in

O Premio Laudamuco apoia a creación teatral en galego

PremioLaudamucoCCG |
O premio terá carácter anual e estará dotado con 7.000 euros e coa edición da obra a cargo de Edicións Positivas.

 

O Concello de Brión, en colaboración coa Academia Galega de Teatro e con Edicións Positivas, convocan a primeira edición do Premio Laudamuco para textos teatrais. Un galardón de carácter anual, dotado con 7.000 euros e coa edición da obra, e que estará aberto a autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten unha obra dramática inédita, nunca antes premiada e escrita en lingua galega antes do 15 de febreiro de 2019.

O premio foi presentado onte no Consello da Cultura Galega por José Luís García, alcalde de Brión; Inma Antonio Souto, presidenta da Academia Galega de Teatro; Francisco Macías, fundador de Edicións Positivas; e Dolores Vilavedra, secretaria do Consello da Cultura Galega. O alcalde de Brión agradeceu a colaboración de ambas entidades “na creación deste Premio Laudamuco de teatro, que busca un dobre obxectivo: apoiar a creación dramática en galego e contribuír ao recoñecemento da figura de Roberto Vidal Bolaño, un mestre das palabras, a figura máis importante do teatro galego e un benquerido veciño de Brión”.

 

Bases do premio

O galardón toma o nome da obra Laudamuco, señor de ningures, a peza coa que o teatro galego iniciou a súa singradura profesional o 16 de maio de 1978 da man da compañía Antroido, dirixida por Roberto Vidal Bolaño. Unha iniciativa determinante para o conxunto do sistema teatral galego e sen a que non se podería explicar a súa historia posterior.


Publicidade

Poderán optar ao premio todas as autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten obra dramática inédita e nunca antes premiada, sempre que estea escrita en lingua galega. O tema e a extensión da obra será libre. A dotación económica do premio será de 7.000 euros e a edición da obra gañadora, que correrá a cargo de Edicións Positivas.

O prazo de admisión de orixinais rematará o día 15 de febreiro de 2019. De cada obra presentaranse cinco copias asinadas cun lema, en paquete sen remite, dirixido á Casa da Cultura de Brión (Carballeira de Santa Minia nº 5, C.P. 15865, Brión. A Coruña). Deberase indicar no exterior do sobre I Premio Laudamuco para Textos Teatrais, 2019”. Nun sobre anexo pechado deberá figurar: o lema (no exterior) e os datos persoais da autora ou autor: nome, apelidos, DNI, enderezo postal, número de teléfono, correo electrónico e currículo da autora ou autor (no interior).

O xurado do premio estará composto por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito da arte teatral. Será proposto pola Academia Galega de Teatro e nomeado polo alcalde de Brión. Actuará como secretario/a a persoa elixida por maioría entre os membros integrantes. Na proposta de resolución do xurado haberá unha única obra gañadora. Unha vez emitida a súa resolución, procederase á apertura da plica gañadora nun acto público na data e lugar que se anunciarán oportunamente. O veredicto do xurado, que poderá declarar deserto o premio, será inapelable.

A entrega do I Premio Laudamuco terá lugar o 16 de maio de 2019 no transcurso dun acto organizado polo Concello de Brión co gallo do 41 aniversario da posta en escena de Laudamuco, señor de ningures. Trala entrega e aceptación do premio, a Academia Galega de Teatro resérvase o dereito de facer unha lectura dramatizada do texto sen que iso supoña compensación económica para o/a autor/a premiado/a.

Os orixinais non premiados poderán ser retirados das dependencias da Casa da Cultura do Concello de Brión no prazo de 30 días naturais a partir do seguinte da decisión do xurado. Aqueles orixinais que non sexan retirados serán destruídos.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Titiriberia2018 |

O III Festival Titiriberia celébrase entre o 4 e o 11 de novembro en Teo

ChevereWatching |

Chévere inicia unha nova xira de “I’ll be watching you”