Chévere inicia unha nova xira de “I’ll be watching you”

Hoxe, xoves 25 outubro, no IES Terra de Xallas de Santa Comba, Chévere inicia unha nova xira de I’ll be watching you (hei estar vixiándote), unha peza dirixida a público adolescente para denunciar a violencia machista contra as mulleres.

A compañía segue a desenvolver o seu teatro con perspectiva de xénero recuperando e actualizando uha peza creada en 2011: trátase de I’ll be watching you, un proxecto pedagóxico, teatral, lúdico e musical que analiza os roles de xénero que transmiten as cancións de temática amorosa da música comercial de consumo masivo. Para esta nova versión actualizouse completamente o repertorio de cancións, adaptando algúns dos temas tratados ás novas sensibilidades da mocidade. Os obxectivos seguen sendo os mesmos: actuar na prevención da violencia de xénero e promover o pensamento crítico entre o público adolescente. Desta volta, a obra conta co apoio da Secretaría Xeral de Igualdade para chegar a unha ducia de concellos pequenos de toda Galicia.

I’ll be watching you fala dos valores que moitas veces se agochan detrás das baladas románticas, cuestionando os estereotipos ríxidos de home e muller que non contemplan outras opcións, o mito do amor romántico e a entrega total, o sentimento de propiedade sobre a outra persoa, o acoso e a cosificación sexual da muller ou a connivencia coa violencia. Fala das relacións de igual a igual fronte ás que non o son, da autoestima, da rebeldía, da necesidade de reacción das propias mulleres e dos homes para poñer fin á violencia de xénero.

 

Sinopse

Yeni é a vocalista e Dami o guitarrista dunha orquestra de pachanga. Veñen ofrecer unha gala matinal acústica, repasando o típico repertorio de éxitos do pop, da música latina, reguetón e trap, esa música que soa en todas partes e supostamente neutral, apolítica. Entre tema e tema, Yeni introduce o relato da súa propia experiencia vital como muller, facendo participar ao público dunha nova e crítica lectura dos valores que transmiten as cancións que canta.

 

Ficha

En escena: Patricia de Lorenzo, Manuel Cebrián. Idea e creación: Chévere. Dramaturxia e dirección: Xron. Asesoramento musical: Xacobe Martínez Antelo
Produción e vestiario: Patricia de Lorenzo, Arantza Villar. Comunicación: Xana García.

Unha produción que conta co apoio da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.

Deixar unha resposta