A ciencia dos anxos é unha obra con dous personaxes, dúas escenas e que ocorre en dous días consecutivos, aínda que con moitas referencias ao pasado. Conta a historia de amor entre Luz e Gabriel, ambos biólogos moleculares. Luz e Gabriel levan traballando xuntos no mesmo laboratorio durante anos, case sen profundar nas súas conversas, mais coñecéndose e namorándose nos diálogos repetidos, nas accións cotiás, nos silencios e nos xestos amábeis que fan o un polo outro, sen nin sequera saber que o outro é consciente deses coidados que se lle ofrecen. Pois son cuestións que non se verbalizan, que se deixan ir…
O tema da súa comunicación muda o día que Luz ten algo novo que contar e que vai afectar ao seu futuro laboral e persoal. A raíz de aí vanse contando acontecementos da súas vidas e pouco a pouco van desvelando a súa historia oculta e os seus sentimentos ao tempo que falan do mundo científico, da sociedade, o amor, da ética e dos seus proxectos futuros.
É moi fermosa a historia froito da casualidade, aínda que nada é casual e todo sucede por un algo, a raíz da cal Gabriel pode coñecer as outras caras da poliédrica Luz. Así como a toma de conciencia do papel que xogan eles no seu traballo, sendo pezas dun plan preestablecido, froito da causalidade, que non da casualidade; como ben explica Gabriel nun momento da obra.
O final é esperanzador e fermoso, tanto dende o punto de vista persoal como laboral dos protagonistas.
É un texto moi axeitado para traballar en secundaria, desde unha perspectiva da crítica social e a ética. Pode ser motor para indagar no coñecemento dos campos mórficos, que ben se poden aplicar tanto ás estruturas sociais como familiares.
Inma António é actriz, escritora e deseñadora. É presidenta da Academia Galega de Teatro e foi a primeira muller en gañar o Premio Rafael Dieste de Textos Teatrais, ao que se presentou baixo o pseudónimo de Fulcanelli, pseudónimo, á súa vez ,dun alquimista do século XX.
Produccións Librescena estreou esta obra no 2005, interpretada pola propia Inma António xunto a Miguel Pernas, quen ademais foi o director.