Entrevista a João Pinto de Projeto Ez

| Xoán Carlos Riobó | 

Santa Maria da Feira, ao sur do Porto e a menos de hora e media de Tui, é a cidade elixida este ano como Capital da Cultura do Eixo Atlántico de cidades de Galicia e o Norte de Portugal. Projeto Ez é unha compañía de teatro de rúa itinerante creada nesta vila portuguesa no ano 2012. Participaron na última edición da Feira Europea de Artes Escénicas para Nenos e Nenas FETEN, celebrada na cidade de Xixón entre os días 18 e 23 de febreiro.

 

Por que creastes a compañía?

Encántame a rúa e a experimentación. Eu medrei co Festival Internacional de Teatro de Rúa Imaginarius, que se celebra todos os anos en Santa María da Feira no mes de maio. É algo moi especial para min porque son desta localidade. Este proxecto naceu no Imaginarius con apoio do festival.

De que se compón o proxecto?

É un desafío de construción de máquinas. Despois encántame ofrecelas ao público. Componse de once proxectos diferentes. Case sempre con vehículos eléctricos. A idea é facer algo para a sociedade e animar á xente. Encántame o sorriso das persoas.

Son para todo tipo de público?

A maioría son para nenos e para desfrutar toda a familia. Agora, o 3 de marzo estreamos no Xardín da Fábrica das Ideas de Gafanha de Nazaré (Ilhavo-Portugal) ás 21:30 un novo espectáculo que é para adultos. Manusear é unha composición de 15 metros de largo con música en directo. É moi diferente.

Podíasnos comentar en que consisten os proxectos que trouxestes a FETEN?

Viñemos con tres. Ez sub, Ez aviador e Dragonología. O submarino é unha máquina escénica que leva ás crianzas dentro, converténdoas en actores. Eles poden poñer uns auriculares para escoitar unha mensaxe. Está en español, portugués e inglés. Fala dunha viaxe ao fondo das profundidades. Faise xogando pero fala de algo moi especial, da auga, que é a fonte do universo e hai que coidala. O avión é especificamente para xogar coas persoas. O dragón é algo encantado, de pura animación. Quería dar a sensación de realidade. Encántame entrar no imaxinario das persoas e que xoguen co animal.

Que vos parece FETEN?

É a primeira vez que participamos. Como vin a traballar non puiden ver nada. É importante para falar coas persoas e ter novos contactos. Agora estamos preparando o mercado internacional. Queremos coñecer outros públicos.

Deixar unha resposta