Achégase o final do ano e, a todes ou case, dános por poñer cousa por cousa na balanza e facer ao noso modo, ao de cadaquén, un axuste de contas, ou como di a canción cantada pola marquesa y sus amigos: “[…] hacemos el balance de lo bueno y malo… cinco minutos antes de la cuenta atrás […]”.
Eu son máis de tomar as uvas coas badaladas dende a Praza do Obradoiro e, aproveitando que me quedan algo máis de cinco minutos para a conta atrás e para que chegue o aninovo, gostaríame facer tamén unha valoración deste ano nesta “Casa Colorida”, neste lugar de disidencia: Palcos LGBTIQ+, no que escribimos ao abrigo da erregueté.
Foi en novembro de 2020 cando Afonso Becerra chegou coma un refacho de ar das montañas luguesas á dirección da Revista Galega de Teatro e, con el, chegou tamén unha nova directiva e moitas novidades. Por unha banda, poñer no lugar que se merecía a danza, o circo e as artes vivas. Tamén facer unha revista a toda cor, editar libros de teatro ou saldar contas para a supervivencia da revista… (porque amiguiños si, pero a vaquiña polo que vale) e a idea de crear esta sección de Palcos LGBTIQ+, para dar boa conta da escena máis colorida do país, con Iván Fernández á cabeza.
A primeira vez que se escribía na edición dixital da erregueté sobre contido LGBTIQ+ foi grazas a Laura Porto e á súa crítica do espectáculo Elisa e Marcela da compañía A Panadaría en 2017. Pero non foi até finais de 2020 cando se comeza a escribir con regularidade nesta sección. Nese ano dous artigos, en 2021 dezaseis, en 2022 un máis, dezasete, en 2023 baixamos un chisco a media, trece (que tamén é un gran número) e neste 2024, con este que estás a ler, vinte e catro artigos, entre crítica e opinión.
Dous artigos por mes: as contas saen, porque o ano pasado por estas datas, cando Iván Fernández me convidou a min e a outres a formar filas dentro desta sección, unha das cousas que nos propuxemos foi comprometernos, non calar, escribir máis e tamén conseguir ter un espazo na sección semanal de opinión da erregueté. E conseguimos todo o proposto. Traballo feito!
Este 2024 foi moi intenso e se teño que quedar con algo importante desta sección, houbo dous momentos que me gostaría resaltar: o primeiro cando, en xuño, estivemos no V encontro “Pensar con Orgullo, Culturas e perspectivas queer”, organizado polo Consello da Cultura Galega, celebrado en Santiago de Compostela, onde Iván Fernández, no seu artigo “Pensar con Orgullo”, escribe:
“[…] Non podemos deixar de ver o panorama xeral no que estamos, nun país onde a política inxire directamente na xestión cultural, pretendendo adoutrinar á cidadanía, e exercendo a censura como ferramenta directa de abuso de poder. No caso de Galiza, non é preciso sequera botar man da censura para pechar a presenza da comunidade cuir na escena: basta con sometela ao sistema precarizado e precarizante das artes para ver como unha comunidade xa de por si marxinada, fica aínda máis ás marxes do sistema. Non fai falla xa facer presión nin censurar directamente: xa que o propio sistema, e a maioría de compañeiras da profesión, se encargan de deixarnos de lado […]”
Outro dos momentos, que nos deixou este ano, para resaltar foi cando respiramos fondo e manifestamos o noso malestar coas situacións que se estaban a dar en espectáculos dalgunhas compañías do país, que financiadas con cartos públicos ridiculizaban na escena a colectivos que lles parecen marxinais, facendo burla directamente dos maricóns, os subnormais, as mulleres e os negros. Sei de boa tinta que non gustou nada que escribíramos sobre iso e mesmo nos trataron de “ofendiditos”.
Logo de abrir ese melón, Juan Escalona reflexionou directamente sobre a homofobia nos escenarios, poñendo de relevancia estas cuestións que denunciamos dende Palcos LGBTIQ+ no seu artigo “Ha Ha é gai, que gracioso” onde escribía sobre a representación do marica na cultura:
“[…] As maricas cando imos ao teatro, sobre todo a ver unha comedia, facémolo cun certo punto de cautela, pois non é estraño atopar recursos, bromas e propostas cunha certa tintura homófoba. Temos o ouvido adestrado porque sufrimos esta homofobia no noso día a día, e cuestións que en ocasións pasan desapercibidas ao ollo heterosexual, a nós fannos saltar as alarmas […]”
Para este 2025 chegan novos propósitos de aninovo: ademais de continuar cos nosos artigos de crítica de espectáculos mensuais e coa sección quincenal de opinión “A Casa Colorida”, estreamos unha columna de firmas alleas á redacción da erregueté, para que esta, que é a casa de todes, siga medrando e enchéndose de voces, onde poder expresar a maior diversidade posíbel. As nosas primeiras convidadas foron A Panadaría que no seu artigo de opinión “E Q +?” escribían:
“[…] Vaiamos na procura dun teatro máis colectivo e máis empático, no que se escoiten as opinións dos intérpretes durante o proceso; un teatro menos xerárquico, no que non se normalicen situacións de abuso e maltrato; un teatro que provoque a quen ten que provocar, no que a quen se ridiculice sexa ao racista, ao machirulo, ao explotador, un teatro de todes e para todes, con equipos artísticos e técnicos máis diversos. Probemos a artellar un teatro que non sempre faga rir ao cuñado da cea de Nadal, pero que si que faga escachar coa risa ás maricas, trans, cabalonas, tolleitas, negras e xitanas ata que treman os cimentos do palco de butacas […]”
Grazas Areta, Noelia e Ailén, por facernos ver que non somos uns “ofendiditos”.
Estivemos aquí e imos seguir estando e os nosos Palcos da erregueté seguirán sendo Q+.
Queda claro que este 2024 foi, sen dúbida, o que máis intensidade tivo dende a creación desta sección na erregueté, e penso que cando se fai un balance hai que gabarse, loar e estimar o feito. Así que, dende esta derradeira columna de opinión que este maricón asina, só podo seguir abrazando a disidencia e poñer en valor o traballo feito por un equipo pequeno, cheo de cores e azos para seguir medrando o vindeiro ano. Porque ser diferentes é ser existentes!
Saúde e Teatro neste 2025!