in

Resoltas as axudas á produción escénica da Agadic

backstage2 |

Un total de trinta producións obtiveron a puntuación necesaria para acceder as axudas, entre eles, dúas de danza. 

 

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria fixo pública hoxe a relación de proxectos subvencionados e non subvencionados, puntuacións e contías concedidas ao abeiro da súa convocatoria de axudas á produción escénica para 2017, de acordo coa convocatoria publicada no DOG núm. 243, do 26 de decembro de 2017.

As propostas beneficiarias son, en concreto, nove montaxes de empresas de recente creación, outras 13 de pequeno formato, seis de formato medio e dúas de gran formato, todas elas con data de estrea entre o pasado 1 de abril e o 31 de marzo de 2019.

O importe global das axudas é de 650.000 euros, 50.000 máis que na convocatoria do ano pasado. As bases establecen como finalidade destas subvencións o fomento da produción escénica, en calquera das súas disciplinas artísticas, por parte de compañías profesionais con actividade en Galicia cuxas propostas se estreen entre o 1 de abril de 2018 e o 31 de marzo de 2019. Concrétase, así mesmo, que a produción dos espectáculos deberá iniciarse no exercicio de 2018.

Estas axudas manteñen as catro modalidades das convocatorias anteriores, segundo se trate de montaxes levadas a cabo por compañías de nova creación e que non superen os 20.000 euros de orzamento; espectáculos de pequeno formato (ata tres intérpretes) que non excedan os 30.000 euros; de mediano formato (con entre catro e sete intérpretes) e que non contemplen máis de 60.000 euros de orzamento; e espectáculos de gran formato (compostos por máis de sete actores e actrices, manipuladores, bailaríns ou músicos en escena) e que non rebasen os 80.000 euros.

O obxectivo destas subvencións é favorecer a estrea de novas producións galegas cara á súa progresiva incorporación nas próximas carteleiras de salas, teatros, auditorios e festivais.


Publicidade

A convocatoria que se acaba de resolver introduciu como novidade un mecanismo de discriminación positiva para garantir o apoio á produción dun mínimo de dous espectáculos de danza. Así, os proxectos coreográficos que recibirán subvención son Alma (9.985 euros), coprodución de Traspediante e Duelirium, e A gala (7.703 euros), de Licenciada Sotelo.

O primeiro deles resultou beneficiario na modalidade dirixida a compañías de nova creación, que sitúa o límite de antigüidade das empresas solicitantes en cinco anos. Xunto con Alma, tamén son adxudicatarias nesta categoría seis propostas de teatro infantil (A nena e o grilo máis alá, de Magín Blanco, con 15.932 euros; Nómades, de Xarope Tulú, con 15.378 euros; Cantamos?, de Luis Vallecillo González, con 14.972 euros; A toupiña, de A Xanela do Maxín, con 13.756 euros; Mar adiante, de Odaiko, con 12.975 euros, e Teatro á feira, de A Cova das Letras, con 7345 euros) e dous espectáculos teatrais para público adulto (Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos, de Matrioshka Teatro, con 12.757 euros, e Camaré, de Antón Coucheiro, con 4973 euros).

En canto á modalidade de pequeno formato, dirixida a producións de ata tres intérpretes, cofinanciaranse –xunto con A gala sete proxectos teatrais para público adulto (Sofía e as postsocráticas, de Inversa Teatro, con 20.576 euros; Dúas donas que bailan, de Teatro do Atlántico, con 19.606 euros; Nós (Historia de Galicia), de Malasombra, con outros 19.606 euros; Los limones, la nieve y todo lo demás, de Matarile Teatro, con 19.282 euros; A primeira vez, de Talía Teatro, con 16.535 euros; Arar, de Teatro Ensalle, con 16.083 euros, e Anatomía dunha serea, de Grupo Chévere, con 10.374 euros), así como cinco de teatro infantil (Caracol caracoleiro, de Baobab Teatro, con 21.249 euros; Auga que non vas beber, de Fantoches Baj, con 19.336 euros; Cronopios, de Títeres Cachirulo, con 17.904 euros; Contos do recreo, de Redrum Producións, con 17.776 euros, e Contos ao pé da cama, de Viravolta Títeres, con 14.436 euros).

En mediano formato, para montaxes de entre catro e sete intérpretes, os títulos subvencionados son un de novo circo (Mezzo, de Pistacatro Produtora de Soños, con 38.444 euros) e os cinco restantes, de teatro para público adulto: Commedia, un xogete para Goldoni, de Contraproducións, con 42.498 euros; Celebración, de Sarabela Teatro, con 40.825 euros; Viñémolo dar todo, de Voadora, con 37.665; Carpe Diem, de Producións Teatráis Excéntricas, con 36.680 euros, e A leituga, de Eme2, con 27.092 euros.

Por último, Teatro do Noroeste con Da avaricia, a luxuria e a morte (50.643 euros) e Os Monicreques de Kukas co espectáculo para público familiar Arquelina e Marchelino (47.598 euros) son as companías subvencionadas dentro da categoría de proxectos de gran formato, con máis de sete intérpretes en escena.

A relación completa dos proxectos subvencionados e non subvencionados, puntuacións e contías concedidas pode consultarse no web da Agadic.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

reboraina |

“O señorito da Reboraina” en Redondela

IMG 20180528 WA0001 |

Lalín acolle o Festival Transfronteirizo de Teatro Amador