nunha gran exposición interactiva (Expo CUIR), na que puiden presentar dentro da programación do festival a miña visión persoal das súas últimas edicións a través de varias reportaxes fotográficas, miradas e sensacións do público asistente.


Publicidade

De todo isto, eu quería destacar primeiro a organización: un grupo de persoas moi implicada en todas as loitas sociais, capaces de sacar adiante semellante festival, cun traballo intenso durante todo o ano. Tamén a elección da programación, dando cabida a toda clase de propostas, estilos e alternativas artísticas e tendo sempre en mente a todas aquelas que se desenvolven dentro da comarca, como por exemplo Os cantos de taberna, onde están invisibles parte das agrupacións culturais e musicais da Ulloa: Aboi 13 , VerterGz, etc.

E dous espectáculos en especial:

A intervención artística do venres de Nelu Vermouth e Compañía.

E o cabaret de Marinita y sus Maromas.

O primeiro ofreceunos un momento de especial intensidade cando Nelu, na compañía de María Isern, Drei, Lois Búa (Mouræ), Daniel Amarelo, Xiana González, A Panadaría (e as señoras Teresa Batán e Carmiña), nos sacudiron cun relato esgazante escrito no chan mentres de fondo unhas voces facilitaban a identificación coas loitas internas que precisan ser entendidas e respectadas. A praza converteuse nunha imaxe moi potente, coas persoas agachadas no chan e cos ollos embazados buscando coa mirada outros ollos mentres o corazón palpitaba a outro ritmo.

Pola súa banda, Marinita ofreceu un cabaret cunha variedade de micro intervencións por parte de toda a compañía, onde a felicidade desbordaba de modo que convidaba a acompañalos nesa ledicia durante os 60 minutos que durou o espectáculo, mesturado coa maxia da natureza cando unha estrela fugaz cruzou a noite da Carballeira.

Como nas súas anteriores edicións, o Festival Agrocuir reflicte a intensidade de vivir nunha utopía de igualdade e respecto, algo que me axuda a pensar que existe un mundo mellor do que cremos e que nalgún momento o que hoxe é unha excepción poida chegar a ser o noso día a día.

Non deixa de ser a opinión dunha tola polas persoas que suman.

zOe iriARTE

zOe iriARTE

Actriz, directora, escenógrafa e técnica de iluminación. Fotógrafa, formadora e creadora de eventos artísticos. En 1986 crea a súa primeira compañía de teatro e, no 1989, Lohengrin Teatro e as Escolas de Actividade Teatral, das que teñen saído ducias de actores e actrices que a día de hoxe traballan como profesionais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Circo de Pinocho Interior reducida

EducaTeatro estrea ‘Circo de Pinocho’

Foto: Afonso Becerra

Ficción e identificación no fútbol e no teatro