in

Michael Clark pechará a nova edición de GUIdance

Michael Clark©Hugo Glendinning |
O GUIdance, o festival de danza contemporánea de Guimarães, celebrarase entre os días 7 e 17 de febreiro de 2019. Serán once espectáculos, entre eles seis estreas absolutas, nos que danza se mestura coa música, o teatro e mesmo a robótica. | Foto: to a simple, rock’n’roll… song de Michael Clark © Hugo Glendinning |

 

Drama, de Victor Hugo Pontes, abre o festival o día 7. Nesta nova creación, Pontes continúa o traballo de procura dunha nova linguaxe artística, situada algures entre a palabra e o movemento. Despois de Se Alguma Vez Precisares da Minha Vida, Vem e Toma-a, a partir de A Gaivota de Chekhov (que xa se puido ver en estrea absoluta no GUIdance de 2016), desta vez o punto de partida é a peza seminal de Luigi Pirandello Seis personaxes á procura dun autor. Esta nova coreografía do creador vimaranense chega ás 21:30 ao palco do Grande Auditorio do Centro Cultural Vila Flor.

Coreógrafo en destaque desta edición, Victor Hugo Pontes vai presentar, o dia 13, tamén no CCVF, unha nova montaxe de Fuga sem Fim, obra estreada en 2011 que se apoiou no traballo do fotógrafo João Paulo Serafim para explorar a idea de fuga permanente.

O segundo dia do festival é o resultado dun desafío lanzado polo GUIdance á banda Mão Morta e á coreógrafa Inês Jacques para desenvolveren un proxecto conxunto. Deste xeito, un grupo de seis músicos e un grupo seis de bailaríns xúntanse para presentar unha deconstrución do espectáculo de música e de danza: No Fim Era o Frio. A banda – neste caso os Mão Morta, formación mítica do rock portugués – crea o escenario onde deambulan os corpos, en movementos imaxinados por Inês Jacques. Con música orixinal de Miguel Pedro e António Rafael e narrativa de Adolfo Luxúria Canibal, No Fim Era o Frio represéntase o 8 de febreiro ás 21:30 na Black Box da Fábrica ASA.

O día 9 será a quenda de Um Ponto que Dança, espectáculo-obradoiro de Sara Anjo a partir do libro do mesmo nome da artista, que se desenvolve en dúas partes: unha lectura dramatizada da obra e un conxunto de exercicios centrados na idea de un punto que danza para crianzas e familias.

A danza desprázase logo ao CIAJG coa estrea absoluta de anesthetize. Hai unha asociación pouco obvia entre as ideas de anestesia e movemento, mais é a partir desa aparente contradición que a prolífica criadora Maurícia Neves (coreógrafa e performer, e tamén autora de instalacións e música) fixo nacer anesthetize, peza para tres corpos femininos coa cal se estrea no GUIdance.

Os últimos pasos deste día serán dados no escenario maior do CCVF pola compañía Wang Ramirez. Autores dunha linguaxe que cruza hip-hop, ballet e movementos de artes marciais, o dúo Honji Wang e Sébastien Ramirez construíu, desde 2010, unha sólida carreira que os levou a algúns dos principais centros de danza mundiais. A compañía estréase en Portugal con Everyness, peza que trae a escena o tema das relación humanas, sexa a amizade ou o amor romántico.

Ás 21:30 do día 14 de febreiro, a compañía Útero retorna a Guimarães con outra estrea absoluta: Fraternidade I + II, da autoría de Miguel Moreira, é un díptico dividido por un intervalo. Como se fosen dúas pezas xemelgas, ou o lado A e B dun disco. Fraternidade I + II explora a relación entre masculino e feminino a partir do elo mais forte que liga os seres humanos: a fraternidade.


Publicidade

Ao día seguinte, á mesma hora, Jonas & Lander (Jonas Lopes e Lander Patrick) presentan Lento e Largo na Black Box da Fábrica ASA, no que se viaxa ao universo da robótica. Os robots que danzan son un dos elementos que contribúen ao que chaman poética da alucinación. Inspirados polo surrealismo, reclaman a ficción como espazo que desafía a racionalidade.

O día de peche do GUIdance 2019, ás 11:00 e ás 15:00, é tempo de navegar polo Oceano creado por Ainhoa Vidal no Pequeno Auditório do CCVF. A poesía que se pode imaxinar a partir dos animais e plantas que se atopan no fondo do mar é a materia a partir da cal se constrúe este espectáculo para crianzas dende 6 meses aos 2 anos.

Ás 18:30, a peza Dos Suicidados – O Vício de Humilhar a Imortalidade de Joana von Mayer Trindade & Hugo Calhim Cristovão estréase na Black Box do CIAJG. O traballo deste dúo asenta nun diálogo entre a experimentación, o pensamento e o discurso crítico. O espectáculo prosegue a súa investigación sobre escritores portugueses, partindo agora da obra de Raul Leal.

O reputado coreógrafo e bailarín escocés Michael Clark pechará esta edición do GUIdance. Clark regresa a Portugal despois do seu paso, hai dous anos, pola Serralves, coa peza to a simple, rock’n’roll… song. A obra, estreada en 2016, é unha viaxe en tres actos pela música de Erik Satie, Patti Smith e David Bowie, mais evoca tamén a danza clásica, as artes visuais e a moda.

 

Actividades paralelas

As actividades paralelas inclúen masterclasses (8 e 15 febreiro) coas compañías Wang Ramirez e Michael Clark; conferencias nas escolas con Cláudia Galhós (7 e 13 febreiro); e debates (9 e 16 febreiro) moderados pela mesma xornalista. Ademais, haberá obradoiros para familias orientados por Ángela Diaz Quintela (10 e 17 fevereiro) e encontros que levarán a Adolfo Luxúria Canibal e Victor Hugo Pontes ás escolas do concello de Guimarães, os cales asumirán o papel de Embaixadores da Danza (5 e 11 fevereiro), partillando o seu percurso, a súa experiencia de vida e as súas visión artísticas.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

ColonZ5 |

O Teatro Colón celebra o seu 70º aniversario

Fernando Epelde |

Fernando Epelde gaña o I Premio SELIC na categoría de Teatro