in ,

Galicia celebra o Día Internacional da Narración Oral

Ana Rodríguez, de Leilía, asina o manifesto galego deste ano

Atenea García e Vero Rilo Bailen as vellas os contos das cereixas
Atenea García e Vero Rilo en 'Bailen as vellas. Os contos das cereixas'. Foto de Sol Álvarez. Fonte: Urdime.

Un ano máis, Sete Falares, o Colectivo Narración Oral Galega (NOGA) e o Festival Atlántica xuntáronse para celebrar o 20 de marzo o Día Internacional da Narración Oral. Nesta ocasión, o manifesto galego, “que fai unha chiscadela ao Día das Letras Galegas”, foi escrito por Ana Rodríguez de Leilía.

Coa chegada da primavera, os contos, como as xoaniñas, voan levando historias a todos os recunchos. Do mesmo xeito, os narradores e narradoras do país buscan, unha vez máis, situar a lingua galega no mapa a coas súas historias. Entre o 20 e 31 de marzo, recoñecidos artistas como Quico Cadaval, Paula Carballeira, Raquel Queizás, Sole Felloza, Paco Nogueiras, Celso Fernández Sanmartín, María da Pontragha, Cris Collazo, Charo Pita, Caxoto, Ángeles Goás, Vero Rilo, Cris de Caldas, Dani Blanco, Atenea García, Larraitz Urruzola, Marta Ortiz, Carlos Rebolo e Inma Soto percorrerán Galicia, Madrid e Guipúscoa, enchendo auditorios, bibliotecas, escolas, institutos e festivais co poder da narración oral.

“Galicia conta cun xeito único de narrar, que se recoñece en calquera lugar onde un galego ou galega conte unha historia”, explican dende o sector. Por este motivo, a comunidade de narradores e narradoras aproveita esta data especial para “reclamar espazos dignos, unha remuneración xusta e o recoñecemento dunha arte ancestral que cada 20 de marzo celebra o seu día grande”.

A arte máis antiga do mundo

A narración oral é unha arte escénica de pequeno formato que está presente en todas as programacións de xeito diario en Galicia, nas que dende NOGA instan a que sexa “valorada e recoñecida coma unha arte rica creativa e sólida con capacidade de adaptación a espazos moi diferentes”. Por iso, segundo explican, dende os festivais e NOGA traballan “para visibilizar e poñer en valor o seu oficio situando a Galicia e a súa lingua no mapa universal das historias”.

No Día Internacional da Narración Oral conmemórase a arte de narrar de viva voz e celébrase cada 20 de marzo, coincidindo co equinoccio de primavera. A festividade tivo a súa orixe en Suecia no ano 1991 e, aos poucos, fóronse engadindo outros países.

O manifesto

Velaquí vai o Manifesto do Día Internacional da Narración Oral de 2025, asinado por Ana Rodríguez, de Leilía:

“Sempre que vexo un reirrei lémbrome da miña avoa paterna, que nunha ocasión sendo eu moi pequena, tería uns catro aniños, collera un e poñéndomo na man dixérame moi baixiño: «…, deixa que che ande polos dedos e verás que vai pasar» e de seguido bisbáralle aquilo de:

Xoaniña voa voa, xoaniña voa voa, que mañán che hei dar pan de broa

E a xoaniña saíu voando deixándome a min completamente abraiada e coa certeza de que miña avoa facía maxia… e maxia non faría, pero era unha marabillosa creadora de soños e ilusións.

Con ela aprendín o valor e o respecto do que nos chega de vello, dos contos que xorden á calor da cociña de ferro, da riqueza do tempo repousado…, e todo iso espertou a sensibilidade necesaria para que anos despois, sendo xa unha adolescente, soubese ver a inmensa riqueza que se agochaba en cada recollida, en cada cantiga, conto e historia que nos chegaba das mulleres maiores, mulleres que gardaban na súa memoria os tesouros herdados de nais, tías, avoas… e que compartían connosco sen pedir nada a cambio.

