O festival de danza e artes do movemento 6coreógrafas está a celebrar a súa quinta edición no concello da Estrada. O evento, que conta co apoio da Xunta de Galicia, inaugurouse onte e desenvolverase tamén durante o día de hoxe, cunha ampla programación que combina espectáculos e actividades formativas.
O festival, dirixido pola coreógrafa e bailarina Paula Quintas, arrancou onte pola tarde, cunha nova sesión do ciclo de conversas Entre formas e palabras, na Casa das Letras, ás 18.00 horas, enmarcado dentro do programa itinerante deseñado e organizado conxuntamente pola Xunta de Galicia e a Fundación Paideia Galiza co obxectivo de impulsar o talento e a profesionalización do sector. O faladoiro, titulado Da idea ao escenario: creación, contou coa participación de Rut Balbís, coreógrafa e docente en danza contemporánea, e Paloma Muñoz, directora da compañía SIberia. A conversa incluíu ademais a presentación de Ollos cara a dentro da compañía iXa Danza, interpretada por Elena Castellanos e Xián Martínez.
Estreas e funcións
A xornada de hoxe, sábado 4 de outubro, abriu co obradoiro Corpos en acción, impartido por Raquel Ferradás no Museo MOME, orientado a público infantil e xuvenil así como ao alumnado da Escola Municipal de Artes Escénicas da Estrada. Xa ao mediodía, o Novo Mercado acollerá unha sesión vermú coa intervención de Alfonso Medina, e o seu espectáculo de soundpainting, no que música e danza dialogan en tempo real.
Pola tarde, a Alameda converterase no gran escenario das pezas de rúa. Ás 18.30 horas terá lugar a estrea de Diz-me meu amor, na que Raquel Ferradás e María de Vicente “celebran a complicidade, o coidado e a forza construíndo un espazo íntimo e poderoso a través de xestos sostidos, miradas cruzadas e pasos entrelazados nun acto de celebración dos lazos que curan, do amor que non esixe, que acompaña e eleva”. As artistas concibiron esta peza como “unha homenaxe a todas as formas de amor entre mulleres que se escollen, apoian e celebran mutuamente en liberdade”.
De seguido, Alba Cotelo presentará o seu solo Monte, “que tende pontes entre Galicia e Cuba desde a visión dunha muller que puido vivir a emigración de ida e volta”. O seguinte espectáculo será WTF!, unha mestura de xogo e movemento coa historia de dúas criaturas chegadas á Terra desde outro planeta da man de Cris Vilariño e Diego Buceta. A xornada pecharase coa proposta galego-portuguesa Alleo, da compañía Colectivo Glovo, que desenvolve desde a danza a idea das antigas atalaias.
Ademais, como extensión do programa, o 11 de outubro ás 11,00 horas celebrarase o obradoiro Xogos en movemento, dirixido por Arturo Cobas e un artista convidado. Esta actividade, destinada a público adulto e ao alumnado da Escola Municipal de Artes Escénicas.

- O festival internacional Galicia Magic Fest está a celebrar a súa novena edición - 03/01/2026
- Falece o actor Miquel Insua - 31/12/2025
- ButacaZero despide ‘IRIBARNE’ - 30/12/2025



