Falece Gustavo Pernas Cora

Gustavo Pernas Cora (Viveiro, 1959), unha figura fundamental do teatro galego das últimas décadas, faleceu hoxe. Cunha amplísima traxectoria na escena teatral, Pernas combinou ao longo da súa extensa carreira a actuación e a dirección teatral, a escrita de textos dramáticos e teóricos, e a dobraxe coa investigación.

Dedicado profesionalmente ao teatro dende 1985, no ano 1989 fundou con Anxela G. Abalo a compañía de teatro Áncora Producións na que dirixiu e interpretou os seus propios textos. O galego, a mulata e o negro –pola que recibiu o Premio Compostela ao Mellor Texto Dramático sendo nominado como Mellor Actor Protagonista e Mellor Espectáculo–, Ladraremos –que gañou o Premio María Casares de Teatro ao Mellor Texto Dramático Orixinal, quedando finalista como Mellor Actor Protagonista e Mellor Espectáculo–, Fábula –nominada en seis apartados nos Premio María Casares de Teatro–, Anatomía dun hipocondríaco, Sucesos, Paso de cebra, Colgados, Pisados, Snakizados… son só alguns dos títulos que dirixiu e puxo en escena.

Gustavo Pernas tamén foi autor de relatos e guións de televisión e realizador de curtametraxes, actor e director de dobraxe, colaborador en distintos programas de radio, membro da Comisión Técnica de Teatro da Ponencia de Artes Musicais e Escénicas do Consello da Cultura de Galicia –onde organizou en 2000 as Xornadas sobre Escrita Dramática e participou na publicación do Proxecto para a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia–… na actualidade impartía clases na Escola de Imaxe e Son de A Coruña.

Figura fundamental dos inicios do teatro profesional en Galicia, Pernas recibiu o Premio Compostela por O galego, a mulata e o negro (1990), o María Casares de Teatro por Ladraremos (1996), o Rafael Dieste por Footing (2001) e Final de película (2006); o Max de las Artes Escénicas por Paso de cebra (2004) e Final de película; e o Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega por Medidas preventivas (2007); o premio Álvaro Cunqueiro por Isóbaras (20129… Ademais, en 2008 foi recoñecido co Premio Roberto Vidal Bolaño pola súa traxectoria artística xunto a Anxela G. Abalo e Ancora Produccións.

Mañá, 30 de outubro, ás 20:30, haberá un acto de despedida no tanatorio Albia da Coruña.

 

 

 

2 comentarios

Vaise unha gran persoa do teatro galego e un creador total: autor, actor, director, ensaista, docente, etc. Sempre permanecerá na memoria a súa elegancia e o seu talento, que desenvolveu na compaña imprescindible de Ánxela G. Abalo. O seu espírito continúa a través das súas obras.

Deixar unha resposta