Se penso na tradición oral visualizo unha inmensa e lixeira cadea que flota no ar conectando xeracións da man da sabedoría popular, que crea historias en catro versos, que achega pasado e presente, que transmite valores, coñecementos, lingua… Tamén vexo o elo da complicidade entre quen sabe e quen escoita e aprende, dende o respecto, adquirindo o compromiso de compartir o aprendido, facendo esa cadea máis e máis longa.

E nesa inmensa cadea de sabedoría, complicidade e compromiso visualizo tamén lazos de cores, lazos que representan as risas, a tenrura, a paixón, a picardía, os traballos compartidos, os medos, o humor, a imaxinación, a festa… e todo o que envolve a temática de cada cantiga e cada conto que chegou a nós, ante todo e sobre todo, grazas ao amor que se pon en compartir o que importa.

Centrándonos nas cantigas, este é un ano de celebración, un ano no que a Real Academia Galega vén de concederlle ás cantareiras un merecidísimo recoñecemento por ser creadoras, conservadoras e transmisoras da tradición oral galega.


Publicidade

Di a cantiga:

Canta compañeira canta

Canta compañeira canta

Que a min sempre me gustou

Oír a túa garganta.

Gocemos da inmensa sorte de ter aportado a este recoñecemento, ben recollendo, ben cantando, asistindo a clases ou mesmo indo a concertos e recitais.

Unha achega conxunta para facer máis grande e eterno este legado.

Valorar e darlle vida a este noso xeito de facer festa manterá esta parte da nosa identidade, vinculada ao divertimento, viva no tempo.

Leilía, permitídeme que o diga, contribuíu en gran parte a esta revolución, a facer que a música do pobo volva a ser do pobo e soe en prazas, xuntanzas, celebracións… Pode haber maior riqueza e orgullo?

Presumamos do noso, sigamos contando, cantando, aprendendo e sumando así elos á marabillosa cadea da tradición oral.”

Programa de actividades

20 DE MARZO
12.00 h | Sole Felloza. Narración oral na Radio da Escola. CEIP Mosteiron, Sada
11.00 h | Larraitz Urruzola. Obradoiro con títeres. Aula maiores, Valdoviño
12.00 h | Carlos Rebolo. Instrucións para tomar café. IES Anxel Fole, Lugo
17.00 h | Paula Carballeira. Obradoiro: Recursos expresivos na narración oral. Biblioteca de Alcázar de San Juan, Ciudad Real
18.00 h | Atenea García. Lingoreteira. BPM Xermade
18.00 h | Charo Pita. Bebecontos. Biblioteca de Meicende, Arteixo
18.30 h | Marta Ortiz. Tralará. Biblioteca Rialeda, Oleiros
18.30 h | Caxoto. Contada colectiva. Biblioteca Nacional de España, Madrid

21 DE MARZO
12.00 h | Sole Felloza. Bolboretas. IES Cacheiras
12.30 h | Cris de Caldas. Agasallo das árbores. CEIP Xulio Camba
18.00 h | Raquel Queizás. Elas sempre contan. Biblioteca Pública Antonio Odriozola, Pontevedra
18.00 h | Cris de Caldas. Contos en lila. Biblioteca O Grove
18.00 h | Marta Ortiz. Coser e contar. Biblioteca Caldas de Reis
19.30 h | Quico Cadaval. Contos Daki. Biblioteca Neira Vilas, Vigo
20.00 h | Celso Fernández Sanmartín. Inverno en café. Casa de Javier de Pascasio, Lalín 20:30 h | Atenea García. Vicio houbo sempre. BPM Caldas de Reis

22 DE MARZO
12.00 h | María da Pontragha. Contos entre cordas. O Salón, Pontevedra
12.00 h | Dani Blanco. Rogelio. Festa da Primavera, Covelo

19.00 h | Atenea García e Vero Rilo. Bailen as vellas, os contos das cereixas. Biblioteca de Galicia, Santiago de Compostela
20.30 h | Quico Cadaval e Celso Fernández Sanmartín. Contos na lareira. Teatro Colón, A Coruña

