in

Os Mestre Mateo en danza

Foto: Cris Andina. AISGE.
Foto: Cris Andina. AISGE.

A gala dos XXIII Premios Mestre Mateo do audiovisual galego, que se celebrou en Lalín (Pontevedra) o 15 de marzo de 2025, sorprendeunos non só pola vizosidade dese ámbito, senón tamén porque colocou no centro da gala a explosión cinética, sensual e máxica da danza contemporánea galega.

O lema “o audiovisual en movemento”, en caligrafía sinuosa e dinámica, cobrou todo o sentido coa fascinante creatividade e poderío despregados nos números de danza, que incluíron á presentadora da gala, a actriz Teté Delgado, ao actor Xoán Fórneas e, no final, a todo o público.

A danza e as artes do movemento son para desfrutar no directo, nesa vibración que produce a verdade dos corpos, desafiando os seus usos e maneiras, para mudar o ordinario polo extraordinario. Aínda así, ver eses números de danza na pantalla, e no contexto dunha gala de entrega de premios, pode resultar moi atractivo. Para comprobalo basta con asomarse á xanela de agalega.gal onde podemos ver a gravación*.

Como escribo sobre as artes escénicas e non sobre o audiovisual, e como tampouco pretendo facer unha crónica da gala, o meu obxectivo aquí é poñer en valor a calidade e o sentido aberto e vitalista que a danza contemporánea galega lle achegou a esta celebración do noso audiovisual. Paréceme que foi algo inédito que paga a pena salientar.

O pracer debémosllo á dirección escénica e artística de Marta Alonso Tejada, ao guión de Carlota Mosquera e Manolo Cortés, aos visuais e á dirección de arte de Laura Iturralde con Peque Varela, e á danza da Cía. Marta Alonso Tejada, Esther Latorre (Colectivo Glovo), Xián Martínez (iXa Danza), Suevia Rojo, María de Vicente, Estefanía Gómez e Pablo Sánchez, con vestiario de Uxía Vaello e coa presentación de Teté Delgado.

Espertar o corpo e poñernos en acción, o corpo do audiovisual, o da xente que vai traballar, é un dos motivos que alimentaron a dramaturxia para esta ocasión, tal cal me conta Marta Alonso Tejada. Tamén a presenza de elementos astrolóxicos, o imaxinario dos astros que nos lembran que formamos parte dun sistema máis grande e que non somos o centro do universo nin os donos de todo. Iso compleméntase coa idea do “aquelarre”, dunha “rave”, unha festa para despoxarse e encontrarse coa natureza, coa outredade e cunha mesma. En conexión con todo isto, Baiuca desprega unha música na que o contemporáneo, a electrónica e as sonoridades e melodías tradicionais cobran un aquel moi activador.

Comezan coa linguaxe de Colectivo Glovo, nunha poética moi ritualística e cun movemento moi de terra, tal como puidemos apreciar na súa peza Tabú. Música en directo de Baiuca, co tema titulado Ribeirana, contribuíndo a esa ancoraxe naquilo máis inefable da nosa cultura de raíz. O vestiario de Uxía Vaello dálle resalte ao movemento, que adquire un halo cósmico, en composicións grupais enfeitizadoras de trazo fantasioso.

Nas seguintes presentacións conectaron a idea do audiovisual co corpo e co movemento. “Para nós o audiovisual tamén é danza e a danza é todo”, afirma Marta Alonso Tejada.

Noutro número colócase a importancia do amor para crear. A esa forza tan motivadora déronlle xeito a través da escena de Patrick Swayze en Dirty Dancing, recuperada de Bailar agora de Marta Alonso, co actor Xoán Fórneas e todo o elenco de baile, nunha escena divertida.

Cara ao final, Xián Martínez (iXa Danza) fixo a coreografía, co tema titulado Sísamo de Baiuca, para rematar a festa, nun momento dedicado á pulsión de transcender, de soñar, de flotar. A coralidade multiplícase nos visuais até o infinito e máis alá. O vestiario prateado dálles un aire sideral e a coreografía, con secuencias de Nik.Eu.2.0 de iXa Danza, converte ás bailarinas e aos bailaríns en elos dun mecanismo no que a xeometría humana se eleva por riba das continxencias cotiás.


Publicidade

E o peche da gala abriu co convite para que todo o público que estaba alí tamén bailase co tema de Baiuca titulado Barullo.

E así ficamos a pensar nesa capacidade que ten a danza contemporánea galega para transformar e mover.

Teño que confesar que a min as galas de premios sempre me pareceron un aburrimento, a excepción da dos Manu Lago do circo galego, que comezou a celebrarse o ano pasado. Creo que a clave para saír da ampulosidade cerimonial e do sopor xerado pola acumulación de discursos pode estar en colocar os corpos no centro, na súa potencialidade núa de historias, desde a verdade primixenia e poética que poden despregar. Igual que no fútbol, a danza, o circo e o mellor teatro emociónannos canto máis se implica o corpo. Non é de estrañar que nestes Mestre Mateo o “subidón” viñese non só dos galardóns. Velaí a danza!

Foto: Aigi Boga
Foto: Aigi Boga

* Localización en minutos dos números de danza na gravación da gala:

Min. 00.00.00. Apertura de la gala: Momento de danza con música en directo de Baiuca: Ribeirana. Interpreta o elenco de baile. Coreografía de Esther Latorre de Colectivo Glovo

Min. 00.28.00. Presentación 2. Teté Delgado sobre o Audiovisual como unha danza. Interpreta o elenco de baile.

Min. 01:08:00. Presentación 4. Teté Delgado, recreación da escena de Bailar agora de Dirty Dancing con Xoan Fórneas e co elenco de danza.

Min 02:07:53. Momento de danza con música en directo de Baiuca: Sísamo. Interpreta o elenco de Baile. Coreografía de Xián Martínez de iXa Danza.

Min 02:44:06. Momento de danza con música en directo de Baiuca: Barullo. Interpreta o elenco de baile. Convite ao público e á equipa para bailar. Interpreta o elenco de baile e todas as persoas que se suman.

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2024, de prensa especializada, do Festival de Almada, organizado pola Câmara Municipal de Almada, do que tamén recibira unha Mención Honrosa en 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Imaxe: Cidade da Cultura.

Preséntase o programa do festival Escenas do Cambio 2025

Trïade reducida Hugo Pires

O Colectivo Glovo estrea ‘TRÏADE’ en dFERIA 2025