in

O Festival Atlántica celebra o Día Mundial da Narración Oral

narraoral |

En Santiago, Manuel Gago estreará o paseo con contos A Almáciga: cando as periferias explican o mundo, mentres que o camerunés Boniface Ofogo ofrecerá dous espectáculos en Lalín.

 

O Festival Atlántica participa este martes, 20 de marzo, nas celebracións do Día Mundial da Narración Oral cun paseo con contos por Santiago da man de Manuel Gago e dous espectáculos de Boniface Ofogo en Lalín. O Atlántica súmase deste xeito á gran festa da narración oral, unha celebración que empezou no ano 1991 en Suecia e que este ano ten como tema ‘os tolos sabios’. As tres actividades son gratuítas, pero no caso da andaina as prazas son limitadas e teñen prioridade os mozos menores de 35 anos. Hai unha porcentaxe reservada para o público xeral e pódese solicitar no correo [email protected].

Publicidade

Esta celebración chega tras recibir da Deputación da Coruña o recoñecemento que inclúe o Festival Atlántica no Banco de Boas Prácticas en Xestión Cultural. Goretti Sanmartín Rei, vicepresidenta da Deputación, e Alberto de Boiro, presidente da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC), foron os encargados de lle entregar a placa distintiva a Soledad Felloza, directora do Atlántica, na Gala de Clausura celebrada este sábado no Teatro Principal. Desde o Banco de Boas Prácticas, saliéntase o labor do Atlántica a prol da posta en valor do patrimonio inmaterial galego e da tradición oral, da exhibición de espazos alternativos e da valoración dos contadores como xénero dramático.

 

A festa da palabra

Tras a boa acollida que tivo durante o festival o espectáculo Compostela Negra: No rueguen a Dios por él, Gago repite a fórmula da andaina con contos, pero desta volta co espectáculo titulado A Almáciga: cando as periferias explican o mundo. Esta actividade comezará ás 18:30 horas e partirá do Centro Xove da Almáciga, entidade que colabora na realización desta actividade xunto á Concellaría de Mocidade de Santiago de Compostela.

A Almáciga é un barrio periférico, un barrio da cidade ao que non acoden os turistas. Mais na Almáciga materialízase o relato de Galicia desde a Idade Media ata os profundos cambios do país nos últimos cincuenta anos. Os participantes na actividade percorrerán vidas e segredos, xentes e batallas, memorias agochadas e historias de vida que, malia estaren ao noso carón, fican moitas veces invisibles.

No tocante ás funcións de Boniface Ofogo en Lalín, a primeira será no Museo Municipal Ramón María Aller, ás 18 horas, e estará dirixida aos nenos entre 3 e 8 anos. Os pequechos van gozar das historias de O león Kandinga, un espectáculo baseado no libro do mesmo título que é unha fábula sobre os comportamentos humanos. Un convite a unha viaxe imaxinaria ata a afastada sabana africana para coñecer os seus habitantes.

Un chisco máis tarde, ás 20:30 horas, e no mesmo sitio, os adultos tamén terán a oportunidade de gozar coas historias de Ofogo na función Contos eróticos africanos. Nesta sesión os asistentes van poder percorrer o mundo erótico da África tradicional e descubrir que posúe humor, picardía e un sentido moi avanzado da sexualidade.

 

Sobre os artistas

Publicidade

O xornalista e escritor Manuel Gago é director de culturagalega.gal, a plataforma de divulgación cultural do Consello da Cultura Galega, amais de profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. Entre as súas obras destacan Herdeiros pola forza. Patrimonio, sociedade e poder na Galicia do século XXI (2.0 editora), Vento e Chuvia. Mitoloxía antiga de Galicia (Xerais, 2014) e a novela O Anxo Negro (Xerais, 2016). É o responsable de Capítulo Cero (www.manuelgago.org/blog), unha das bitácoras máis veteranas da blogosfera galega.

Boniface Ofogo naceu e criouse nunha aldea do interior de Camerún. Chegou a España en 1988 para estudar Filoloxía Hispánica e en 1992 comezou a traballar como narrador. Exerceu de mediador intercultural no Concello de Madrid, pero dende o 2005 dedícase en exclusiva a percorrer escolas, bibliotecas e centros culturais relatando historias de valor didáctico e cultural. É especialista en fábulas, lendas, mitos e tradicións da África negra. Os seus contos xa percorren case toda España e países como Francia, Brasil, Costa Rica, Colombia ou Arxentina.

Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ez aviador |

Entrevista a João Pinto de Projeto Ez

ASSITEJ2018 |

Día Mundial do Teatro para a Infancia e a Mocidade