23 DE MARZO
12.00 h | Cris Collazo. Pepa a Loba. Xuntanza Abelleira, Arzúa
17.30 h | Inma Soto. Sabores do pasado, praceres do presente. Casa Do Bico, Becerreá
18.00 h | Cris de Caldas. Contos para entender(nos) mellor. Festival Singular, Narón
18.00 h | Dani Blanco. Circo na biblioteca. O Salón, Pontevedra
18.00 h | Caxoto. É meu amigo! Auditorio Illa de Arousa

24 DE MARZO
9.45 e 11.45 h | Raquel Queizás. Cinema de historias da man de Alice Guy. O Salón, Pontevedra
10.00 h | Sole Felloza. Narracion Oral na Radio da Escola. CPI de Vedra
18.00 h | Raquel Queizás. Cinema de historias da man de Alice Guy. O Salón, Pontevedra

25 DE MARZO
10.00 h | Sole Felloza. Xeografía do imaxinario. CPI A Xunqueira, Fene
16.30 e 18.00 h | Marta Ortiz. Tralará. Biblioteca de Vilalba
17.00 h | Ángeles Goás. Contos de igualdade (para non perder). Espazo Ágora, A Coruña
18.00 h | Larraitz Urruzola. Historias de ida e volta. Fest Ahoz Aho, Amezketa-Gipuzkoa
18.00 h | Caxoto. Contos vellos, novos finais. Museo Interactivo da Historia, Lugo

26 DE MARZO
9.30 h | Raquel Queizás. Na túa man. CPI de A Cañiza
9.45 e 11.45 h | Inma Soto. Xela, a superheroína de aldea. O Salón, Pontevedra
18.00 h | Larraitz Urruzola. Historias de ida e volta. Fest Ahoz Aho, Tolosa-Gipuzkoa
18.00 h | Inma Soto. Xela, a superheroína de aldea. O Salón, Pontevedra
18.30 h | Caxoto. Contos a pé de rúa. Biblioteca Pública Municipal Pastoriza, Arteixo

27 DE MARZO
10.00 h | Paco Nogueiras. Contacontos musicais. Biblioteca CEIP Montemogos, Pontevedra
12.00 h | Paco Nogueiras. Contacontos musicais. Biblioteca CEIP A Pedra, Pontevedra
18.00 h | Cris de Caldas. Menú de contos. BPM As Pontes
18.00 h | Larraitz Urruzola. Historias de ida e volta. Fest Ahoz Aho, Oñati-Gipuzkoa
18.00 h | Caxoto. O berce das verbas. Biblioteca Pública de Ourense

28 DE MARZO
10.00 h | Dani Blanco. Festa Clube lectura. O Salón, Pontevedra
10.00 e 11.00 h | Larraitz Urruzola. Historias de ida e volta 2. Fest Ahoz Aho, Ordizia-Gipuzkoa
10.00 h | Paco Nogueiras. Contacontos musicais. Biblioteca CEIP A Ponte, Lugo
12.00 h | Paco Nogueiras. Contacontos musicais. Biblioteca CPR Fingoi, Lugo
20.00 h | Sole Felloza. Acender a noite. CS Abanqueiro, Boiro
20.30 h | María da Pontragha. Coa palabra na boca. Arzúa

29 DE MARZO
12.00 h | Inma Soto Xela, aventura na fraga. Estaleiro do Purro, Bueu
12.00 h | Caxoto Avoa, neto e burro. O Salón, Pontevedra

20.00 h | Atenea García Vicio houbo sempre. Festival Singular, Narón
20.00 h | Quico cadaval Notas a rodapé. Casa Museo Manuel María, Outeiro de Rei

30 DE MARZO
12.00 h | Caxoto Manual para deitarse e durmir. O Salón, Pontevedra
12.00 h | Quico Cadaval Estudio, Vigo

31 DE MARZO
10.00 h | Raquel Queizás Cambio e conto. Sesión escolar Auditorio de Valdoviño
16.00 h | Sole Felloza Fame de historias. CPI Xesús Golmar, Lalín

*Programa suxeito a modificacións

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Imaxe: Cidade da Cultura.

Preséntase o programa do festival Escenas do Cambio 2025

Foto: Cris Andina. AISGE.

Os Mestre Mateo en danza