A humanidade, nunha proporción considerable, que desexamos que sexa baixa, caracterizouse dende tempos inmemoriais pola súa inhumanidade, crueldade, abuso, violencia e mesmo destrución. O estigma tráxico parece formar parte do noso ADN. Hai uns 2.472 anos Esquilo escribiu Os persas, considerada a obra de teatro máis antiga que se conserva, abordando as consecuencias da guerra. Pasaron os anos, as condicións de vida melloraron nalgunhas partes do planeta Terra, consideradas primeiro mundo, dentro da xerarquía e protocolo “necesarios” cos que estruturamos e organizamos as nosas sociedades. Chegamos, nuns poucos territorios blindados, a un relativo estado de benestar. Aferrámonos, algunhas persoas, algúns sectores, á idea de progreso en sentido positivo. Pero, resulta que, aínda que o progreso da ciencia, por exemplo, foi imparable e salvou e alongou vidas nalgúns territorios, o progreso noutros ámbitos, relacionados coa política, a empresa, o sistema económico, etc. poderiamos cuestionalo. Tanta tecnoloxía, tanto marketing, tanto “low cost” para consumir viaxes, roupa, tecnoloxía, etc. Parece que atrofiou ou anestesiou un pouco a nosa conciencia. Ou quizais é que non temos tempo para pensar, porque as redes sociais, os videoxogos, a televisión idiotizante, ocupan o pouco espazo que nos queda do traballo. E cada vez hai que traballar máis. Non sei. Pero algo está sucendendo e algo (non todo, algo, insisto) non vai ben cando a estas alturas da historia está a pasar o que está pasando. Poucos serán os psicópatas que a poboación manipulada coloca no poder nalgúns países do planeta, ou que eles mesmos se colocan. Poucos serán os mozos e adolescentes que, descoñecendo a historia e deixándose guiar por “influencers” populistas e divertidos, presumen de que o mola é a ultradereita, ou as figuras de ditadores asasinos. Poucas serán os traballadores explotados que, sen tempo para pensar e ter conciencia, votan por partidos xenófobos, machistas e con pouco ou ningún apoio a un estado de benestar para todas as persoas, independentemente do seu poder adquisitivo. Poucas serán as persoas rebotadas e enfadadas co sistema, que elixan a alguén sen escrúpulos para gobernar e para que, desde o poder, poña fin a todo. Serán poucos. Pero están aí e poden facer moito dano.
Todos estes sinxelos pensamentos axítanme, despois de asistir a BUENOS DÍAS SEÑORITA LELIA de EL RAYO MISTERIOSO, a veterana compañía de teatro de Rosario, Arxentina, que está de xira pola Península Ibérica. Puiden gozar desta obra, con texto, dramaturxia e dirección de Aldo El-Jatib Amato, e interpretación de Victoria Guercetti, Leticia Beux, María de los Ángeles Oliver, Exequiel Orteu, Ada Cottu, Sebastian Arriete, na Sala Ártika de Vigo, o xoves 24 de outubro de 2024. O sábado 26 estiveron no Teatro Principal de Ourense, dentro do Festival Internacional de Teatro, o FITO.
É un espectáculo sobre o terrible, abordado desde un humor difícil de definir. Un humor que podería ser negro porque trata aspectos nefastos: o maltrato e a violencia, preto da tortura, a morte, a ambición e o egoísmo, a falta de escrúpulos e de valores éticos, dende os militares aos gobernantes políticos, dende o sistema educativo, ata o corazón da familia. Pero todo isto xógase dende unha aula escolar, onde un grupo de nenas e nenos reciben formación. Esa perspectiva cambia a cor negra do humor, pero tampouco se converte en humor branco, a pesar dos seus uniformes escolares brancos. Non hai nada inxenuo. É, máis ben, un humor que esperta o noso sorriso e algunhas gargalladas, pero que non deixa de ser corrosivo.
A posta en escena, sumamente rítmica e coreográfica, é dun formalismo e xeometrías, que dan lugar a belas imaxes, algunhas delas impactantes, como as dos estudantes aniquilados por armas ou por un bombardeo, por unha guerra, por un ataque, cos seus corpos esparexidos pola aula, nunha composición case cubista.
É tamén un teatro político de denuncia, máis expositivo e épico que dramático, no que se evidencia o xogo teatral, próximo, se cadra, ao esperpento de Valle-Inclán, ou ao teatro da morte (de actuación “marionetizada” ou “obxectualizada”) de Tadeusz Kantor, é a única esperanza que nos queda. É inevitable lembrar A clase morta (1975) de Kantor. O xogo teatral, como ritual (véxanse todas as repeticións e variacións que dan cohesión a esta dramaturxia) e celebración esconxuradora, é a única solución posible. O tango da parella, que combina paixón, elegancia e desafío; o número musical e vocal do conxunto de nenas e nenos daquel colexio; o artificio dos seus desfiles; as transformacións noutros personaxes típicos (militares, políticos, ditadores…); o estilo próximo ao expresionismo da posguerra nalgunhas máscaras faciais e xeitos de dicir; todo isto forma o feitizo que nos atravesa como un raio misterioso.
O teatro, como alegoría das artes, é a única salvación e a única esperanza. Nin sequera a educación ou a familia garanten a solución á crueldade, o maltrato e a violencia. A educación é manipulada polos gobernos no poder e polos mecanismos do poder, garantindo a cadea de submisión e obediencia, tan útiles para a cadea de produción/consumo e, dentro desta, para o negocio da guerra. A familia enferma por eses mesmos roles de poder e egoísmo, polo consumo e a produción, polo machismo, etc. Só o teatro e as artes escénicas (ás veces) son o refuxio da humanidade e a súa salvación. O caso é que os que participan nisto son sempre unha minoría.
En BUENOS DÍAS SEÑORITA LELIA é a forma, o propio xogo teatral, o que nos permite aguantar e, máis tarde, sopesar o terrible. A forma e a acción artísticas son as únicas esperanzas, os únicos raios de luz.