Diálogo do can co seu amo

Ouveos apocalípticos e caricias integradas

| Roi Vidal Ponte |

Cans e cadelas levan tanto tempo vivindo ao noso carón que acadaron dereitos humanos. Mesmo o egoísmo e a maldade. Como nunha nova entrega de Bernard Marie Koltés, o home é un lobo para o home, e o combate está servido.

Os personaxes enfróntanse ao diálogo con desigualdade, como se o dono ignorase que o animal pode ser tan astuto como para lle roubar a comodidade do sofá. O espello invertido que o autor coloca entre os dous arquetipos, o do sen-teito amuado e o do can sedutor, eleva a comedia a drama filosófico, con ese aquel platónico que fai do diálogo unha forma civilizada de violencia.

Algo tería que ver Samuel Beckett para que o francés Jean Marie Piemme artellase esta fábula super-realista que ora mete unha pata na lama da indignación social propia dos tempos (a versión francesa, Dialogue d’un maître avec son chien sur la nécessité de mordre ses amis, publicouse no ano 2008), ora unha man nas máis elevadas disquisicións antropolóxicas da humanidade, pois a loita polo territorio e a dependencia mutua do dueto clownesco están en débeda cos finais e as esperas do autor franco-irlandés.

Mención especial merece a tradución galega, que insire as variacións oportunas para trasladar a acción a un contexto familiar, como demostran a inclusión de conceptos como indignado ou tarxetas black e o bo traballo na procura dun léxico autóctono.

Mais os alicerces do drama precisan de algo máis que de uralita para se erguer do chan. Os actores encaran o traballo desde a verbalización do texto sen que practicamente nada máis que a palabra estableza pontes coa butaca. Unha proposta visualmente pobre e escenicamente precaria, falta de momentos verdadeiramente intensos e que pasa polos momentos cómicos sen espertar grandes risotadas impide que agromen ás emocións buscadas polo texto. Déixaselle todo o peso á interpretación sen lle dar o peso que a interpretación merece. O aire, a pausa e os aloumiños que un actor precisa. E as palabras entran como ósos duros de roer.

Celso Parada, no papel de sen-teito, é máis crible canto máis dialectal o é a súa pronuncia, aínda que a velocidade dificulta unha adecuada dicción. Mundo Villalustre, que fai de can sen recorrer á animalización física máis alá da hiperactividade expresiva, acerta en facer un personaxe máis humano que o do seu partenaire, se ben adoece de certa tendencia ao estereotipo que unha dirección actoral máis atenta podería ter evitado.

O espectáculo presenta unha estética como de teatro amador xa habitual na compañía, cunha escenografía descoidada e de case nula funcionalidade que confina o conxunto a un estatismo excesivo. E ao final, un bo punto de partida que podería ofrecerlle ao público algo semellante a unha versión teatral de La Strada de Fellini acaba desperdiciado por unha fe cega na suposta importancia do ritmo na comedia que confunde o dinamismo coa velocidade.

A velocidade: un vicio destes tempos que no só afecta ao teatro, mais que o teatro, se cadra en maior medida que calquera outra arte audiovisual, debería de ser quen de frear.

Diálogo do can co seu amo sobre a necesidade de morderlle aos amigos de Jean Marie Piemme
Compañía: Teatro do Morcego
Dirección: Celso Parada
Elenco: Celso Parada e Mundo Villalustre
Iluminación: David Deive.
Son: Pablo Costas.
Vestiario: Isabel Ávila.
Escenografía: Teatro do Morcego.

Teatro Principal de Ourense, 20 de decembro de 2014

Deixar unha resposta