O Liceo de Ourense acolle esta tarde, ás 20.00 horas, a inauguración da 17ª edición do FITO, o Festival Internacional de Teatro de Ourense, coa función de Vía Morta, de Culturactiva. A programación do festival desenvolverase dende hoxe ata o domingo 27 de outubro, e ofrecerá catro propostas chegadas desde Arxentina, Portugal, Cataluña e Madrid xunto coas de 13 compañías galegas.
Destas últimas, a mostra acollerá a estrea da versión para teatro de Sobre o extravío ou a arte de perderse, de Furia Sotelo, o xoves 17; MCV (María Consolación Visitación Amadora), de Loia Producións, o martes 22; Un tal Romeo, de A Ramboia, o xoves 24, e Inventarios de A Run Run, a partir do día 18 en diferentes rúas da cidade, así como as pezas que presentarán o mércores 23 as catro compañías seleccionadas para unha nova edición da convocatoria 67 Graos Ourense Fervescénica de bolsas de creación.
Completan a participación galega, ademais de Culturactiva, coa súa función de apertura, Mercedes Peón coa peza híbrida Osmose o venres 18, A Feroz con Boulevar Papagaio o domingo 20 e Producións Teatrais Excéntricas con O auto do Castromil, coprodución co Centro Dramático Galego que pechará o FITO o domingo 27.
Espectáculos internacionais
A representación internacional correrá a cargo de Teatro Só, compañía luso-alemá que exhibirá a montaxe Sorriso o sábado 19, e a arxentina El Rayo Misterioso con Buenos días señorita Leila o sábado 26, mentres que Solitaria chegará desde Cataluña o domingo 20 con Mal de coraçon, en coprodución do Teatre Nacional de Catalunya, e, desde Madrid, La Rueda Teatro Social con Quiero colapsar a tu lado, o venres 25.
A cidade de Ourense acollerá a meirande parte das representacións, agás unha das funcións de Teatro Só e a de A Feroz, que se farán na praza Maior e no Auditorio Municipal Ilduara de Celanova, respectivamente.
O festival
O festival está organizado pola compañía Sarabela Teatro e conta co patrocinio da Xunta de Galicia, a través da súa convocatoria anual de axudas ás mostras profesionais de artes escénicas, e da Deputación de Ourense, e tamén coa colaboración do Teatro Principal de Ourense, a Universidade de Vigo (a través da Vicerreitoría do Campus de Ourense), o Concello de Celanova e o Liceo de Ourense.